05 outubro, 2023

De Trasalba a Auria

 O alumnado de 4º de ESO visitou este martes 3 o Pazo Museo Otero Pedrayo, en Trasalba. Alí agardábaos o propio Ramón Otero Pedrayo, na compaña da súa inseparable nai e dous dos seus criados. Durante a visita o alumnado foi coñecendo a vida de "Don Ramón", a súa infancia e mocidade, a súa paixón polas letras e algún detalle curioso sobre o seu enterramento.

Na casa accederon ao despacho privado (orixinal) do escritor, comprobando a cantidade e diversidade de obra que o(s) do(s) Grupo Nós podía(n) ler; buscaron as súas aldeas no mapa de Domigo Fontán; adentráronse nos dormitorios privados dos pais de Otero Pedrayo e descubriron a profunda relixiosidade que emana a casa enteira, para acabar desfrutando do sol outonizo no balcón de pedra da casa grande, antes de saír pola galería ideada por Castelao.

Xa fóra, a corte do cabalo, o horreo, a fonte, ou as árbores, axudaron a Don Ramón e súa nai a explicarlles como era a vida nas casas grandes, os traballos das viñas e os soutos, o día a día cos criados... ata que a visita de Florentino Cuevillas reclamou a Otero Pedrayo para preparar o novo número da Revista Nós.

A escenificación de todo isto por parte da Asociación Cultural Platea Lúa brindounos unha magnífica e amena clase de literatura. Pero o día aínda deu para máis, e despois de xantar achegámonos ata Auria.

Seguindo o Roteiro literario de A Esmorga, e metidos na pel de Cibrán, O Bocas e o Milhomes fomos desde o Barbaña ata as Burgas; vagamos polos arredores da catedral e a Praza Maior e acabamos na alameda, diante do Recanto do lector e a estatua de Blanco Amor

E que opina o alumnado de todo isto?

"A visita ao pazo de Otero Pedrayo estivo xenial. Ao ir no primeiro grupo comezamos pola obra de teatro, que nos pareceu moi entretida e natural. Despois, a visita guiada foi moi interesante e a rapaza (guía) que ía con nós era  moi simpática."

Alba Fernández, Mariña Nercellas e Noa Gil

"A obra de teatro, escenificada dentro da casa de Ramón Otero Pedrayo, foi moi entretida. Como os actores se meteron nos propios papeis fíxome meterme mellor dentro da historia. Tamén resultou moi interesante vistar a casa por dentro, a miña parte preferida foi a marabillosa galería deseñada por Castelao."

Miriam Rodríguez Seijas


























Ningún comentario: