28 setembro, 2023
Materia, Premio Nacional de poesía 2023
21 setembro, 2023
Arrancamos desde a radio
Denís Losada, membro de Rede Espora volve á Mario Pereira para seguir formando o noso alumnado. Nesta ocasión foi a quenda da rapazada de 1º ESO C que coordinada pola profesora María Jesús Barcala, elaborou guións radiofónicos e logo gravou os seus propios pódcasts.
A modo de exemplo, collemos o grupo formado por Andrés, Eloy, Érik, Flavius e Íker, que se centraron na súa experiencia como alumnado novo no centro: que esperaban do IES e con que se atoparon ao chegar.
Pola súa banda, Martina, Rocío, Noa, Carmen e Sofiia cóntannos que traballar na radio resulta ameno e non parece moi difícil.
Así pois, ao longo da mañá, 24 mociñas e mociños irán tendo a súa primeira experiencia con este medio de comunicación, eido no que seguirán traballando ao longo do curso.
A seguir, unhas imaxes da actividade, cortesía de María Jesús Barcala e Carmen Frade.
11 setembro, 2023
03 setembro, 2023
Paula Carballeira Premio Nacional de Literatura Dramática
Desde o ano 1992 o Ministerio de Cultura outorga os PREMIOS NACIONAIS DE LITERATURA á que considera a mellor obra publicada en España, en calquera das linguas oficiais do Estado. E nestes días acabamos de coñecer que As alumnas, de PAULA CARBALLEIRA, foi seleccionada como a mellor publicación do xénero dramático.
A de Fene pasa, así, a converterse na sexta muller (en 34 convocatorias) en acadar o galardón, e a súa obra a segunda en galego, despois de terllo concedido a Manuel Lourenzo, con Veladas indecentes, no ano 1997.
Pero nesta obra o feminino vai moito máis alá da autoría, pois a historia céntrase na figura de MARÍA BARBEITO, mestra coruñesa nada canda a publicación de Follas Novas, e convencida da necesidade dunha renovación pedagóxica no modelo educativo galego, así como da urxencia de que a escola fose obrigatoria e de balde. E o que opinaba sobre o ensino da nosa lingua e sobre a lectura resúmese perfectamente na súa proposta nun artigo publicado no Boletín da Academia Galega aló polo ano 1931: "Dedicar un día á semana para a lectura, escritura e conversa na lingua vernácula para todos os alumnos, sen distinción. Lecturas e recitacións ese mesmo día, dos nosos poetas e prosistas máis destacados".
Chegado o 36, todas estas ideas xogaron na súa contra e foi obrigada a apartarse do ensino. Finaría na súa cidade natal no ano 1970.
E precisamente nese ano 70 é onde arranca a ficción histórica creada por Paula Carballeira, cando dúas das súas alumnas se atopan e recordan a súa etapa escolar.
Na entrevista que Paula Carballeira concedeu a La Voz de Galicia podemos coñecer máis sobre a orixe da obra e o que para ela significa este premio.
Imaxe en "Axenda cultural de Galicia" |
01 setembro, 2023
Coa nosa xente : Manuela Pereira Enríquez
Ao fío de ser seleccionada a curta Vaivéns meteorolóxicos na vila da Guarda para a súa estrea no 20 Aniversario do Festival Internacional de cine Curtocircuíto (do 3 ao 8 de outubro en Santiago de Compostela), traemos hoxe á sección Coa nosa xente a Manuela Pereira Enríquez, coautora da peza xunto con guardés Miguel Flores da Costa..
Manuela e o seu actual perfil de Facebook |
A curta formará parte da sección SUPERNOVA, dedicada a novos creadores emerxentes, formada por unha “selección de nove pezas que transitan diferentes formas e camiños para revisitar vínculos e acontecementos familiares, navegar entre a mitoloxía e a maxia da cotiandade ou cuestionar e evidenciar a crueza do poder”.
Vaivéns meteorolóxicos na vila da Guarda xurdiu da invitación de Manuela Pereira, integrante da 9ª edición do PEI (Programa d'Estudis Independents do Museo de Arte Contemporánea de Barcelona), ao seu amigo e compañeiro de escrita creativa Miguel Flores, ambos desterrados en Barcelona, a traballar na realización de dita peza audiovisual. Proxecto á súa vez vinculado a Remembering Rain.
Cóntannos Manuela e Miguel que “Vaivéns meteorolóxicos na vila da Guarda” é un falso-documental construído a partir do material recuperado do Proxecto Socheo, unha iniciativa liderada polos cineastas Beli Martínez e Xurxo Chirro dixitalizando material de vídeo caseiro da localidade galega da Guarda, coa tentativa de localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que no seu momento foron gravadas pola veciñanza dende o 1970 ata a actualidade.
Canto á cuestión sobre cal foi o pulo, responden que nun primeiro momento, cavilando sobre o significado da choiva, chegamos á conclusión de que para nós é sinónimo de fogar, e decidimos mergullarnos na fonda riqueza de mitos e refráns relacionados co clima que ofrece o refraneiro galego. A partir disto, a nosa intención foi crear unha narración que entrelazase a realidade cun mundo fantástico, deixando a semente da dúbida na mente do espectador e forxando así unha nova lenda. Para iso, deixámonos inspirar por figuras como José Val del Omar, un dos cineastas experimentais máis importantes da historia de España e que tamén dedicou a Galicia unha das súas pezas máis coñecidas: “Acariño Galaico”, do Tríptico Elemental de España. E mesmo de Xurxo Chirro, coa súa longametraxe “Vikingland” (2011).
Por parte, engaden que dende os anos 40 ata os 80 se proxectaron en España os chamados NO-DO, pezas de informativas documentais e propagandísticas do franquismo, polo que a recuperación do material filmado se inscribe na tarefa de dar a coñecer precisamente pezas que durante o franquismo foran censuradas e nunca viran a luz, caso de “Vaivéns...”, un NO-DO que nunca foi rematado nin estreado polo seu controvertido contido, sendo agora restaurado polo seu valor histórico e a aura de misterio que o rodea.
Cartel promocional da curta. Realización: Manuela Pereira e Miguel Flores. Narrador: Mateo Cao. Duración: 6 min e 22 seg. |
Manuela no curso de 2º Bac.2015-16. Copyright IES Aller Ulloa |