16 febreiro, 2009

A Biblioteca Nacional responde..., e é verdade.


Supoño que, coma nós, coñecedes o servizo A BIBLIOTECA NACIONAL RESPONDE. Se cadra ata o tedes utilizado. No noso caso nunca o utilizaramos ata agora, e isto foi o que pasou:

O día 10 deste mes, observamos que no Ficheiro de Autoridades da Biblioteca Nacional había unha duplicidade relacionada coa autoría de Ramón María Aller Ulloa, de tal forma que a maior parte das súas publicacións aparecían baixo o nome de Ramón Martínez Aller. Por volta das nove da noite, comunicámoslle á BN esta circunstancias e non tardou nin medio día en nos contestar.
Esta foi a súa resposta:

Día 11, ás 9:42
Estimado Sr. Pereira:
En referencia su correo electrónico enviado al buzón Opine de la Biblioteca Nacional, le agradecemos la información que nos ha proporcionado y remitimos su correo al área de la Biblioteca encargada de la elaboración de autoridades, desde donde realizarán los cambios oportunos tras el estudio de esta autoridad, enviándole después una respuesta.

Pareceunos un exemplo de axilidade e dilixencia, pero houbo algún de nós que maliciou dese “envío á área da elaboración de autoridades”. E el non sería unha cortesía de dilación? Pois, velaí que non, apenas dous días despois, ás 13:32, xa recibimos a seguinte resposta:

Día 13, ás 13:32
En respuesta a su solicitud de rectificación sobre el autor Ramón María Aller Ulloa, le informamos de que ha sido corregido el error del que nos advertía, pasando todas las obras de “Martínez Aller, Ramón” a su autor verdadero. Se ha modificado el autor “Aller Ulloa, Ramón Mª” a “Aller, Ramón M.”, nombre por el que firmó la mayoría de sus trabajos.
Gracias por su colaboración

Estamos tan content@s que case nos sentimos importantes, pero –sobre todo- porque vemos que a BN funciona e que mesmo unha pequena biblioteca como a nosa pode achegarlle cousas.

13 febreiro, 2009

Charla de Docobo sobre don Ramón Mª Aller Ulloa e a astronomía

Como anunciabamos o outro día, onte estivo no noso Instituto Don José Ángel Docobo Durántez, director do observatorio "Ramón María Aller", dando unha interesantísima charla para os rapaces de bacharelato.

O Sr. Docobo falou da historia da astronomía e, por iso mesmo, da posición que nela ocupa don Ramón Mª Aller Ulloa, para o cal nos mostrou tamén un estupendo documental sobre a súa vida e obra.

Ofrecémosvos aquí unha imaxe da súa visita á pequena exposición sobre don Ramón e a astronomía que temos montada no vestíbulo do Centro, e un fragmento desa conferencia, xusto os minutos onde, a preguntas dun dos asistentes, resumiu a relevancia de don Ramón no ámbito científico.

 

10 febreiro, 2009

Encontro co astrónomo J. A. Docobo

 
O próximo xoves comezaremos coas actividades dedicadas á figura de Don Ramón Aller.

Ás 12 da mañá asistiremos á charla de Don José Ángel Docobo Durántez, director do observatorio "Ramón María Aller", que nos falará sobre a importancia da figura e a dimensión científica de Don Ramón.

O mesmo día tamén comezará a exposición de materiais manuscritos (algúns deles inéditos) correspondentes á primeiras observacións do noso sabio. Trátase de material, en gran parte descoñecido, que poderemos ver grazas á xenerosidade de Don Victorino Gutiérrez Aller, propietario do mesmo.

01 febreiro, 2009

C@nt@s c@nt@s: Guti de Sanabria


Dentro das actividades de activación de modelos tradicionais, o próximo venres visítanos José Luís Gutiérrez. "Guti de Sanabria" é un dos grandes narradores orais (e algo máis) da Península (e algo máis). Natural de Aliste fai honor ao privilexiado espazo onde se criou e vive; ese espazo entre Galiza, Zamora e Portugal no que as "fronteiras" non conseguen esnaquizar a continuidade e a profundidade cultural e no que, en poucos quilómetros, nos podemos atopar con catro idiomas: portugués trasmontao, castelán zamorano, galego oriental e mirandés. Que a neve non nolo impida...

preme na imaxe para saber de que vai a cousa...

23 xaneiro, 2009

Ler cos dedos

Nos debates sobre o futuro do libro é frecuente que a defensa do entrañábel libro impreso invoque argumentos de percepción sensorial. O libro –óese- non só se percibe a través da vista: o libro ten aromas, o libro emite sons, o libro ofrece sensacións táctiles...
Eu son dos que gustan de ler cos dedos: gusto de sentir a fortaleza dalgunhas encadernacións, a fraxilidade das páxinas, o xogo de superficies planas, cóncavas e convexas que algúns deles ofrecen ao pasar os dedos polos seus catro cantos, e, sobre todo, a sensación cortante de pasar cada folla deslizando a xema do dedo sobre o seu gume...
Gusto de tratalos con toda delicadeza porque temo mancalos, aínda que ás veces creo que o fago por unha cortesía antiga que lles debo...
Debe ser por iso que, cando vin este vídeo da BNF, lamentei non ter nacido robot “dixitalizador”. Canto me gustaría conseguir tratar (tacto, luz, silencio...) os libros como os tratan estas máquinas!