31 outubro, 2023

A química do Samaín

Xa no ano 2013, desde o CEIP Antonio Insua Bermúdez (Vilalba) nos explicaban que os nosos devanceiros celtas (ou castrexos) honraban a deidade SAMAÍN o día 1 de novembro. E unha das crenzas que parece que tiña este pobo era o poder máxico das cabezas dos seus inimigos: eran defensivas, podían emitir cánticos celestiais e mesmo berros arrepiantes.

Se misturamos estas crenzas coa festa america do Halloween, na que os mortos volven ao mundo dos vivos o Día de todos os santos, xa temos as cabazas convertidas en aterradoras cabezas humanas.

Pero non imos falar só de cabazas, que hai das castañas dos nosos soutos? Este ano a climatoloxía non lles prestou e os bechos estragáronas bastante. Aínda así, na Mario Pereira quixemos deixar unha pequena mostra da boa colleita dezá, e explicarvos por que hai que amosegalas para que non estoupen ao asalas. 

Grazas á Sociedade Xuvenil Galega de Química por prestarnos os seus carteis e permitirnos entender "A química do outono". Se queredes saber máis, pasade pola nosa Biblioteca e levade en préstamo algún dos nosos libros sobre Química.





















29 outubro, 2023

Coa nosa xente... Sunny Saco Buceta

 Convocado pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, este 7º Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2023, subiu ao seu podio a unha das nosas alumnas do Ciclo de Administración de Sistemas Informáticos, Sunny Saco Buceta.

Entre as 27 competicións diferentes nas que podía participar o alumnado de Formación Profesional, Sunny, principiante neste concurso, acadou a medalla de prata polo seu traballo no desenvolvemento dunha aplicación web. A recompensa material a este segundo posto consistía nunha tableta e equipamento vario para o seu ordenador. A moral, o orgullo de ter acadado ese posto con tan só 19 anos e os parabéns de todos os que estamos cerca dela.

Na fotografía, Sunny, no centro da imaxe, xa coa medalla de prata, acompañada polos seus profesores Julio e Amador (á súa dereita).

Imaxe: N H Diario


28 outubro, 2023

Día Mundial da Animación 2023

De cara a conmemorar o Día Mundial da Animación, seguimos coa tradición de lle pedir ao noso compañeiro académico Severiano Casalderrey que seleccionase unhas curtas para o noso alumnado. Mais desta vez o visionado das mesmas farase nas aulas. Outrosí, Seve achéganos unha guía para o debate posterior.

A seguir as propostas de Severiano orientadas por curso.

1º da ESO

The Goose (2020), de Jan Mika (República Checa- Francia). Animación, monicreques (stop motion); 12 min. Trailer en Youtube.

 

 

Apocalypse Dog (2022), de Aziliz Le Clainche, Camille Nasarre, Jing Qian, Juliette Barraux, Emma Plumey, Lucile Arnaud e Solène Cauchie  (Francia). Animación, 3D CGI; 7 min. Trailer en Youtube.


2º da ESO

 Ice Merchants (2022), de Joâo Gonzalez (Portugal, RU e Francia). Animación, debuxo tradicional 2D CGI; 14 min. Ver en Youtube.

 

  Pete (2022), de Bret Parker (USA). Animación, 3D CGI; 7 min. Trailer en Youtube.


3º da ESO

  

Sandwich Cat (2022), de David Fidalgo (Galicia-España). Animación, 2D CGI; 10 min. Trailer en Youtube.

Aaaah! (2023), de Osman Cerfon (Francia). Animación, 2D CGI; 5 min. Trailer en Youtube.


Deniska umrela (Dede is Dead) (2023), de Philippe Kastner  (República Checa). Animación, debuxo tradicional, 2D CGI; 8 min. Trailer en Youtube.


4º da ESO

  

Amok (2022), de Heta Jäälinoja (Hungría-Rumanía). Animación, 2D CGI; 15 min. Trailer en Youtube.


Nun or Never! (2023), de Balázs Turai (Finlandia). Animación, 2D CGI; 11 min. Trailer en Youtube.

Bacharelato de Artes

 

Koerkorter (Dog Apartment) (2022), de Priit Tender (Estonia). Animación, monicreques (stop-motion); 14 min. Trailer en Youtube.


Algodreams (2023), de Vladimir Todorovic (Australia). Animación, IA (Intelixencia Artificial); 11 min. Trailer en Youtube.


The Lovers (2023), de Carolina Sandvik (Suecia). Animación, plastilina (stop motion); 13 min. Trailer en Youtube.

26 outubro, 2023

Ao fío de... Día das Bibliotecas

 Grazas á nosa radio e ao traballo de coordinación de María Barcala, xa están aquí as opinións dos nosos usuarios. 

"A biblioteca é...."


