Amosando publicacións coa etiqueta Entroido. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Entroido. Amosar todas as publicacións

13 febreiro, 2023

Meco 2023

 Este ano o Meco, ou Meca,  chegou dereitiño do Cocido, e vén con forza, indicándonos como debemos andar, cada día da semana, polo instituto. Do seu vestiario estanse a encargar o alumnado de FP Básica II e Marta Otero. E a publicidade dos seus mandados, en forma de cartel, correu a cargo de Saleta Fragueiro. 

Nós imos ser guiadiños e facerlle caso:




31 maio, 2021

Cantos de Entroido de Lalín e Romances de cego. Os carteis de cordel


Seguindo o fío da literatura de cordel,
alá polo Entroido de 2011 levamos a cabo a dixitalización dos Cantos do Entroido de Lalín (I) que estivo acompañada de Santo Torrisco (creación de Anxo García) e dos Cantos do Entroido de Lalín (II), co fin de recuperar os textos elaborados ou impulsados no seu día pola A.C. “O Naranxo” para correr o Entroido. 

E agora completamos o labor dixitalizando tamén os Carteis de cego que serviron de ilustración aos Cantos do Entroido de Lalín no período que vai de 1985 a 1991. 
No seu momento desde a Biblioteca do instituto deixamos constancia de que “co seu prima satírico recollen os acontecementos máis significativos de cada ano e dan fe da vida miúda do concello de Lalín e da política local, nacional ou, mesmo, internacional”. 
Grazas a Viravolta pola doazón e grazas tamén a Damián Payo “Paío”, Antón Iglesias “Madero” e Beatriz Iglesias pola información achegada.

Botádelle unha ollada e habedes ver...

 

Pódese descargar en PDF

13 febreiro, 2021

Entroido 21. Habelas hainas!

Malia as restricións derivadas da pandemia, un pouco de Entroido non ben nada mal nestes momentos en que estamos a pasalas tan negras. Secasí que un grupo de bruxas-meigas se deu cita no instituto na compaña de algún que outro bruxo-meigo, caso do Gandalf-Merlín ou o dun bruxo saído de "Häxan" de B. Christensen e que parecía portar na man O Ciprianillo; e como non, unha banda de bruxas-meigas vedoiras preparadas para a celebración dun aquelarre anti-coronavirus.

E a pesar de posíbeis meigallos levantamos testemuña gráfica do feito. Por certo, quen e quen?:





Mouchos, curuxas, sapos e bruxas.

Demos, trasnos e diaños, espíritos... 

(tal como no esconxuro da queimada)

Meigas fóra!

P. D.: Do acontecido no aquelarre xa falaremos noutro momento.

12 febreiro, 2021

Entroido 2021

Malia as restricións derivadas da COVID-19, celebramos unha vez máis o Concurso de carautas de Entroido, organizado polo Departamento de Deseño, e a posterior exposición no vestíbulo.

Na categoría da ESO resultaron premiados:

María Villamarín Silva que logrou o primeiro premio e Martín Díaz Rodríguez que obtivo o segundo, ambos de 1º da ESO D.

Na categoría de Bacharelato resultou gañadora Suevia García García do 2º de Bacharelato B.

Parabéns ás persoas gañadoras e a todas e todos os e as participantes.
A seguir unha pequena reportaxe gráfica da exposición das carautas do concurso coas persoas gañadoras:


Suevia, Martín e María coas súa srespectivas carautas premiadas

Aquí posan cos premio e as profesoras María e Nelly compartindo Entroido

Unha panorámica das carautas

Alumnado de Artes facendo críticaO

Outra panorámica das carautas

22 febreiro, 2020

Encontro co Entroido Ribeirao e con David Vázquez. Gañadoras do Concurso de carautas

O xoves 20, tivo lugar no instituto un Encontro co Entroido Ribeirao (un dos mellor conservados de Galicia) que engaiolou totalmente o alumnado.


Así mesmo, tamén tivo lugar un Encontro co director e etnógrafo David Vázquez quen nos proxectou as arquipremiadas curtametraxes As almas de Fental e O Moredo de David Vázquez, curtas que non deixaron indiferentes a ninguén ao ver a traumática perda demográfica do mundo rural (a aldea baleira) que leva consigo a liquidación da cultura rural, así como a recuperación do Entroido Ribeirao.
Ambas as actividades complementares foron seguidas dun máis que interesante coloquio.
A seguir unha mostra gráfica do Encontro co Entroido Ribeirao e co director e etnógrafo David Vázquez.


















Asemade, no marco dos Encontros, déronse a coñecer as alumnas premiadas no Concurso de deseño de Carautas de Entroido, organizado polo Departamento de Deseño:

Arriba, as tres gañadoras Niyireth Tatiana Bohórquez Valencia (gañadora no 1º ciclo de ESO), Alicia Fernández García (gañadora do 2º ciclo de ESO) e Iria Donsión Fernández (gañadora no nivel de Bacharelato). 
Como podemos ver a continuación, os premios fórenlles entregados por un Maragato e un Volante do Entroido Ribeirao:



17 febreiro, 2020

Concurso de carautas: Entroido 2020

Seguindo coa celebración do Entroido, animámosvos a participar na elección dos mellores deseños de carautas de Entroido e para iso tedes que votar online a través da web do centro.
A seguir unha reportaxe gráfica da exposición das carautas do concurso, con fondos documentais da Biblioteca sobre o Entroido, así como de fotos do Entroido Ribeirao, que o próximo día 20 vai estar connosco:













13 febreiro, 2020

Encontro con... Entroido Ribeirao e David Vázquez

O xoves, 20 de febreiro, achegarémonos ao coñecemento dos entroidos tradicionais galegos, da man de Volantes do Entroido Ribeirao que nos amosarán as peculariedades do mesmo.
Asemade asistiremos á proxección dos documentais As almas do Fental (sobre a problemática demográfica da zona do Entroido Ribeirao) e O Moredo (sobre a tradición deste Entroido chantadino), ambos de David Vázquez.



Podedes consultar as actividades programadas no seguinte tríptico:

06 marzo, 2017

Concurso de caretas de Entroido

O Departamento de Artes Plásticas da man do compañeiro Fran Otero organizou, co gallo do Entroido, un concurso de caretas que resultou ser todo un exitazo. As mesmas estiveron expostas na Biblioteca do centro para desfrute da comunidade educativa.
O resultado deixou como gañadoras, tras votación popular, as alumnas Olalla Lamela López, Noa Blanco González e Noa Faílde Fernández. Parabéns ás tres e a todas as persoas participantes que nos deleitaron coa súa vea creativa.
A seguir unhas instantáneas da entrega dos premios:




E, como non, as caretas preferidas:

E por último unha pequena mostra da exposición á caloriña dos libros: