"O
termo “plástico” abarca unha serie de materiais sintéticos e semisintéticos que
se utilizan para innumerables aplicacións. Miramos ao noso arredor e vemos
plástico. Encontramos plástico nos envases, na roupa, nos coches, nos móbiles,
nos dispositivos médicos, etc.
Os
plásticos son materiais orgánicos, como o algodón, a la, a madeira ou o papel.
Obtéñense por un proceso de polimerización a partir de materias primas naturais
como o petróleo, o carbón, o sal ou a celulosa, entre outras.
O
plástico pódese moldear durante a súa fabricación, o que permite fundilo,
prensalo ou extrusionalo para obter diferentes formas, como fibras, tubos,
láminas, placas, botellas, caixas, etc. Porén, a diferenza doutros residuos, os
plásticos non se descompoñen nin podrecen coa auga, polo que permanecen nos vertedoiros
durante centos de anos sen desaparecer. Por este motivo, a eliminación dos
residuos plásticos ten que pasar por solucións como a reciclaxe para fabricar
novos obxectos, para xerar electricidade ou para obter combustibles.
O
primeiro gran reto é a súa recollida selectiva, é dicir, que os separemos do
resto do lixo e os depositemos no contedor axeitado. Isto require a
colaboración de todos, porque este primeiro paso é imprescindible.
A
exposición que presentamos neste XXXI Congreso de ENCIGA consta dunha serie de carteis, que se elaboraron en 2015 no marco das actividades do proxecto Toc Toca Ciencia, nos
que se abordan, de xeito moi sinxelo, distintos aspectos relacionados cos
plásticos:
- Importancia
dos plásticos como substitutos doutros materiais utilizados ata a súa
aparición.
- Que
son, e de que materias primas derivan.
- Como
se obteñen mediante un proceso de polimerización.
- Propiedades
que os fan idóneos para moitos dos seus usos.
- Aditivos
que se utilizan na súa fabricación e que modifican as súas propiedades, o que
permite obter os máis variados obxectos.
- Os
plásticos e o medio ambiente: a súa toxicidade e as dificultades para a súa
eliminación natural e para a súa reciclaxe.
- Os
tres “R” para os plásticos.
- Formas
de reciclaxe.
- Tipos
de plásticos e clasificación dos mesmos.
- Termoplásticos
e os seus usos.
- Termoestables
máis comúns e os seus usos.
- Os
elastómeros.
- Os
bioplásticos como alternativa aos plásticos de uso na actualidade.
Expóñense,
ademais, os mais variados obxectos clasificados en función do tipo de plástico
que os compoñen dende bolsas e recipientes, ata prendas de roupa, CDs, gafas ou
utensilios de cociña".