04 abril, 2017

O libro que me atopou / Xosé Luís Sucasas



O libro que me abriu os ollos e mos deixou azuis.

Por Xosé Luís Sucasas.


Un xoves que ía cantar ó coro da catedral de Lugo na misa das sete, entrei nunha librería da rúa Aguirre –había cinco na mesma beirarrúa, en non mais de cen metros-, e gastei os cartos que non tiña nun libro de peto, de pastas duras, de cor azul e cuns ollos creo que verdes debuxados na portada. Era da colección RotaTiva de Plaza y Janés, chamábase Ojos de perro azul  e fora escrito por un tal Gabriel García Márquez entre 1945 e 1957.


Eu tiña daquela trece anos, e os cartos que me mandaban da casa para vicios menores –caramelos e pipas, maiormente- ascendían a 25 pesetas, case sempre xuntas nunha moeda de cinco pesos. Como o libro custaba 47 pesetas fixen un trato coa libreira para pagalo a prazos. As palabras exactas da muller foron: “non te preocupes, págasmo como vaias podendo”. Aínda hoxe, tantos anos despois, lembro con nitidez a súa cara redonda con gafas.


Era o primeiro libro que mercaba pola miña conta e risco, pero non consigo lembrar que foi o que me chamou del, nin o argumento da ducia de relatos curtos que contiña, un dos cales prestáballe nome ó título. Porén, si lembro coma se o estivera a ver cos ollos, que o lin no meu cuarto do seminario, polas noites alén das once (cando todo era escuridade e silencio), eu debaixo das mantas dos pés á cabeza e facendo tenda de campaña cos xeonllos ergueitos.


Así debín le-las escasas cen páxinas do libro, coa luz carriza dunha lanterna diminuta, enfeitizado polas palabras que alí había e polo fío que as xunguía.

(Publicado n'A marela tarabela, nº 4. Abril, 2007)



09 marzo, 2017

Exposición "Titoán"

Na Biblioteca pódese contemplar unha exposición facsimilar sobre os cadriños do cómic de Inacio e Iván Suárez "Titoán". A tamaño A3, os autores ofrécennos unha visión do traballo previo á impresión do libro, mesmo con un dos deseños orixinais.
Da montaxe encargouse o compañeiro Moncho.




A seguir a mostra:






07 marzo, 2017

X Olimpíada do saber: Clasificación final.


Despois de tres intensas semanas chegou o momento de pechar unha nova edición da nosa Olimpíada. Dende a Marela queremos felicitar a tódolos equipos participantes polo interese amosado e polo esforzo realizado. O equipo gañador desta edición foi Aritmética AA, quen nun emocionante final superou a Albariño, equipo que liderou a clasificación as dúas primeiras semanas. A continuación tedes os resultados finais.



06 marzo, 2017

Concurso de caretas de Entroido

O Departamento de Artes Plásticas da man do compañeiro Fran Otero organizou, co gallo do Entroido, un concurso de caretas que resultou ser todo un exitazo. As mesmas estiveron expostas na Biblioteca do centro para desfrute da comunidade educativa.
O resultado deixou como gañadoras, tras votación popular, as alumnas Olalla Lamela López, Noa Blanco González e Noa Faílde Fernández. Parabéns ás tres e a todas as persoas participantes que nos deleitaron coa súa vea creativa.
A seguir unhas instantáneas da entrega dos premios:




E, como non, as caretas preferidas:

E por último unha pequena mostra da exposición á caloriña dos libros: