Amosando publicacións coa etiqueta encontros. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta encontros. Amosar todas as publicacións

30 abril, 2022

"As Ramonas", con Ana Cabaleiro

Achégase a fin do curso e parece que, tamén, da pandemia, así que o alumnado dos clubs de lectura Tarabelos I e II puido gozar dunha xornada lúdico-artística polas terras de Trasdeza.
A primeira parada foi o MOSTEIRO DE CARBOEIRO. Alí, da man de  Xesús e Núria, integrantes de Tesouros novos, coñeceron como se foi construíndo o edificio, o paso do románico serodio ao gótico cos diferentes tipos de arcos e bóvedas; viron os restos da policromía que cubría as paredes  interiores; estudaron as ábsidas e rosetóns;  convertéronse no Abade Fernando por un momento, co seu báculo e mitra; descubriron os gravados (os auténticos e as mostras de vandalismo) e coñeceron a historia deste singular edificio desde as súas orixes no século X, símbolo do poder nobiliario relixioso, ata a reconstrución actual, pasando pola desamortización, o período de abandono total, o espolio e o vandalismo.
Xa fóra do edificio, na aula de interpretación, xogaron a ser mestres de obra e canteiros e levantaron, peza a peza, unha maqueta do edificio. Mais, antes tiveron que aprender a facer arcos de medio punto e apuntalados, e conseguir que ao quitar o acimbre de madeira a clave aguantase ben e o arco non se derrubase.
 










A media mañá, o grupo deixou atrás o claustro e o recinto relixioso para seguir a canle do RÍO DEZA atendendo as explicacións do seu profesor de Educación Física, Borja Costoya. Por veces, o camiño non resultaba fácil, as pedras estaban esvaradías e as silvas convertíanse en soltas naturais que había que evitar. Pero a paisaxe ben o valía.








E tras xantar na Área Recreativa A Carixa a rapazada só podía encamiñarse cara á FERVENZA DO TOXA. Non por coñecidas estas augas deixaron de resultarlles menos atractivas, así que mollaron as mans (para os pés estaban demasiado frías), tiraron fotos, subiron ao miradoiro... e gozaron do sol.



Finalmente, pasadas as tres e media da tarde, a escritora que, dalgunha maneira, propiciou todo isto, estaba a esperarnos na vella ESTACIÓN DO TREN DE ABADES.

Grazas a ANA CABALEIRO e á súa novela As Ramonas, todas e todos nos convertemos en Mona Otero e fomos facendo o seu percorrido vital: Estación de Abades (aínda que para o Adif era Bandeira), estación de Castro (a máis deteriorada de todas elas), taberna de Lola, campo da festa de Saídres e estación de Ponte. 
Carmen Frade e Adriana Iglesias, coordinadoras dos clubs de lectura, guiáronnos ao longo destes dous meses de lectura. Nesta tarde de tronos, pero sen auga, Ana Cabaleiro resolveu as nosas dúbidas e fíxonos reflexionar sobre o paso do tempo, o bonito e o feo das nosas orixes, o que queremos deixar atrás... E ata nos pediu que fósemos Mona Otero, que nos convertésemos nesa muller creativa e construísemos a nosa fotografía persoal.
 







E como adoita pasar nestes casos, cando as cousas saen ben, os rapaces preguntan pola próxima. A modo de exemplo, deixámosvos o comentario que nos fixo chegar Álex Sucasas, un dos participantes no itinerario lector:

"Gustoume moito o itinerario ao Mosteiro de Carboeiro e á Fervenza do Toxa, xa que permite desinhibirte das dificultades do centro educativo e vivir novas experiencias. Fíxome posible volver saír á natureza en grupo, descubrindo zonas e detalles da contorna e ollalos con abraiante beleza.
Estar na natureza é agradábel, faite desconectar, vivir o momento con quen estás, socializar e, o máis importante, ter cousas boas que contarlle á xente e aconsellala para que fagan a mesma ruta sós/soas ou acompañad@s. No meu caso, ao día seguinte da excursión tiña un exame, e durante este tempo vin as cousas máis positivas con respecto ao que quería facer nesa proba e as miñas expectativas. 
Outra cousa é o subidón que recibe o teu corpo ao camiñar. 
Se dispuxésemos de, polo menos, en cada trimestre de tres saídas, aumentarían as nosas expectativas e ánimo para estudar, pois serían nove paradas no camiño do curso que abafa ao estudante".

E a propia Ana Cabaleiro tamén nos fixo chegar a súa impresión da actividade:

"Unha das cousas máis marabillosas que me pasaron este mes de abril foi compartir o roteiro de AS RAMONAS con alumnado do IES Aller Ulloa de Lalín.
Grazas a todxs por "xogar" a ser Mona Otero durante toda unha tarde e percorrer os escenarios da súa historia literaria coa mente aberta.
Grazas a Carmen e Uxía, as profas que o fixeron posible.
E se as "creacións" que xurdiron deste roteiro frutifican en formato libro, eu quero ir á festa de presentación!!

Facebook de Ana Cabaleiro

Pola nosa parte, non podemos dicir máis que grazas Ana, moitas grazas por prestármonos o teu tempo e axudármonos a empezar a ser escritores e escritoras.




22 marzo, 2021

Encontro con María González Flores

O próximo venres 26, o alumnado de 1º do Bacharelato de HMC e Literatura Universal terá un Encontro coa socióloga María González Flores. A charla-obradoiro versará sobre feminismos.


 

19 marzo, 2021

Encontro co xeógrafo Horacio García

O próximo 23, o alumnado de 1º do Bacharelato de HMC terá un Encontro co xeógrafo Horacio García. O relatorio leva por título: "Xeografía, máis que capitais?"


 

09 marzo, 2021

Encontro con María Sánchez : o acto

Hoxe tivo lugar o programado Encontro en liña con María Sánchez ao fío das actividades organizadas para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con alumnado de 1º do Bacharelato e 4º da ESO integrante do Club de Lectura.

Un momento do relatorio de María Sánchez
 

María Sánchez faloulles do seu libro "Tierra de mujeres", que o Club de Lectura leu, asociado ao tema "O rural das mulleres ".

A seguir unhas instantáneas do encontro, nas fotos vemos as profesoras Lara Rodríguez e Carme Frade caracterizadas de Elisa e Marcela:




 

O Encontro complementouse cun mural sobre o libro "Tierra de mujeres", elaborado polo Club de Lectura.



 O acto foi organizado polo Club de Lectura e coordinado por Adriana Iglesias e Lara Rodríguez.

05 marzo, 2021

Encontro con María Sánchez

Encontro en liña con María Sánchez ao fío das actividades organizadas para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.


 
Acto organizado polo Club de Lectura e coordinado por Adriana Iglesias e Lara Rodríguez.

12 febreiro, 2021

11F. Encontro con Yolanda Pazos: o acto.


O pasado 10 de febreiro no marco da celebración do 11F (Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia) tivo ligar o anunciado Encontro coa oceanógrafa Yolanda Pazos que disertou sobre O fitoplancto nosa vida ao alumnado de 1º do Bacharelato de Ciencias

A seguir unha pequena reportaxe gráfica do acto, coordinado pola profesora Natalia Fernández.






 


09 febreiro, 2021

11F. Encontro con Yolanda Pazos

Encontro con Yolanda Pazos no marco das actividades organizadas para conmemorar o 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.

Evento organizado polo Departamento de Bioloxía e coordinado pola profesora Natalia Fernández.

22 febreiro, 2020

Encontro co Entroido Ribeirao e con David Vázquez. Gañadoras do Concurso de carautas

O xoves 20, tivo lugar no instituto un Encontro co Entroido Ribeirao (un dos mellor conservados de Galicia) que engaiolou totalmente o alumnado.


Así mesmo, tamén tivo lugar un Encontro co director e etnógrafo David Vázquez quen nos proxectou as arquipremiadas curtametraxes As almas de Fental e O Moredo de David Vázquez, curtas que non deixaron indiferentes a ninguén ao ver a traumática perda demográfica do mundo rural (a aldea baleira) que leva consigo a liquidación da cultura rural, así como a recuperación do Entroido Ribeirao.
Ambas as actividades complementares foron seguidas dun máis que interesante coloquio.
A seguir unha mostra gráfica do Encontro co Entroido Ribeirao e co director e etnógrafo David Vázquez.


















Asemade, no marco dos Encontros, déronse a coñecer as alumnas premiadas no Concurso de deseño de Carautas de Entroido, organizado polo Departamento de Deseño:

Arriba, as tres gañadoras Niyireth Tatiana Bohórquez Valencia (gañadora no 1º ciclo de ESO), Alicia Fernández García (gañadora do 2º ciclo de ESO) e Iria Donsión Fernández (gañadora no nivel de Bacharelato). 
Como podemos ver a continuación, os premios fórenlles entregados por un Maragato e un Volante do Entroido Ribeirao: