13 decembro, 2009

LerENvenres (III; aínda que sexa domingo...): "Merlín e familia"

Que podes atopar no Merlín? Historias breves e completas pois cada capítulo resolve un caso especial.
   
Con que personaxes? Co paxe de Merlín  que relata en primeira persoa. Co mago Merlín poñendo en práctica os seus poderes. Con amigos, familiares e criados do mago. Con todos os múltiples coñecidos que acoden ao mago con diferentes mandados.

Que ambientes recrea? Hai mestura de aire popular rural con situacións refinadas onde poden intervir forzas do aquén e do alén.

Que me pode engaiolar? A fantasía enorme de Cunqueio. A fina ironía en moitas ocasións. A unión de lendas e mitos populares e cultos. As recreacións históricas . O desenvolvemento sabio das tramas e das liñas argumentais.

Con que é comparable? Con personaxes e situacións que están moi próximos a películas como " O Señor dos Aneis" ou videoxogos de ambiente máxico, gótico, medievalizante...
   
Que pode aportarme na miña vida de velocidade e inmediatez? Pode levarte a ambientes recreados con especial agarimo por un galego de mediados do século XX. Pode serenar o teu espírito ou alimentalo con contos breves, onde a inspiración e o bo dicir contan moito. Pode reconciliarte co ambiente natural e máxico da Galiza pensada e ensoñada.

V. T.

1 comentario:

Ramón Neira dixo...

Pois si. Para moitos a literatura galega empezou co Merlín de Cunqueiro. Lectura permanente onde as haxa, V. T.