Marabillosa

        Un mundo moi divertido

                                                O lugar onde podes atoparme

Un lugar perfecto para pasar o tempo lendo ou estudando


                                        Un lugar máxico onde me transporto a outro mundo


            Un lugar tranquilo e sosegado para vir nos recreos e estudar a Bioloxía de Guitián

Tranquila

                                    Un sitio cheo de vida

Acubillo e compañía para os que se senten sós e soas


Se queredes coñecer o resto de opinións só tedes que picar na ligazón




24 outubro, 2023

24-O

"O lema deste ano, Tecendo Comunidades, pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades. Estas institucións son centros de conexión e aprendizaxe, onde as historias, as experiencias e os coñecementos son os fíos que unen os cidadáns". Así nos presentan desde Bibliotecas Escolares de Galicia o lema do cartel deste DÍA DAS BIBLIOTECAS:

   E desde a Mario Pereira quixemos saber que significa a Biblioteca Escolar para os nosos usuarios. As respostas chegaron en forma de pequenos papeis de cores pegados sobre a imaxe de Rosalía que preside a entrada á nosa biblioteca:




    Coa axuda de Radio Marela poderedes escoitar todos estas opinións.

    E seguindo coa nosa idea de sacar os libros dos andeis, de liberalos para facelos máis visibles, hoxe foi a quenda dos 028, pero facéndolle un oquiño a un 02 moi especial para nós: o volume que recolle os Premios 2006 de Bibliotecas Escolares outorgados polo Ministerio de Educación y Ciencia e no que a Biblioteca do IES Ramón María Aller Ulloa figura entre os premiados. Parabéns ao equipo que a conformaba naquel momento e tirón de orellas para os que fan que, curso tras curso, o profesorado teña máis carga horaria e menos tempo para a Biblioteca.





11 outubro, 2023

Día Mundial da Saúde Mental

 O 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental, coa intención de concienciar sobre os problemas de saúde mental en todo o mundo. Mais no IES R. M. Aller Ulloa, o alumnado de PDC, coordinado pola súa profesora do Ámbito Científico, Ana Penas Facorro, pensa que o recordatorio destas doenzas non debe quedar nun día, senón que se debe tratar os 365 días do ano. Para isto, recolleron noticias na prensa escrita galega e española e montaron unha pequena exposición na entrada do instituto, xusto a carón da caixa do correo colocada o curso pasado para recoller peticións, suxestións ou ideas relacionadas coa SAÚDE MENTAL.

A seguir, unhas imaxes da exposición:









05 outubro, 2023

De Trasalba a Auria

 O alumnado de 4º de ESO visitou este martes 3 o Pazo Museo Otero Pedrayo, en Trasalba. Alí agardábaos o propio Ramón Otero Pedrayo, na compaña da súa inseparable nai e dous dos seus criados. Durante a visita o alumnado foi coñecendo a vida de "Don Ramón", a súa infancia e mocidade, a súa paixón polas letras e algún detalle curioso sobre o seu enterramento.

Na casa accederon ao despacho privado (orixinal) do escritor, comprobando a cantidade e diversidade de obra que o(s) do(s) Grupo Nós podía(n) ler; buscaron as súas aldeas no mapa de Domigo Fontán; adentráronse nos dormitorios privados dos pais de Otero Pedrayo e descubriron a profunda relixiosidade que emana a casa enteira, para acabar desfrutando do sol outonizo no balcón de pedra da casa grande, antes de saír pola galería ideada por Castelao.

Xa fóra, a corte do cabalo, o horreo, a fonte, ou as árbores, axudaron a Don Ramón e súa nai a explicarlles como era a vida nas casas grandes, os traballos das viñas e os soutos, o día a día cos criados... ata que a visita de Florentino Cuevillas reclamou a Otero Pedrayo para preparar o novo número da Revista Nós.

A escenificación de todo isto por parte da Asociación Cultural Platea Lúa brindounos unha magnífica e amena clase de literatura. Pero o día aínda deu para máis, e despois de xantar achegámonos ata Auria.

Seguindo o Roteiro literario de A Esmorga, e metidos na pel de Cibrán, O Bocas e o Milhomes fomos desde o Barbaña ata as Burgas; vagamos polos arredores da catedral e a Praza Maior e acabamos na alameda, diante do Recanto do lector e a estatua de Blanco Amor

E que opina o alumnado de todo isto?

"A visita ao pazo de Otero Pedrayo estivo xenial. Ao ir no primeiro grupo comezamos pola obra de teatro, que nos pareceu moi entretida e natural. Despois, a visita guiada foi moi interesante e a rapaza (guía) que ía con nós era  moi simpática."

Alba Fernández, Mariña Nercellas e Noa Gil

"A obra de teatro, escenificada dentro da casa de Ramón Otero Pedrayo, foi moi entretida. Como os actores se meteron nos propios papeis fíxome meterme mellor dentro da historia. Tamén resultou moi interesante vistar a casa por dentro, a miña parte preferida foi a marabillosa galería deseñada por Castelao."

Miriam Rodríguez Seijas