06 maio, 2014

O libro de Carlos Negro


Pasadomañá , xoves, ás oito na libraría Vagalume, Carlos Negro presentará Penúltimas tendencias. 

Sempre esperamos con inquietude a presentación dun novo libro de Carlos e máis se é en Lalín.

Buscando na memoria da biblioteca, lembramos aquel primeiro número d'A Marela Tarabela. Daquela idearamos unha sección titulada O libro que me atopou, na que lle propuñamos a un lector/escritor que nos comentase o libro (ou un dos libros) que o atrapara.

Carlos realizara a primeira colaboración e este é aquel texto:



- - - 

Poe ese veleno xuvenil sen antídoto posíbel

Hai moitos moitos anos, nun reino moi afastado chamado Laliniput, cando aínda ninguén soñaba con ordenadores nin con teléfonos móbiles, un mozo tímido e apoucado descubría que as sensacións máis intensas do universo residían nun fermoso exemplar da colección Tus Libros, titulado El escarabajo de oro y otros cuentos, de Edgar Allan Poe (1809- 1849). Era aquel un reino algo cativo, onde, por desgraza, as traducións de clásicos da literatura universal á lingua galega resultaban aínda moi escasas.

Aquel mozo , por trescentas cincuenta pesetas, descubriu, de súpeto, unha maxia peculiar, un modo de narrar historias que envolvía a percepción do lector nunha rede de araña, nun calidoscopio de sensacións que xiraban en torno ao enigma máis recóndito entre todos os enigmas posíbeis: a mente humana , coa súa carga de obsesións e misterios, de razón e loucura, de intelixencia e delirio.

Logo de ler a Poe, de mergullarse a fondo nos relatos breves de Poe, nunca nada volveu ser igual; Poe foi para el (e coido que segue a selo) o primeiro mestre do conto literario, un hábil narrador formalista que modernizou a tradición gótica e romántica dos relatos de terror, detallando a vivencia do Medo desde a perspectiva psicolóxica do personaxe que a padece, desde a escuridade das covas máis profundas da súa conciencia, construíndo atmosferas opresivas co detallismo máis minucioso e terríbel. E só co poder imaxinativo que garda a Palabra: esa chave invisíbel que abre infinitos mundos virtuais. Coa axuda de Poe, aquel mozo foi madurecendo, volvéndose adulto; a través de Poe, descubriu facetas ocultas da complexa personalidade humana: non só os abismos do terror, senón, ante todo, os mecanismos da obsesión e da enfermidade, da perversión e da morte, da crueldade e da paixón; ademais, a través de Poe, aquel adolescente comezou a camiñar pola apaixonante senda do relato detectivesco, baseado na lóxica racional e na intelixencia analítica dos seus personaxes protagonistas, sobre todo de Auguste Dupin, ilustre predecesor literario de detectives tan famosos como Sherlock Holmes.

Pasaron xa moitos anos desde o fulgor da primeira e intensa lectura do libro ; logo de Poe, irían aparecendo, co pracer de moitas horas de lectura, outros mestres do relato breve: : Jack London, Horacio Quiroga, Julio Cortázar, Rafael Dieste... Mais sempre, e xa de por vida, o mozo de Laliniput garda no corazón aquela intensidade Poética dun autor que se fixo universal, a pesar dos tráxicos acontecementos que definen a súa biografía (outro relato capaz de impresionar a calquera persoa que estea posuída polo verme da curiosidade).

Nada máis: só dicirvos que probedes a ler a Poe, ese veleno sen antídoto posíbel.
- - -

A que entendedes que o recuperemos e non queiramos que se perda?

25 abril, 2014

[Rescate VII] E que tal o tempo (hai cincuenta anos)?

Entre eses documentos, xerados no instituto, que temos a obriga de custodiar, están os rexistros meteorolóxicos que -nunha pequena estación do centro- se obtiñan para remitirlle ao Servicio Meteorológico Nacional.

Trátase de formularios de carácter mensual nos que se recollen temperaturas e precipitacións. Os máis antigos son de febreiro de 1957 e os máis recentes de maio de 1966.

Se vos apetece ter unha idea de como eran, aquí tedes os correspondentes a 1964, é dicir, os de hai cincuenta anos.

Temperaturas 1964


Chuvias 1964

03 abril, 2014

R. 20.500


Chiripitifláutico ¡... es Don José!
Xa que ninguén atinou que o noso rexistro 20.000 se correspondía con Dúas caras moi atentas de Celso Fernández Sanmartín, imos poñer máis fácil a pregunta sobre o rexistro 20.500.

O fozabibliotecas que o pediu deixouse levar (nunca tal fixera)  por unha subelada de nostalxia (se cadra, de melancolía) que lle esgazou o peito nada máis ver a capa.

Cuestións:

1. En que tramo de idade andará o tal fozabibliotecas?
a) Entre os 10 e os 30 anos.
b) Entre os 30 e os 40 anos.
c) Entre os 40 e os 50 anos.
d) Máis dos 50 anos.
e) Moitinísimo máis dos 50 anos.

2. Pode un fozabibliotecas, xa non demasiado novo, ceder ante unha debilidade persoal como esa?
a) Si
b) Non
c) Depende do seu entusiasmo por Locomotoro