30 abril, 2015

Poemas premiados no II Concurso literario Mª Vitoria Taboada

O xurado do II Concurso literario Mª Vitoria Taboada, acordou outorgar o primeiro premio na categoría de poesía aos poemas presentados por Mariña Castro Fontao.


I.

Na gaiola de xoaniñas,
chámanlle infancia
unha pechadura impenetrable
protexe os ollos do meniño
de tornarse vermellos e salgados
pola verdade.
No recinto ateigado de portas
chámanlle xuventude
xurdiu a chave
deixou a criatura ceiba
indefensa
mordeuse até quedar en carne viva.
Que organismo ousará xurdir
nesta estepa seca
na que pretendemos construír
un camiño de rosas
que murchan?
Onde non hai máis ca calafríos
na nada.
Estatuas de marfil
e cairos de algodón
que enganan.

II.

Alma difusa
orquestra cadáver
Páxinas molladas
con demasiados borranchos
Coma cristal de botella
rota pola carraxe
o líquido derrámase
repta polo chan
chega aos sumidoiros
descansa na podremia.
Namoraches
do teu propio monstro
Creaches
o teu propio libreto
Neste teatro dos voraces
ten máis liñas ca o resto
Mentres ti, prima donna
te preguntas
cando vai estar lista
a túa máscara impasible.
Medras nun vertedoiro
de emocións
que tratas de afogar
coa almofada.
Descansa, miña rula,
a ver se a noite che leva as ambicións
e che trae vicios.

III.

Coma árbores
coas raíces traballando na busca de auga
coas ramas decidindo por onde agromar
co froito que xorde
cando te alimentas de luz allea
coas follas que te enchen
cobren
afogan.
Por iso agora es tinta
mergúllaste en augas que non che pertencen
e ao volverte líquido mudaches en mar.
Non tes que facer nada
só existir e ser eterno
mentres te habitan as sereas
cantándoche as túas eivas
es a vida por onde non corre o tempo.
Non corre
porque tropeza.
Chóveche no corazón
e na cabeza
supuras
cores que non existen
murmuras.
No mundo das fantasías
quero quedar
onde as nubes son moi altas
e camiño descalza
onde non preciso valor.
E se Deus está a observarme
sácolle a lingua.

 Valoración do xurado

Microrrelatos premiados no II Concurso literario Mª Vitoria Taboada

O xurado do II Concurso literario Mª Vitoria Taboada, acordou outorgar o primeiro premio na categoría de microrrelatos aos textos presentados por Laura Mariño García.

SE ME QUERES

Se me queres, mátame! No inicio da miña vida, xa cheguei ao final. Escóitame, nai, estas bágoas que corren polas miñas meixelas son de amor. Aténdeme, nai, porque che vou confesar a miña coita.

Coñecino cos raios do sol e deixoume na friaxe; búscoo na noite e non o atopo, búscoo no día e non o vexo. Antes sabía que o adoraba. Agora sei canto valía.

Mátame, nai, dispón da miña vida. Nada significa. Non hai horizonte nin futuro posible cando a alma está esnaquizada. Non tentes recompoñela porque el levou anacos irrecuperables. Non hai deuses que escoiten o meu lamento. Non hai milagres que cedan ao sufrimento. Non te incomodes, nai, se me queres. Ti déchesme a vida que eu agora che devolvo. Non a quero. Non a soporto. Es a portadora dos soños que quedaron na gaiola rota. Es a voz do meu laio. Es a alma que xa non teño.



UN CAN PERIGOSO

Cando era pequena tiña un can, chamábase Sil. Bauticeino no río o mesmo día que viñeron a buscar a miña nai. Cando saín para o bautismo miña nai quedaba agochada, non sabía que aquel bico sería o derradeiro. A mestra da escola vivía nun armario da casa. Eu non o entendía, foi bastante despois da súa morte cando meu pai mo contou: Era roxa. Despois de dous anos decateime de que levaran a miña nai para deixala morrer atada a unha árbore.

Abrín os ollos á realidade o día que levantaron o esterco da corte e sacaron a meu pai dese acubillo. Cando meu tío Xesús abriu a cancela deixeino pasar; abrinlle as portas da casa ao asasino. De nada serviron os laios de quen me deixaba soa nesta vida aos quince anos. Suso entrou pola eira co fusil e preguntoume se mordía o Sil, xa que tiña medo de coller a rabia; pero o can rabioso era el. O can quen me fixo vivir na súa casa, comer na súa mesa e ter que miralo aos ollos cada día lembrando os miolos de meu pai escorregando polo xersei.

