Amosando publicacións coa etiqueta Banda Deseñada. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Banda Deseñada. Amosar todas as publicacións

26 marzo, 2025

50 anos de José Luis García López en DC: Batman, Superman...

Hoxe, 77º aniversario de  José Luis García-López  (Pareizo-Lalín, 26/03/1948), desexámoslle moitos máis e lembramos que este ano fanse cincuenta desde que comezou a súa andaina con DC Comics.


Nº 448 de Action Comics que contén o primeiro crédito JLGL, entintador sobre lápices de Dick Dillin, nunha aventura de The Atom.

No 448 de Action Comics, José Luís García López iniciaba unha longa carreira na DC que o converte, en opinión moi estendida, no mellor debuxante de superheroes. 
"De estilo tremendamente dinámico, bello, armonioso, equilibrado y modernamente clásico, algunos de los principales autores le consideran el mejor dibujante de Superman." (Muelas)

Alén diso, a súa relevancia adquire unha nova dimensión cando a DC lle encarga, en 1982, as súas guías de estilo. Nelas define e precisa as ilustracións oficiais para licenzas de mercadotecnia e publicidade en todo o mundo. Non resulta, pois,  esaxerado afirmar que o de Pareizo fixa o modelo de Supermán e outras grandes iconas do século XX.

Pareizo, Buenos Aires

Me convertí en un adicto a la lectura, vicio compulsivo que no he abandonado.

O noso autor naceu no ano 1948 en Pareizo (Goiás, Lalín). A emigración dos seus pais levouno a Buenos Aires cando tiña catro anos. Alí se criou e alí se formou como debuxante: por unha parte, dun xeito autodidacta, emulando grandes creadores e, por outro, estudando na Continental School por correspondencia e, máis tarde, con dezaseis, na Escuela Panamericana de Arte. Ao tempo que -sempre o subliña- se desenvolve como lector infatigábel: iso activa e enriquece a construción dos seus personaxes e a narrativa gráfica do relato.

Moi novo comeza a colaborar na industria, primeiro na Edmal e, despois, debuxando historias de diverso tipo para a editorial Charlton_Comics de Connecticut, o que lle serviu como pasaporte para entrar na Columba, a máis importante editora arxentina de BD.

Na Columba, comezou facendo relatos de tipo histórico ou adaptacións de clásicos da literatura como Cervantes ou Lope de Vega (Alarcón), para chegar a asinar, con H. G. Oesterheld, os primeiros vinte e sete números (1972-1975- