31 decembro, 2014

Poetemáticas 11 : Cantigas de escarnho e maldizer

Aí atrás comentabamos a operación do carniceiro d'A caza do Snark que para sumar 2+1, case daba a volta ao mundo.

Pois ben, despois de tanto ir e vir ao longo das nosas cantigas medievais, sen nunca reparar na presenza das matemáticas nelas, velaí que -dentro deste ambiente de poesía e matemáticas- collo, vou e espétome co que poderiamos chamar perífrases matemáticas.
Tratase de que, en vez de citaren unha cifra directamente, os autores represéntana a través dunha suma. Non dan tantas reviravoltas coma o carniceiro de Don Lewis e a razón é ben simple: responden a necesidades métricas e/ou de rima.

Atopei tres exemplos:

par dous e cinco sinaes da fim

Un ao  que diziam Joam Fernández, e semelhava mouro (*) é obxecto de burla de varios trobadores. Entre eles está Joam Soares Coelho que lle dedica dous escarnios. No segundo ridiculiza a intención do personaxe de ir como cruzado ("o mouro cruzado!!!") a Xerusalén, presentando tal paradoxo como un dos síntomas nítidos de que o mundo está completamente revolto (torvado) e próximo á súa fin.  Algo que tamén se observa no levantamento do Emperador contra Roma ou na Invasión mongola. É ben claro (v. 13) que xa naceu o Anticristo e non hai dúbida que todo isto xa viñera profetizado polos sete sinais do apocalipse. Dixen sete? Dixen mal, son dous e cinco sinaes da fim. Velaquí (no verso 8) a suma á que antes me refería.


Joam Fernández, o mund'é torvado
e, de pram, cuidamos que quer fiir:
veemo'lo Emperador levantado
contra Roma, e Tártaros viir,
e ar veemos aqui dom pedir
Joam Fernández, o mouro cruzado.

E sempre esto foi profetizado
par dous e cinco sinaes da fim:
seer o mundo assi como é miscrado,
e ar torná'-s'o mouro pelegrim
- Joam Fernández, creed'est'a mi[m]
que sõo home [mui] bem leterado.

E se nom foss'o Antecristo nado,
nom averria esto que avém:
nem fiar[a] o senhor no malado
nen'o malado [e]no senhor rem,
nem ar iria a Ierusalém
Joam Fernández, [o] nom bautiçado.

 

um sold'e dous e dez e três

Lévanos Lopo Lías ao Morrazo e ao mundo da prostitución. O Eu satírico denuncia que chegou a un acordo (preito) coa dona de Bagüin, segundo o cal, el lle adiantaba dezaseis soldos a cambio de "iren falar" a casa de Dom Curral. O trato é sobradamente coñecido en todo o Morrazo e o Salnés, pero a pesar diso e de que ela xa cobrara um sold'e dous e dez e três (é dicir, os dezaseis mencionados) a operación segue sen sen cerrar.


A dona de Bagüin
que mora no Soveral,
dez e seis soldos há de mi;
e dei-l[h]os eu per preit'atal:
que mi os ar desse,
ond'al nom fezesse,
senom [que] veesse
falar mig'em cas Dom Corral.

Sabem em Morraz'e Salnês
meu preit'e seu; e nom lhis pês
que há de mim, mais há d'um mês,
um sold'e dous e dez e três;
[e] demais dizia
que [ao] tercer dia
[mi os ar daria]
em cas Dom Corral, o burguês.

em nẽum dos dez e três

Nunha cantiga, cargada de contido político e referencias históricas, Pero Mendes da Fonseca, satiriza o fulgurante ascenso de Paio Peres desde a nada a Mestre da Orde Militar de Santiago para Castela. Na segunda cobra refírese á capacidade de Paio Peres  para virar a vontade do Consello dos Trece (os dez e três) ao seu favor


Chegou Paio de más artes
com seu cerame de Chartes;
e nom leeu el nas partes
que chegasse há um mês
e do lũes ao martes
       foi comendador d'Ocrês.

[As]semelha-me busnardo,
vind'em seu ceramem pardo;
e, u nom houvesse reguardo
em num dos dez e três,
log'houve mant'e tabardo
       e foi comendador d'Ocrês.

E chegou per u ham grada,
descalço, gram madurgada:
u se nom catavam nada
d'um hom[e] atam rafez,
cobrou manto com espada
       e foi comendador d'Ocrês.
 
En definitiva, tres poemas e tres sumas que nos deseganaron sobre a falta de referencias matemáticas nos nosos cancioneiros medievais.

25 decembro, 2014

A gran guerra [VIII] : Un Nadal moi especial

Un Nadal moi especial foi o celebrado hai cen anos nas trincheiras.

Así de ben nolo lembra Charly Montero desde Dibunews. La actualidad dibujada.


(Sirva, de paso, para propoñermos unha visita e atento seguimento a Dibunews, da que soubemos grazas a Fátima Elidrissi en El mundo)

18 decembro, 2014

Concoespiral e bo nadal

Andan moi agradecidas as matemáticas coa dedicatoria que lles fan este curso as BBEE. Certo é que, desde sempre, son moi activas en todo o relacionado coa biblioteca, pero este ano aínda están máis motivadas.

Mirade, se non, a concoespiral coa que (man de obra de Moncho) nos agasallan e á que non lle faltan, nin lle van faltar usos.

Aínda non ben saíra da pebida e xa a puxeron de expositor de libros:

Agora está de Árbore de Nadal, ben adobiada e cargadiña de xeometría:


E as que lle esperan!!

17 decembro, 2014

A gran guerra [VII] : A ciencia no conflito

Aproximémonos á ciencia desde o estudo da Gran Guerra, ou fagámolo en dirección contraria. Sairannos ducias, centos de propostas e posibilidades.
VEBER, Jean (1918 ): Les gaz. Paris. BnF.
Nós ímonos conformar cunha presiña delas.

Que tal se nos imos achegando ao tema desde o punto de vista da "guerra química" ou de determinadas solución médicas?

Aquí tedes algunhas interesantes ligazóns:

Química.

Física:

Medicina:

Inventos científicos e tecnolóxicos.