27 xaneiro, 2023

Coa nosa xente... María Pol López

Ao fío da publicación en 2022 do traballo de fin de grao no volume 7 da revista Cumieira.Cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega, publicación de carácter anual, editada polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, traemos hoxe á sección Coa nosa xente a María Pol López. Con anterioridade, o traballo xa fora editado en liña en xuño de 2021 pola USC

María en primeiro plano con Tania na presentación da Asociación Cultural Chorima

A investigación de María Pol leva por título Descrición e percepción do cambio en tempo aparente do uso da gheada en Lalín.

Á esquerda portada do Vol.7 de Cumieira, a dereita a edición da USC

Un traballo feito con moito rigor metodolóxico e científico que María resume da seguinte maneira: 
“A investigación realizada permitiu abordar o uso da gheada botando man dos marcos metodolóxicos da análise do cambio lingüístico en tempo aparente e da lingüística popular. O obxecto de estudo foi o uso da gheada e a opinión que teñen as persoas do concello de Lalín sobre o dito fenómeno. Na análise dos datos cuantitativos, observouse con claridade que a tendencia de uso da variante con gheada redúcese conforme a idade dos entrevistados tamén diminúe, pois as persoas máis novas case non a empregan (só presentan no discurso analizado un 1,2% de ocorrencias con gheada). Polo tanto, na diminución do uso deste trazo a variable da idade xoga un papel moi determinante. O cambio máis abrupto atópase entre a xeración máis vella e a intermedia, cunha diferenza do 52% no uso da gheada. Entre a xeración intermedia e a máis nova a diferenza é do 25%. Con todo, é preciso ter presente que os datos da xeración máis nova están condicionados pola consciencia de estar nun contexto formal, malia que esa sensación tentou ser evitada”.

Moitos parabéns polo progreso persoal, María.

A seguir a nosa María de cando o 2º do Bacharelato:

María no curso 2016-17. Copyright IES Aller Ulloa

 


25 xaneiro, 2023

XV Olimpíada do saber

O mes de febreiro está ao caer, e con el seica chegaban as cegoñas, antes de que o cambio climático as invitase a pasar o inverno con nós. Pero no IES Aller Ulloa febreiro é sinónimo de Olimpíada do saber, competición lúdica, ao tempo que didáctica, na que os nosos cativos e as nosas cativas buscan información, traballan en equipo, xogan e gañan; porque para a Biblioteca Mario Pereira todos as persoas participantes son campións e campioas.

A inscrición xa está aberta, só tes que formar parte do alumnado da ESO, buscar dous ou tres compañeiros ou compañeiras, e pasar pola Biblioteca para que collamos os datos do teu equipo. 





 

18 xaneiro, 2023

Ao fío de... Encontro con Ángela Fernández Da Silva

A través do programa "A ponte" da USC puidemos coñecer un pouco máis sobre a nosa historia recente, concretamento acerca do nacemento da extrema dereita en España e os porqués dalgúns aspectos que descoñeciamos, como a súa tardía aparición no noso territorio ou a relación cos partidos de dereita do resto de Europa. Pero, que mellor que a opinión do alumnado que asistiu á conferencia?

"No día de hoxe impartiuse no IES Ramón Mª Aller Ulloa unha charla sobre a ultradereita en España aos rapaces e rapazas de Bacharaleto. Nós estamos a piques de poder votar, e por iso é necesario que teñamos uns coñecementos básicos sobre a política e as opcións que temos. Por iso penso que son necesarias este tipo de charlas obxectivas"

"Pareceume unha charla moi interesante xa que, ademais de informarnos dun tema tan importante e actual na nosa vida, foi moi obxectiva. Penso que debería haber máis actividades deste tipo para que á hora de votar sexamos conscientes do tipo de vida que estamos escollendo"

"Esta actividade pareceume interesante e útil, xa que axuda a concienciar os futuros votantes do que realmente escollen. Permite que non queden só coa parte boa do partido, senón que tamén sexan conscientes do que de verdade defende o colectivo escollido".

"Penso que deberiamos recibir charlas de diferentes ideoloxías, non só dunha. A maneira de expoñer as ideas do partido estivo ben, pero non debería falar só dun. Un partido retrógrado, que non avanza ao longo do tempo e ten a súa base no fascismo non debería ser base para charlas no instituto, porque nos mostra todo o que nos din que está mal e supuxo problemas para a literatura da nosa rexión"

"Independentemente da ideoloxía, non creo que deban existir charlas políticas nun centro educativo, sexan estas obxectivas ou non, porque a obxectividade absoluta non existe"

"A charla estivo ben, xa que comentaba feitos de partidos de ultradereita baseándose nos documentos oficais dos propios partidos, dunha forma neutral. Tamén quero destacar que a información foi moi precisa e ben explicada".

"Paréceme importante que os estudantes coñezan os conceptos básicos da política para poder formar a súa opinión. Porén, nunha única charla non se pode afondar verdadeiramente, o que pode orixinar que resulte algo superficial e acelerada por falta de tempo".

Alumnado de 2º de Bacharelato


"Na miña opinión, este tipo de charlas son moi útiles para o alumnado, como esta en concreto, que trataba sobre a política de dereitas en España, fan un gran labor, lidiando contra o borreguismo político, que está moi extendido e fai moita falta informar, polo menos, ás novas xeracións de como sería o goberno, por exemplo, liderado polo partido Vox, e así saber os seus pros e os seus contras.

Persoalmente sitúome ideoloxicamente no bando da esquerda e aínda que non me identifico ao 100% con ningún partido político, si que sinto un claro rexeitamento cos partidos que defenden as dereitas, porque apoian a monarquía, presentan un discurso clasista, racista, etc, apoian a perda de dereitos e liberdades como o dereito ao aborto, a centralización político-administravo, defenden a relixión (cristiá), ou tradicións que se opoñen aos dereitos animais como as touradas.

En xeral, a charla, aínda que foi curta e breve en contidos, si que foi moi intuitiva e necesaria para o alumnado, ademais tivemos a sorte de escoitar unha licenciada en Ciencias Políticas que sabía presentar este tema de xeito formal, directo e claro".

Román Meijomín Procino, 2º Bacharelato

"Na miña opinión, como defensor da cultura xeral, penso que son charlas coma esta as que de verdade precisa a mocidade da nosa idade. Cada vez máis a xente prefire evitar as noticias e caer na desinformación que provoca o crecemento de partidos de ultradereita, como é o caso de Vox, ou, nalgúns casos o PP. Teño a sensación de que, cada vez máis, os que defendemos e apoiamos a igualdade e diversidade somos máis criticados pola xente que, moitas veces debido ao pasotismo ou desinterese, non é consciente do dano que poden causar ideas tan conservadoras como as que defenden os partidos coma Vox. 

Ao saír da conferencia escoitei críticas cara a esta, e a favor de extremismos que reafirmaron na miña idea de que son, precisamente estas charlas, as que necesitamos. Máis aínda tendo as eleccións á volta da esquina".

Xoán Lois Fernández








15 xaneiro, 2023

Encontro con Ángela Fernández Da Silva

O próximo mércores 18 teremos a primeira das conferencias que neste 2023 nos ofrece a USC grazas ao seu programa A Ponte. Nesta ocasión, Ángela Fernández Da Silva, profesora de Ciencia Política e Avaliación de Políticas Públicas e Administracións Públicas falaranos sobre a extrema dereita en España.