Amosando publicacións coa etiqueta Teatro. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Teatro. Amosar todas as publicacións

18 maio, 2024

Maio de teatro

 Dentro das actividades organizadas para celebrar o MES DAS LETRAS,  o alumnado de 4º de ESO, asistiu á representación teatral de Made in Galiza, por Sarabela Teatro.

En palabras da propia compañía teatral, como quen se deixa roubar o seu tesouro máis prezado, a actitude das galegas e dos galegos respecto á súa lingua non "resistiría" ningunha análise. E será que o galego é a lingua máis difícil do mundo? E será de deberemos constituír unha oficina de palabras perdidas? Palabras perdidas, roubadas... Fronte ao "es que no me sale", "es que no se me da" "MADE IN GALIZA" é un convite á República Independente da nosa lingua. Non imos perdela nin en soños!

A obra de Sende (Padrón, 1972) abre as portas ao humor reflexivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e commove. O teatro feito emoción, sentimento, plasticidade, e confronto. Cada historia é diferente e está protagonizada por personaxes retranqueiros, combativos, tenros, cómicos e poéticos. Aguerrida defensa da lingua galega.

A  tarde comezou coa visita ao Panteón de galegos ilustres, onde o alumnado foi explicando que persoeiros da nosa cultura repousan alí; continuou coa exposición Lamazares. Inda é día no Centro Galego de Arte Contemporánea, para coñecer algo máis do seu paisano; e acabou no teatro, coa agradable fortuna de poder falar con Sechu Sende mesmo antes da representación.
















11 novembro, 2022

Semana de teatro

Esta semana o noso alumnado asistiu a dous espectáculos teatrais da man do Grupo Chévere, no Auditorio de Galicia. 

O martes 8 os rapaces e as rapazas de 4º ESO coñeceron algúns momentos da nosa historia recente, e non tan recente, grazas a Curva España, unha peza que o propio grupo clasifica como teatro-documento e ficción teatral. Nela teatro e cine entrelázanse para desvelarnos algúns datos máis sobre o accidente do enxeñeiro España nunha curva de Verín nos días nos que se estaba decidindo o trazado das vías do ferrocarril por terras ourensás.

E este venres 11 foron as mozas e os mozos de 1º do Bacharelato os que puideron desfrutar de N.E.V.E.R.M.O.R.E, unha peza teatral que os levou ata aquel 2002 do Nunca Máis.

Deixámosvos algunhas imaxes, por cortesía de Severiano Casalderrey e Ana Camiño, do noso alumnado e dos actores:









14 xuño, 2021

O muiñeiro de Deza

Non se dá puntada sen nó, e nesta nosa teima por recuperar patrimonio de noso, vimos de bater cunha “escea cómica orixinal de Varela Buxán" titulada O muiñeiro de Deza,  tal e como se pode ler no titular, e publicada en Faro de Vigo o 3 de febreiro de 1972, con foto incluída de Bernabé.

O conto é que ao fío do Rexistro 26.000 dedicado ao volume O filósofo do arado (Varela Buxán) de Emilio Araúxo, e remexendo en vellos retallos de prensa na procura de referencias a Varela Buxán: o premio!

E con que precisión utiliza o topónimo Deza! 

Preme na imaxe e poderás ler a escena con nitidez.



 

27 marzo, 2021

27M. Día Mundial do Teatro

 

Hoxe, 27, Día Mundial do Teatro, celebrámolo ao abeiro da publicación da banda deseñada “As pombas de Carboeiro” de Inacio e Iván Suárez, con BSO de Benxa Otero e interpretada pola Banda de Lalín, e que reproduce en viñetas a obra que no seu día Fantoches Baj puxo en escena, protagonizada por Inacio e Benxamín Otero. Xa na Marela demos conta da posta en escena da que gozou o noso alumnado.

Así mesmo, achegamos unha serie de reflexións sobre o papel social do teatro:

 


01 abril, 2020

Veña ao teatro! Teatroteca en aberto

Teatroteca, a plataforma de servizos de préstamos en liña do Centro de Documentación das Artes Escénicas e da Música do INAEM abre ao público 1.500 obras de teatro gratis online.
Boa nova que enche de máis motivos o quedarnacasa.

27 marzo, 2020

Fatal, falta Tafal

Hoxe, día mundial do teatro, celebrámolo coa estrea da nova obra de Inacio Vilariño, un tarabeleiro de noso.

16 decembro, 2019

"Chola a it girl". O rural auténtico tamén ten tendencia


O vindeiro xoves 19, a compañía ArtesaCía porá en escena a obra Chola a it girl, espectáculo teatral que se insire no programa de actividades para fomentar a igualdade de xénero entre o alumnado, materia, ademais, que forma parte da oferta educativa do centro.