Sei que non debo xustificar o que fixen, Sil nunca mo perdoaría.


INESPERADO

Perdera a chave do apartamento, a chave do coche, a chave do garaxe. Chamei a Nerea para ver se estaba na casa e podía quedar con ela. Fun de inmediato, ao chamar ao timbre estrañoume que me respondera unha voz de home. Facíaseme unha voz moi coñecida que non puiden identificar. Era raro que os ligues de Nerea quedaran ata tan tarde. Subín nerviosa as escaleiras. A porta estaba aberta. A casa estaba a escuras, só se vía o reflexo do televisor e oíase a voz da vendedora da teletenda. Chamei e fun á súa habitación. Tropecei con algo que me pareceu brando e caín. Peguei contra algo cortante, e un regueiro de sangue caeume pola fronte. Cando me erguín diante da porta do seu cuarto prendéronse todas as luces e soou o “Waka, Waka”. Odio a Nerea. É capaz de organizar as máis incribles festas de aniversario.

 Consideración xurado:

Primeiro premio de relato curto no II Concurso literario Mª Vitoria Taboada


O xurado do II Concurso literario Mª Vitoria Taboada acordou outorgar o primeiro premio na categoría de relato curto Ás veces non hai que buscarlle o sentido a todo, presentado por Mª Eugenia Gil Pallares.



Ás veces non hai que buscarlle o sentido a todo. Só deixar que flúa.
Redo era un rapaz duns 17 anos. Alto, delgado e moi guapo. Pero a pesar de ser un rapaz simpático e amable, era moi introvertido. Vivía nun mundo á parte e afastado da vida cotiá. Para el todos os días eran distintos, xamais entraba na rutina. Chegaba a clase e sacaba o seu caderno de debuxo. E segundos despois estaba viaxando polo interior da súa mente e expresándoo con cores. Parecía tan simple: unha lámina de debuxo e unhas ceras de cores. Pero achegábaste un momento a ver o que pintaba e expresaba tantas emocións, cousas tan vivas, algo tan abstracto e indescritible. Algo marabilloso. Moita xente non entendía o que debuxaba, pero eu víalle o sentido a cada unha das liñas que el trazaba. Inspirábame todo o que debuxaba, e sen querer miles de notas xurdían na miña cabeza e empezaban a pórlle música a cada trazo que Redo facía. Cada son que se producía na clase convertíase en parte da melodía que se estaba a formar na miña cabeza. A caída dun lapis era o pizzicato dos violíns; os pasos de alguén, uns bongós que lle daban un toque caribeño á miña pequena composición. E todo isto xurdía grazas ao debuxo que comezaba a facer Redo.

Nunca pensara en falar con el, nin en que algún día o faría. Posiblemente polo medo que tiña a que pensara que estaba tola. Compoñer unha pequena canción a partir de ver un debuxo non se pode dicir que fora moi normal. E ao igual ca Redo, eu tamén tiña o meu mundo interior que ninguén coñecía. E un día apareceu diante miña. Estaba a argallar no meu mundo e non me decataba ata que me sacudiu un pouco o brazo. Era el, mirándome a través dos seus ollos azuis. Semellaban o mar. Transmitíanme tranquilidade e seguridade. Viñera onda min a pedirme se me podía facer un retrato. Levaba días observando o meu perfil e quería inmortalizar ese momento. Aceptei entusiasmada. Adoraba os seus debuxos, e agora ía debuxarme a min! En realidade creo que só era unha escusa para coñecérmonos un pouco. E cría ben. Mentres me debuxaba falaba comigo e pouco a pouco foime contando cousas do seu mundo paralelo. Falábame sempre dunha lagoa, era onde a maioría das historias ocorrían. Era un lugar tranquilo, e isto reflectíao con cores azuis á hora de debuxar. Se tiña un mal día notábase polo abuso de cores negras ou vermellas. E cando o único que quería era paz e tranquilidade, o verde era sempre a súa escolla. Era tan interesante, el e o que pensaba. E en certo modo identificábame con el. Para min os tons azuis eran unha melodía presente moitas veces. O negro e o vermello manifestábanse nunha melodía complexa, chea de disonancias, contrastes e cortes bruscos na metade, buscando sempre amálgamas e acentuacións en pulsos débiles, deixando os fortes moitas veces baleiros. E para rematar, a música que máis me gustaba era a das cores verdes. Calmada, pero con momentos culminantes e explosivos. Era unha marabilla. Cando collín confianza con Redo conteille os meus mundos. E quedou fascinado con eles, tanto coma eu cos seus. E pouco a pouco foime gustando máis estar ao seu carón e conversar. Xa non falabamos só do retrato que me estaba a facer, nin dos mundos paralelos que compartiamos , agora tamén falabamos do mundo real, o que de verdade nos envolvía. Cada vez quedabamos máis tardes. El aprendíame a debuxar, e eu ensináballe o básico sobre o violonchelo. Dábaselle bastante ben. E sen decatarme, Redo pasara a ser parte do meu mundo real, e tamén do imaxinario.

