29 abril, 2021

Club de Ciencia

Comprácenos informar das actividades do Club de Ciencia que botou a andar no 2º trimestre da man de Luís Guitián, Mar Espinosa e Raquel Honrubia, profesorado encargado de supervisar os diferentes obradoiros. 

De primeiras o Club contou con alumnado de 1º da ESO tutelado por alumnado de 1º do STEMBach, so o lema “Os grandes axudan os pequenos”; e dada a boa acollida, o Club ampliouse aos cursos máis altos, facendo unha nova sección, caso da do alumnado de 4º da ESO. 

Nestes momentos, entre onte e hoxe, estanse a realizar os seguintes obradoiros:

Obradoiro de xabón con alumnado de 4º da ESO, sen tutelar. 

Obradoiro de cociña molecular tamén con alumnado de 4º da ESO, sen monitores.

Obradoiro de identificación de ósos e reconstrución dun esqueleto humano con alumnado de 1º da ESO, acompañados dos de 1º do STEMBach, como monitores. 

Obradoiro de elaboración dun ronsel para traballar sobre a densidade, igualmente con alumnado de 1º da ESO, so a tutela do alumnado de 1º do STEMBach. 

A seguir unhas fotos dos obradoiros realizados hoxe, fotos nas que se observa un entusiasmo desbordante:

 




28 abril, 2021

Encontro con Alba Rozas

O venres, 7 de maio, terá lugar na Biblioteca un Encontro coa filóloga e escritora lalinense Alba Rozas ao fío da lectura da súa novela A caída de Guiomar por parte do Club de lectura:



24 abril, 2021

Os Encontros con Educalecrín

Os encontros con Educalecrín da man de Verónica Ledo Lançao e Natalia Conzález Coego foron todo un éxito, o que fixo que se estendese a actividade a 4º da ESO, cubrindo desta forma toda a etapa educativa. Así mesmo a prensa dá conta da nova na súas páxinas de información local.
A seguir unhas fotos, do noso reporteiro Carlos, dos Encontros con 1º, 2º e 3º da ESO:
 







Fica pendente o Encontro con 4º da ESO que terá lugar o vindeiro 7 de maio:

 




23 abril, 2021

Día do Libro. "A portada son eu, somos nós" : O libro

Foto presentada por 3 ESO D

Non podía faltar o libro "A portada son eu, somos nós", actividade conmemorativa do Día do Libro. Agardamos que sexa do voso agrado.

Día do Libro : Exposición "A portada son eu, somos nós"

No acceso ao vestíbulo podemos ver a Exposición "A portada son eu, somos nós". 
A seguir unha pequena reportaxe gráfica do noso reporteiro Carlos Míguez:
 






As portadas gañadoras

22 abril, 2021

Día do Libro. "A portada son eu, somos nós" : os premios

Reunido o xurado do Concurso "A portada son eu, somos nós" acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:
Portada mellor completada (Quero ser escritor) a Samuel Fernández Fernández (1º da ESO D).
Portada máis orixinal (Lo que nos contaron) a Giovana de Lara (1º da ESO D).

 
Moitos parabéns aos premiados e a todas as persoas participantes na actividade da que daremos conta en breve.

 

Trama Irmau e o Día do Libro 2021

O Club de Lectura Trama Irmau, so a coordinación de Uxía Nogueira, quixo conmemorar o Día do Libro coa realización dun vídeo que nos amosa unha visión multicultural do libro. A edición é de Severiano Casalderrey.
O resultado aquí o tedes: animación á lectura dun xeito lúdico.

Odisea 2021

Na web do Instituto damos conta do éxito do alumno de 2º do Bacharelato C, Melvin Ibarra Soto no Concurso Odisea 2021 no que logrou o subcampionato. 
Moitos parabéns, Melvin!
Reproducimos tamén na Marela o vídeo no que Melvin reflexiona sobre a súa participación.
 

20 abril, 2021

Mario Pereira : en casa de seu

Hoxe tivo lugar o programado Encontro con Mario Pereira dos Clubs de lectura de 1º da ESO ABCD e Rabo Rizado arredor de "Contos para Manuela", encontro que se desenvolveu na Biblioteca Mario Pereira (espazo ideal). 
Mario, faloulles de como xurdiron os Contos para Manuela, da súa experiencia como docente e do seu facer literario. Tamén saíu ben parado das incisivas preguntas ás que foi sometido.
A seguir un par de fotos do acto:




19 abril, 2021

Día Mundial da Arte. Lugares cubo : O libro

Velaquí o libro Lugares cubo que nos amosa o traballo realizado por alumnado de 1º e 2º do Bacharelato de Artes co gallo do 15-A, Día Mundial da Arte, so a coordinación da profesora María Armada:

17 abril, 2021

14 abril, 2021

Día Mundial da Arte : Lugares cubo


Celebramos, ao abeiro da coordinación da profesora María Armada, o
Día Mundial da Arte coa proposta ao alumnado do Bacharelato de Artes, da representación dun lugar que para eles significase algo, positivo ou negativo; para posteriormente escanar dita representación e encapsulala nun cubo. 


O resultado,
Lugares cubo, no deixa a ninguén indiferente.
A seguir unha pequena reportaxe gráfica da exposición:

 







En breve o libro "Lugares Cubo", conmemorativo do 15-A.

 

 

Encontro con Juan Casto Rivadulla : o acto

Onte, día 13, tivo lugar o Encontro do alumnado de 4º da ESO de Cultura Científica co neurocientífico Juan Casto Rivadulla Férnandez so o lema: "O mundo na túa cabeza".

A seguir unhas fotos do Encontro:





 

12 abril, 2021

Encontro con Juan Casto Rivadulla : O mundo na túa cabeza

 O martes, 13, terá lugar un Encontro do alumnado de 4º da ESO de Cultura Científica co neurocientífico Juan Casto Rivadulla Férnandez so o lema "O mundo na túa cabeza".


 

10 abril, 2021

Encontro con Educalecrín

 Os días 15, 16 e 23 de abril o alumnado de 1º, 2º e 3º da ESO terá un Encontro con Verónica Ledo Lançao e Natalia González Coego de Educalecrín
As charlas e os obradoiros xirarán arredor do tema "Nova ética ecosocial: Unha educación diferente para un mundo diferente".
No cartel promocional damos conta dos diferentes obradoiros a desenvolver:


07 abril, 2021

Graffiti romanos

"Graffiti romanos" foi unha actividade desenvolvida polo alumnado de 1º da ESO A, B e D; organizada e coordinada pola profesora Alba Payo.

Tal e como se informa no libro dixital que recolle os graffiti do alumnado, "o costume de escribir, raiar, pintar ou debuxar nas paredes dos edificios das rúas non é, como se cre habitualmente, un fenómeno moderno. Grazas ás escavacións arqueolóxicas das cidades romanas, especialmente de Pompeia e Herculano, recuperamos moitos testemuños espontáneos sobre a vida política, social e amorosa".

A seguir podemos ver os graffiti do alumnado:

   

E unha mostra da exposición dos Graffiti romanos no vestíbulo do instituto: