26 xuño, 2022

A Biblioteca en obras

Nada é permanente agás o cambio”, titulaba a Marela aló por xuño de 2007, cando a Biblioteca principiara as obras que lle darían o aspecto actual; e agora en xuño de 2022, a Biblioteca mergúllase de novo en obras coa finalidade de lle anovar tal aspecto. Unha remuda que agardamos sexa lucida e da que, xaora, informaremos. 
De feito, estes últimos días andan os libros algo nerviosos, sabedores de que terán que se pór a bo acubillo, antes de que comece a desfeita produtiva.



22 xuño, 2022

Ao fío de... Encontro con Horacio García

O traballo de HORACIO GARCÍA Promoting fluvial geomorphology to "live with rivers" in the Anthropocen Era, vén de ser recoñecido como o mellor artigo de Xeografía en revistas estranxeiras, acadando, deste xeito, o VIII Premio "Roser Majoral Moliné" da Asociación Española de Xeografía.

Tal e como nos explican en  GCiencia, o traballo do profesor da USC, no ámbito da  xeomorfoloxía fluvial, céntrase na mellora da ecoloxía fluvial e o deseño de políticas de restauración dos caudais fluviais.

Desde A Marela queremos facerlle chegar os nosos parabéns a Horacio, co que puidemos conversar o pasado 7 de marzo (ver enlace).

Imaxe: El Progreso
                                                                                                                 

21 xuño, 2022

O Bibliotecario

Hoxe, 21 de xuño, tivo lugar no vestíbulo do instituto a estrea mundial da curta de animación O Bibliotecario.

A realización da curta O Bibliotecario comezou a súa andaina durante o curso 2019-2020, a partir dunha idea orixinal de Brais Carballude Recimil, alumno do Bacharelato de Artes do antedito curso 2019-2020, co obxectivo do fomentar o uso da Biblioteca entre o alumnado, mais por mor da pandemia demorouse a finalización do proxecto ata este curso 2021-2022. 
Para o deseño da curta utilizouse a técnica de debuxo sobre papel e animación dixital 2D, cunha duración de 1:42 minutos.
 
   
 
A realización correu a cargo do Departamento de Debuxo do IES “Ramón M.ª Aller Ulloa” so a coordinación do profesor Francisco Otero, contando coa colaboración da profesora María Armada e co apoio da Biblioteca. 
Con: 
Francisco Otero na adaptación e o guión técnico. 
Matías López Rodríguez no deseño do personaxe Payo, o Bibliotecario, e Patricia González Meire no deseño das personaxes Nenas. 
Carmen Donsión Rodríguez, Elías López Leite, Sara López Rodríguez, Paula Méndez Vilas, Malena Mato Melgarejo e Alazne Solís Vilaverde; no deseño de decorado e na sincronización e animación de diálogos. 
Nos diálogos: 
Payo, o Bibliotecario: Xosé Payo Cangado 
Nena da dereita: Carmen Donsión Rodríguez
Nena da esquerda: Sara López Rodríguez. 
No son, o Banco de sons do INTEF. 
Na música, Moncho Faílde Delgado.
Desde a Marela parabéns a todas e a todos pola profesionalidade demostrada.

15 xuño, 2022

Mochilas viaxeiras

Desde Bibliotecas escolares de Galicia puxéronse en marcha, xa van alá uns cantos cursos, as MOCHILAS VIAXEIRAS, unha bolsa (mochila, maleta...) que permite levar ás casas o material que atesouran as nosas bibliotecas. A idea é que sexa toda a familia a que poida gozar dos libros, revistas, álbums ou cine que temos no instituto. 

Mais nalgúns centros levamos anos dándolle voltas e deixamos que sexa cada usuario o que elabore a súa propia mochila. O profesorado asesora, recomenda, ensina novidades... Pero é a persoa lectora a que finalmente escolle o lote de material que leva para os seus, e para si mesma. O único compromiso é devolver, en setembro, o material que agora leva en préstamo. 

"A mochila é o soporte que permitirá aos rapaces e ás rapazas levar á súa casa, en préstamo temporal, uns materiais que reforcen o vínculo entre familia e escola no seu labor común para a formación dos lectores máis novos", din desde a Asesoría de Bibliotecas escolares de Galicia, e nós así o esperamos.



14 xuño, 2022

14 de xuño: Aniversario de Ana Frank

12 de xuño de 1942

Espero confiarcho todo como non puiden facer con ninguén, e que sexas un grande apoio para min.

Domingo, 14 de xuño de 1942

O mellor será que empece desde o momento en que te recibín, cando te vin na mesa dos regalos de aniversario (tamén presenciei o momento da compra, pero iso non conta).

Diario de Ana Frank



08 xuño, 2022

8 de xuño. Día mundial dos océanos

Non debían ir moi ben as cousas para os océanos cando xa no ano 1992, no Cumio da Terra (Río de Janeiro) decidiron dedicarlle un día ao ano. Desde aquela, cada 8 de xuño, celebramos o DÍA MUNDIAL DOS OCÉANOS. O lema para este ano, "Revitalización: acción colectiva polo océano" fai fincapé na necesidade de que sexamos todos os que coidemos das nosas augas.

O 50% do osíxeno do planeta é producido polo océano, que cobre o 70% da superficie da Terra. Banco de recursos fundamental para a nosa alimentación, tamén proporciona traballo directo, ou indirecto, a máis de 1.000 millóns de persoas. Pero, segundo nos advirten desde as Nacións Unidas, ata un 90% das grandes especies mariñas están xa en mingua, polo que os recursos e os postos de traballo que nos ofrecía corren serio risco de desaparecer. 

Acheguemos, pois, o que poidamos, e coidemos dos nosos mares.

Imaxe e información tirada de https://www.un.org/es/observances/oceans-day

07 xuño, 2022

Ledicia Costas, Premio Lazarillo por 3º vez

Escarlatina, a cociñeira defunta, no ano 2015,  A balada dos unicornios, no 2017 e A lebre mecánica no 2021 converteron a Ledicia Costas na primeira autora en conseguir ata en tres ocasións o Premio Lazarillo de literatura infantil, galardón que selecciona as obras entre as escritas nas catro linguas oficiais do estado español, o que lle proporciona un valor engadido.

Os membros do xurado destacaron que é unha obra "cun bo nivel de linguaxe para os adolescentes" e que trata temas como a diversidade de xénero e a ludopadía. Asemade, combina "de maneira equilibrada" a narración e os diálogos con "reflexións contrastadas e conformes ás vivencias da idade".

Se queredes comprobar por vós mesmos como é a escrita de LEDICIA COSTAS podedes pasar pola nosa biblioteca e levar algunha das súas obras. E se sodes usuarios de bibliotecas escolares tamén podedes ler catro das súas obras na plataforma E-elbe 2.

Así mesmo, deixámosvos o enlace á nosa última guía de lectura, sobre Golpes de luz.



03 xuño, 2022

3 de xuño de 1876, nace Ramón Cabanillas

Cabanillas, o POETA DA RAZA, o da loita AGRARISTA naceu en Cambados, pero coma moitos homes galegos do seu tempo tamén coñeceu a emigración, e tamén se desilusionou; pero el puido volver e retomar á súa vida en Galicia.

A través da súa obra pretendía educar o pobo, achegalo ao nacionalismo e a esa loita pola defensa da propiedade das terras que traballaba. Fixo, así, unha poesía social que non lle impediu achegarse tamén ao intimismo, mesmo ao costumismo decimonónico, iso si, influenciado xa polo Modernismo. 

Non é fácil escoller un único texto do autor para recordalo no 126 aniversario da súa morte, pero nós quixemos deixarvos un aquí.  A biblioteca Mario Pereira ofrécenos a súa obra completa en libro analóxico (o de papel, de toda a vida) e a Biblioteca Virtual Galega dános a posibilidade de ler, en formato dixital, boa parte dela.


"A taberna"

Os mozos mariñeiros da fiada

lémbranse rindo alleos de coidados;

cheira a aceite e pemento requeimados

rustrido de xurés en caldeirada.

 

Conta o patrón nun corro a treboada

do ano setenta –historia de afogados–;

e empuxándose, inando, entran mollados

os homes dunha "lancha de enviada".

 

Pasa de man en man a xerra roiba

de albariño, e namentres cae a choiva

o vento fai tremar a casa enteira,

 

detrás do mostrador clarexa o ceo

nas trenzas de ouro, no mirar sereo,

na sorrisa de luz da taberneira.

      No desterro (1913)


                               Imaxe: portada do libro Ramón Cabanillas, Cambados e o mar de Arousa, de Francisco Fernández Rei

01 xuño, 2022

Cen días de guerra

A guerra en Ucraína chegará este venres, se nada o remedia, aos cen días, un conflito no que todos perdemos, coma sempre. Unha disputa que deixa vítimas de todo tipo: militares, civís, xornalistas... Coma calquera guerra, como en calquera momento, coma en calquera lugar. 

Nós só podemos dicir NON ÁS GUERRAS, agora e sempre. Na entrada do instituto podedes ver unha pequena selección de obras literarias de denuncia da belicosidade. Aquí, da man de Celso Emilio Ferreiro, deixámosvos un dos poemas máis coñecidos da nosa literatura, un texto no que o onde, o cando, o como, o porqué... son o de menos. Un poema no que se denuncia a barbarie bélica e do que parece que non aprendemos.