29 marzo, 2024

Coa nosa xente : Lidia Cumplido Viéitez

Dámoslle hoxe a benvida á sección Coa nosa xente a Lidia Cumplido Viéitez, enfermeira de Educación Diabetolóxica no Hospital de Verín, co gallo de pór en práctica a idea dos taboleiros informativos sobre o azucre dos alimentos após un meticuloso traballo de investigación sobre a importancia dunha alimentación non só saudable senón consciente a través de diferentes ferramentas lúdicas na procura non só de informar senón que tamén de formar, misión na que a acompaña Gluci, a mascota da unidade creada con Intelixencia Artificial, pola propia Lidia.

Foto: https://www.enfermeriaourense.org/

A respecto do antedito, Lidia declara en entrevista ao Ilustre Colexio Oficial de Enfermería de Ourense que a finalidade na información exposta nun dos taboleiros do hospital de Verín non só se trata de ver números, senón que escoitamos ao paciente, adicámoslle tempo que é o máis valioso; engadindo información de impacto exposta no taboleiro como que comer 200 gramos de empanada equivale a 8 sobres de azucre.

Moitos parabéns e moito ánimo no teu bo facer profesional, Lidia.

A seguir a nosa Lidia cando o 2º do Bacharelato: 

Lidia en 2º Bac. 2006-07. Copyright IES Aller Ulloa

13 marzo, 2024

Encontro con Belén Montesa Lou

BELÉN MONTESA LOU, psicóloga do grupo Coidados-a-mente, estivo na Biblioteca do IES Ramón Mª Aller Ulloa, compartindo co profesorado unha charla sobre "educación sexual, e a promoción do respecto pola diversidade no entorno dixital no que se moven hoxe os mozos e as súas familias".

Como docentes, xórdennos, a diario, dúbidas e situacións que non sabemos solventar. A sexualidade é un dos temas que máis preocupa ao noso alumnado; segundo Belén Montesa, mesmo está entre os cinco primeiros. E nós, como profesorado, atopámonos cunhas etiquetas que non son máis ca iso, un nome sobre un papel. E que podemos ou debemos facer cando un adolescente require a nosa axuda? Aínda sen sermos especialistas, podemos ser a primeira persoa coa que queira falar, e para iso necesitamos unhas ferramentas mínimas.

A seguir, unhas fotos do grupo de traballo do PFPP, asistindo á ponencia de Belén Montesa, e algunhas das imaxes coas que traballou.












11 marzo, 2024

Referentes persoais

O alumnado de 1º do Bacharelato de Artes realizou un traballo sobre REFERENTES PERSOAIS CREATIVOS. 

Nun primeiro momento presentaron os seus referentes persoais: cineastas, ilustradores, deseño de videoxogos, escultura, arquitectura, manga, etc. Para logo realizar un proxecto artístico inspirado nestes referentes, adecuándose a unha temporalización establecida.

Pedro Alonso, profesor de Deseño


Este traballo deu lugar a unha exposición que poderedes visitar no vestíbulo do IES ata o 22 de marzo. 

A modo de adianto, algunhas imaxes, cortesía de Pedro Alonso.


















09 marzo, 2024

8 M: cantamos polas mulleres

O alumnado de 1º de ESO tamén se quixo unir ás celebracións do Día da Muller, e da man de Moncho Faílde, o seu profesor de francés, amenizounos o recreo, entoando a canción Frank You do grupo Les charbonniers de l'enfer.

"Trátase dunha canción do xénero tradicional Chant à reponse. Moitas delas postas na boca dunha muller que rexeita a vontade dos homes e mesmo cuestiona o papel social da muller como esposa" tal e como nos conta o propio Moncho Faílde.

Se queredes ver a letra da canción aquí vos deixamos a versión en francés. Pero se a queredes escoitar podedes picar na seguinte ligazón e escoitaredes a Moncho co seu alumnado.



08 marzo, 2024

8 M: Mulleres IRMANDIÑAS

Hoxe, o alumnado do IES Ramón María Aller Ulloa celebrou o Día da Muller centrado nas figuras das coñecidas como "Irmás da Fala", Micaela Chao Maciñeira, María Miramontes, Elvira Bao e Amparo López Jean, pioneiras do feminismo e do galeguismo en Galicia.

A representación teatral correu a cargo das alumnas de 4º ESO, Noa Gil como Antón Vilar Ponte, Xiana Pereira como Micaela, María Villamarín como María, Miriam Rodríguez como Elvira e Natalia Torres como Amparo. Mentres que a cartelería foi deseñada e  elaborada polo alumnado de 2º ESO. Todo isto dentro do Proxecto "Donas de Si", coordinado por Carmen Frade. 

Podedes ver a representación na seguinte ligazón á nosa canle de Youtube.











8 M: Día da Muller Traballadora

Exposición das ENTREVISTAS A MULLERES, realizadas polo alumnado de 2º ESO. 

O traballo forma parte do PROXECTO da Biblioteca "Lalín, o concello das 1.000 vacas" no que o alumnado, coordinado pola profesora Carmen Frade Gómez, fai unha análise, desde unha perspectiva de xénero, da actividade agrícola e gandeira a través das entrevistas a varias mulleres, e algún home, do seu entorno familiar ou local.

Vemos, así, opinións, experiencias, anéctotas... que dan conta da enorme, e imprescindible, evolución da muller no rural.

As entrevistas, polo de agora, poden lerse, completas, no véstibulo do instituto. Nas vindeiras semanas xa as poderemos escoitar en Marela Radio.

Na exposición tamén se destacan algúns comentarios concretos, unhas frases ben curtiñas, pero que din moito. Ao tempo que podemos ver a fotografía que o alumnado fixo á persoa entrevistada e unha pequena selección bibliográfica do fondo da nosa bilioteca.








06 marzo, 2024

Coa nosa xente : Diego Portas González

Ao fío de recibir o Premio á Excelencia Académica en Historia, dámoslle a benvida á sección Coa nosa xente ao historiador Diego Portas González.

Foto: Xoán Álvarez / Faro de Vigo

Non contaba con este premio; de feito, non sabía que existía, e moito menos que mo ían dar. saquei boas notas pero non intentei ser o mellor nin nada. Intentaba levar os exames o mellor preparados posible dentro das miñas posibilidades. A modestia que reflicten estas palabras pronunciadas por Diego en entrevista concedida a Faro de Vigo amosan a súa excelencia como persoa.

É máis, desde a atalaia de fin de carreira aconsella ao novo alumnado universitario que non pasa nada por cometer erros e que os resultados académicos non nos definen como persoas.

Moitos parabéns Diego.

A seguir o noso Diego cando o 2º do Bacharelato: 

Diego no curso de 2º Bac. 2018-19. Copyright IES Aller Ulloa