Velaquí unha panorámica das experiencias e prácticas vencelladas á nosa participación neste curso no programa Biblioteca creativa (algunhas engadidas froito dunha comprensión ampla do mesmo), que non deixa de ser unha nova volta de porca á expansión das funcións da biblioteca escolar no ámbito dos centros educativos. Aínda inseguros no tocante a unha correcta comprensión do programa, especialmente no que se refire ao papel do espazo físico propio da biblioteca neste tipo de prácticas, confiamos en que o alumnado tivo a oportunidade de aproveitarse destas experiencias nas que a aprendizaxe botou man da súa creatividade.
29 xuño, 2026
07 xaneiro, 2026
Catro meses, algunhas pegadas
En primeiro lugar, as sempre necesarias conmemoracións, que permiten facer presentes figuras e feitos que a présa diaria tende a sepultar no esquecemento. Libros e textos para recordar e aprender: Mes da ciencia en galego, Día das escritoras (daquelas que empezaron arredor de 1975), Día internacional da eliminación da violencia contra a muller (una exposición multidisciplinar coa colaboración de varios departamentos e do alumnado).


En segundo lugar, a visualización de dous feitos históricos en proceso: un, o conflito por Palestina que estourou criminalmente os dous últimos anos logo de moitos, moitísimos, non menos criminais) e, outro, o proceso histórico da formación da España democrática que arrancou en 1975 coa morte de Franco (moi agradecidos pola achega de material periodístico do profesor Paio). Ambas exposicións serviron de espazos para explicacións axeitadas e necesarias por parte do profesorado de historia.
Resolveuse tamén o último Premio Vitoria Taboada, en camiño de profundas reformas pola intrusiva IA...
O alumnado de 1º de bacharelato de Anatomía mostrou os seus traballos no curruncho de Toc-Toc a Ciencia:
E, por último, imos dando os primeiros pasos nos proxectos de Bibliotecas solidarias e creativas, que non sabemos moi ben aínda onde nos poden levar: o voluntariado levou o contacto interxeracional ao Colexio Xesús Golmar e fixo as súas primeiras colaboracións na xestión da biblioteca e o alumnado de artes interveu creativamente no mobiliario; puxemos tamén a probas algún que outro xogo manipulativo, para ver até onde se pode chegar con eles na biblioteca.

