Pasou o tempo, e deixei que todo seguira o seu ritmo, sen buscarlle sentido nin lóxica aos nosos mundos. Porque era mellor deixar que fluíran, non había necesidade de buscarlle o sentido a todo.


Parabéns, Mª Eugenia

Primeiro accésit de relato curto no II Concurso literario Mª Vitoria Taboada




O xurado do II Concurso literario Mª Vitoria Taboada acordou recoñecer, cun primeiro accésit na categoría de relato curto, o texto Lis, presentado por Elvira Nercellas Rodríguez.



LIS

Pola noite, oio morriñentos sons. Aboio no frouxo sosego dunha mente ancorada ás lembranzas. Durmo e soño nun incauto corpo de mozo e esperto nunhas mans de home vello, engurrado. É esta luz a que me recorda que o meu corazón xa latexou moitas primaveras e tamén, moitos invernos.

Mais tamén é esta luz a que me arrepía. Pregúntome se, cos días, igualmente me esquecerei dos meus ollos, dos meus pensamentos, de min mesmo. Os meus temores pingan nun tenro tamborilo tenaz. Agárdame a tempestade, e a min tan só me queda agardar.


Reparo no meu malpocado can de palleiro. Engaiolado, ladra para que lle bote algo de comer, ao igual que ladra se vén xente ou se trona. El, mísero aos ollos de todos. E eu, que vivín xulgando, degustando, calculando, sorrindo e chorando, agora esquecerei todo canto lixeiramente presenciei ou, máis ben , crin presenciar. Un can e un home. Dúas existencias que deben resignarse a retornar ao resío escuro do que escaparon tras a primeira raiola que os alumou no nacemento. Home e can igualados no obxectivo final da vida. Realidades de distinta percepción, pero cun fin común. Entón, quen é o mísero? O can ou eu? Ou os dous?


A miña conciencia tamén se esvaecerá. E con ela, os sentimentos, as ideas e o meu mundo interior....Os momentos contados por segundos, minutos ou horas. Desfeitos e substituídos polo baleiro, polo temor. Polo esquecemento. Pode que Lis tamén desapareza. Desaparecer sen nunca aparecer.


Cando creei a Lis, era un máis deses novos que pensan que un nunca vai ser vello. Creeina para poñer unha diferenza entre realidade e imaxinación. Pero agora que son vello, e diso xa hai bastantes anos, doume conta de que o que nós chamamos real non é máis que un breve período de tempo entre longas “non realidades” eternas. Que era logo, o verdadeiramente real?


Comprendín que debía desconfiar de todo aquilo que fose chamado real. Deste xeito, Lis, aquela muller da miña fantasía á que non lle puxera nin rostro, podía ser tan real coma min. Decidín destruíla. Mais xa non podía. Seguía alí, no meu pensamento. Eu creáraa. E ela agora existía ao igual que o can e ao igual ca min.


Anguria de esquecer. A anguria do angosto camiño que me leva ao esquecemento. O meu ser, a miña derradeira consciencia, non deixa de afundirse na congoxa. Porque eu ben sei que creei a Lis, pero quen me creou a min? Crearíame o can imaxinando que podía imaxinar? Ou crearíame Lis soñando que a imaxinaba?


E co paso dos días, sigo esquecendo.  


Parabéns, Elvira.

Segundo accésit de relato curto no II Concurso literario Mª Vitoria Taboada


O xurado do II Concurso literario Mª Vitoria Taboada acordou recoñecer cun segundo accésit na categoría de relato curto ao traballo presentado por Xosé Manuel Fernández Taboada.

O aparello situado na mesa da noite comeza a soar, emite leves vibracións, fai que esperte. Desconcertado, cos ollos aínda medio cerrados, logra ollar que son as sete en punto. Unha cara descoñecida e ao mesmo tempo familiar asómase á porta e pronuncia un nome, ao mesmo tempo que esixe que se erga da cama:

-Xan, érguete xa para que che dea tempo de almorzar.