No folleto informativo da obra, a compañía ArtesaCíaTransmedia deita a seguinte recensión:
"Chola é unha personaxe creada pola compañía ArtesaCíaTransmedia, co obxectivo de levar á escena unha personaxe feminina con identidade ao servizo da historia e non dun protagonista masculino. O obxectivo do proxecto cultural CHOLA&LOLA é transmitir que o rural e o auténtico tamén pode ser tendencia, xunto con recuperar o vello termo de a it girl ("ter iso"). Esta idea orixinal de AtesaCía é unha homenaxe a todas esas mulleres glocais. A esa estirpe de muller decisiva que está un paso por diante da sociedade rural na que vive, polo seu inconformismo, talento, forza... e pola súa procura incansábel de posibilidades para cultivarse e aprender". 
De aí o subtítulo de O rural auténtico tamén ten tendencia.

23 abril, 2018

Anagnórise, en versión de Limiar Teatro

O próximo 2 de maio terá lugar no Salón Teatro de Lalín a representación da versión teatral que o grupo Limiar Teatro realizou da obra Anagnórise de Mª Victoria Moreno, autora coa celebramos este ano as Letras Galegas.

A actividade fíxose posíbel grazas á editorial Galaxia e á achega económica de alumnado de 3º e 4º de ESO. 

19 outubro, 2017

Teatro e música para Marie Curie.

O mércores 11 de outubro estreamos no salón de actos a obra-concerto Mulleres que fan historia: Marie Sklodowska Curie. Neste proxecto participaron arredor de 40 persoas e o resultado non puido ser máis satisfactorio. Desde aquí queremos dar os nosos parabéns a todos e a todas, especialmente aos actores principais Lorenzo e Rosa.

Asistiu o alumnado de 1º de bacharelato e tamén estudantes e profesores de Zielona Gora (Polonia) que participou no programa de intercambio lingúistico que o IES Aller Ulloa puxo en marcha o curso pasado e que continuará no vindeiro.

Aquí podedes ver alguna fotografía...




… aquí o programa do evento e unha sinopse da obra... 


… e aquí máis fotografías do recanto do Toc Toca Ciencia.






10 outubro, 2017

Encontro con Marie Curie

O mércores 11 poderemos seguir un breve percorrido biográfico de Marie Curie. Teatro, música e a foto do Quinto Congreso Solvay..., estrea mundial no salón de actos ás 12:15.

05 febreiro, 2017

Os Quinquilláns e "Cousas" de Castelao

O vindeiro luns, 13, a compañía de teatro Os Quinquilláns porá en escena en Lalín, no Salón Teatro -ás 11.00-, a adaptación de Cousas de Castelao, destinada ao alumnado dos centros de secundaria lalinenses, actividade promovida pola Concellaría de Cultura.

.

20 abril, 2016

Encontros con... Inacio

O venres, dobre (ou triplo) encontro con Inacio: ás 11.40 charlaremos arredor de Fábula galénica, ás 13.40 de Atila, a máis recente entrega da serie Castelao. Teatro de monicreques e BD, cun autor fundamental nunha e noutra arte.


O mesmo día arrincará unha exposición cos debuxos iniciais de Titoán, a primeira entrega da serie, aquela que fora merecedora premio Castelao de banda deseñada 2011.

23 febreiro, 2013

As pombas de Carboeiro


O venres tivemos (4º da ESO e 1º BAC) a Fantoches Baj e As pombas de Carboeiro.

Sensacional!

Trátase dun breve e ameno percorrido por algunhas músicas e textos medievais (as cantigas de Pero Meogo ou o romance del Conde Niño, por exemplo).

A aparente sobriedade da escenografía vai desvelando, pouco e pouco, un marabilloso e variado repertorio de trucos tan discretos, como eficaces e divertidos.

Inacio, como actor, como director, como autor...,  xa se converteu nun imprescindíbel do "teatro miúdo".
 
Benxamín é ben coñecido como músico de mil músicas e "trilero", pero aquí revélasenos -ademais- como un actor de sete estalos.

O espectacúlo, na presentación que lle fai Urdime, é:

"Un espectáculo de narrativa e música en directo coa técnica xaponesa do kamishibai.
Coa axuda das cartas do tarot de Marsella, un frade e un novicio revélanlle a un batallón das tropas napoleónicas acampadas en Carboeiro a fantástica orixe das pombas do mosteiro
."


Despois de todo iso, foi unha alegría ver que hoxe, sábado, GZvídeos abría cuns fragmentos da presentación da obra no propio Carboeiro:



E que xa levaban un tempo na rede estoutros anacos co acompañamento da banda de Silleda: