15 outubro, 2020

Banda deseñada no IES Aller Ulloa

Unha vez máis alumnado do noso centro recibe un recoñecemento pola creatividade no eido da banda deseñada, neste caso trátase de Álex Souto Sánchez e Sofía Gil Madriñán que veñen de ser premiados na 8ª edición do Certame de Banda Deseñada AX1 convocada polo IES Arcebispo Xelmírez de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Moitos parabéns a ambos e ao profesorado de Artes Plásticas que coordinou o traballo.

        Sofía e Álex, nun momento sen máscara con cara de satisfacción ante o espaza BD da Biblioteca

Na acta de concesión recóllense, entre outras, as seguintes reflexións:

Conceder o primeiro premio na categoría de 12 a 15 anos, dotado con 500 €, a Cortos de Glazes. Dimensión 4 de Alex Souto Sánchez, alumno do IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín, por presentar unha historieta novidosa e fresca, na que o debuxo e o deseño de páxina están ben traballados, amosando un emprego desenfadado dos recursos expresivos e condensando a capacidade do debuxante de condensar mundos propios en micronarrativas e unha arquitectura moi ambiciosa que ofrece un breve aperitivo, pois rematan xeralmente de xeito abrupto, o que suscita en quen as le o desexo dunha continuación. Salientamos tamén a súa habilidade para adaptar no formato da banda deseñada influencias diversas do mundo da televisión, os videoxogos, o cinema e outras artes. 

A seguir un detalle da obra:

Conceder o segundo premio, na categoría de 16 anos en diante, dotado con 200 €, a Un colar de picos e uns tacóns de agulla, por favor, de Sofía Gil Madriñán, obra fundamentada tanto nos aspectos formais como na mensaxe que transmite, e na que a autora reflicte o seu dominio sobre a linguaxe da BD e a soltura no manexo dos medios gráficos, que acompañan de forza e cor o contido, xogando coa montaxe das viñetas, combinando imaxes pequenas e detalladas ao comezo para rematar con grandes debuxos cheos de intención comunicativa, e tamén coas grafías, propiciando que a historia orgánica gañe forza acompañada da historia visual. A nivel técnico trátase dun traballo moi artesanal, que zumega intuición creativa e soluciona os problemas da montaxe das viñetas con efectividade. Ao mesmo tempo, a historieta formula unha alegación poderosa a prol da liberdade de xénero.

A seguir un detalle da obra:

Moitos parabéns para Álex e Sofía en nome da comunidade escolar do IES Ramón Mª Aller Ulloa.

Na web do IES Arcebispo Xelmíez I podedes ler integramente a ACTA do VIII Certame AX1 de Banda Deseñada


01 outubro, 2020

Quino. In memóriam

 

Desde a Biblioteca queremos renderlle unha sentida homenaxe a  Quino (Joaquín Salvador Lavado Tejón), quen vén de falecer en Buenos Aires aos 88 anos. 

Quino é o pai dunha das personaxes máis icónicas do mundo do cómic, Mafalda, criatura que conserva a frescura cultural malia que o autor deixou de publicala en 1973, iso si, seguen a reeditarse en todo o mundo ata a actualidade as marabillosas andainas desta nena sabia e respondona á que ficou Quino ligado para sempre.

Unha recomendación, a lectura de "Feminino singular", da que podedes ver a ficha na Marela BD.


E polo que nos toca de cerca, lembramos a información aparecida no 2007 en "La Voz de Galicia" baixo o seguinte titular:

"Manolito, o amigo galego de Mafalfa, vota nas autonómicas". Para lela preme no titular.

 

30 setembro, 2020

26-S. Día europeo das linguas

A iniciativa do Consello de Europa, desde o ano 2001 celébrase o Día europeo das linguas coa fin de pór en valor a diversidade lingüística da UE e promover a aprendizaxe de idiomas entre a cidadanía.

As restricións derivadas da COVID-19 non son impedimento para que desde  as aulas fagamos un percorrido virtual pola paxina oficial do Día europeo das linguas a fin de comentar entre o alumnado os obxectivos de tal celebración, destacando o feito de promover, preservar e potenciar a riqueza da diversidade lingüística e cultural de Europa.

Para máis información visita O portal da lingua galega.

https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/conmemoracions/dia-europeo-das-linguas
 

24 setembro, 2020

Día Internacional da Linguaxe de Signos

O 23 de setembro celebrouse o Día Internacional da Linguaxe de Signos, e queremos conmemoralo lembrando o vídeo de Adela Otero a Cantiga da montaña en lingua de signos, nun momento no que a situación actual supón co uso das máscaras unha seria dificultade para as persoas xordas que non poden ler os nosos labios cando falamos, o que dificulta moito a comunicación.


15 setembro, 2020

Normas de uso da Biblioteca para o curso 2020-2021



 
Para este curso 2020-2021 e seguindo as recomendacións protocolarias anti-COVID, a Biblioteca informa das seguintes medidas para o seu bo uso e correcto funcionamento:

1.    A biblioteca terá un aforo máximo de 27 persoas, sen contar o profesorado de garda, en cumprimento das condicións de seguridade establecidas polo protocolo anti-COVID.
2.    Só abrirá en horario lectivo de mañá, permanecendo pechada polas tardes.
3.    Accederase á Biblioteca pola porta principal gardando sempre a distancia de seguridade e utilizando a máscara protectora.
4.  O alumnado só poderá acceder durante os recreos, nunca durante as clases.
5.  Os lugares para sentar estarán identificados cun adhesivo de cor verde.

6. Daráselle ao alumnado ao entrar un adhesivo de cor para que o deixe pegado no lugar ocupado a fin de proceder á súa desinfección.

7. A devolución de libros ou outro material deberá de realizarase de xeito persoal sen intermediarios.

8. No momento da devolución só poderá haber unha persoa no mostrador da Biblioteca, gardando a distancia de seguridade.

9. Os libros devoltos deberán permanecer en caixas convenientemente identificadas e illadas como mínimo 4 horas antes de volver aos andeis.

10. Préstamos: Se alguén quere levar libros prestados deberá comunicarllo ao profesorado que estea na Biblioteca, non podendo collelos directamente dos andeis.

11. Non se poderán utilizar os ordenadores da biblioteca, como medida de protección contra a COVID-19.

12. Non se poderá usar o espazo “Recanto do lector”, como medida de seguridade ante a COVID-19.