Pola pinta, deduce que a orde vai dirixida a el. Logra así deducir que ese é o seu nome, pero aínda lle queda por saber quen é a muller. Ao chegar á cociña, atópase cunha cunca de leite e torradas untadas con marmelada. Polo cheiro decátase de que están feitas no momento. A muller diríxese de novo a el, esta vez non emprega o seu nome senón que se refire a el como o seu fillo. Estalle pedindo que recolla os libros para ir á escola. Vaia, cantas cousas novas, tamén vai á escola! A muller que resulta ser a súa nai, déixao na porta dun grande edificio pintado de cor amarelo e rodeado de grandes árbores. Ao lado esquerdo desta pon “Colexio de Educación Primaria Vetusta”. Ao entrar, non sabe moi ben a que lugar dirixirse, por iso opta pola porta 23, aula de 3º grao de primaria. Está chea de raparigos que aparentan máis novos ca el, pero non hai ningunha figura de autoridade. Senta nunha cadeira ao lado dunha rapaza de cabelos louros e ollos azuis. A súa cara tamén lle semella familiar e ela mira para el sorrindo. Axiña comezan as burlas cara á súa persoa e el non entende por que. Aos dez minutos entra unha muller vestida con saia axustada e americana a conxunto. Suspira e pronúnciase:

-Xan! Xa esqueciches outra vez cal e a túa aula? Cantas veces che teño que repetir que é a de quinto grao?

Volveuse equivocar, recolle os libros, entre as burlas dos compañeiros, a cabeza erguida con mala cara da mestra e as palabras de defensa da rapaza de cabelos louros. Ela é a única que o defende, ata o punto de case soltar bágoas.

Cando chega á súa verdadeira aula, as palabras de burla continúan. Acaba a clase e sae ao descanso cun humor máis ben malo, polas situacións vividas previamente ao longo do día. Porén, atópase cun balón de cor vermello e comeza a pelotealo. Gústalle moito.

Un grupo de sete rapaces que parecen maiores, póñense preto del e comezan a molestalo de novo. A rapaza que o defendera antes volve de novo ao seu favor. Acaba no chan, chorando, tras un empurrón que lle dá un dos raparigos maiores. Xan quédase no sitio, sen facer nada, non entende que está a pasar. A rapaza trata de pedirlle axuda e el simplemente se limita a dicir:

-Déixame en paz! Non sei quen es e se non estiveses preto de min non che pasaría isto. Métete nos teus asuntos, nena boba!

Volta á clase moi nervioso. Isto fai que as últimas dúas horas se lle fagan eternas. Cando soa o timbre, sae e pouco tarda en ver o coche coa muller que o trouxo antes. Ao subir ela limítase a miralo, en estado de espera. A rapaciña de cabelos louros diríxese ao mesmo coche e entra na porta traseira do auto. Ten a saia manchada de sangue, as medias rachadas á altura dos xeonllos e estas mesmas de cor branco con pequenas manchas tamén de cor vermello. Segue coas bágoas nos ollos.

A nai alármase e interesase por saber o que lle pasou a Clara, así se chama a nena. Así é como lle conta o ocorrido. Xan por fin consegue saber cal é a relación que ten con dita nena. Trátase da súa irmá pequena.

Ante o relato, a nai comeza tamén a chorar. Dez minutos despois emprende a viaxe pero, agora, cun camiño distinto. Chegan a unha consulta médica. A nai cóntalle a un home con bata de cor branca a mesma versión da nena, non sen antes consultar por teléfono aos mestres a actitude de Xan no colexio. O home de bata branca mira unhas follas onde figura un historial relacionado con Xan.

Ao cabo, mira con desolación á muller sentada na cadeira de enfronte. Diríxese a ela, con ton de malas noticias. Xan ten que escoitar as palabras que este home ten que dicir:

-Desgraciadamente señora, a enfermidade avanza. O tratamento que Xan estaba recibindo ata agora xa non fai o efecto que debería. Non se coñece tratamento máis forte que se lle poida aplicar para controlar os ataques que xa son tres na mesma semana e que esqueza as cousas é imposible de evitar. Tal vez sexa hora de internalo nun centro especializado neste tipo de casos.

Chegan á casa, a nai de Xan chora desoladamente, así o fixo durante todo o camiño. Terá que facer o que tratou de evitar nos últimos meses.

Todos se deitan. A escena ao día seguinte repítese. Pero esta vez ocorre algo distinto. Xan cambia o colexio Vetusta pola centro Caspada. Chegan ás tres da tarde, en todo o día non houbo unha mísera burla, nin se equivocou de aula a pesar de esquecerse de todo. Pero tampouco houbo volta á casa, nin rapaza de cabelos louros, nin balón á saída ao descanso, nin muller no auto esperando...


 
 Parabéns, Xosé Manuel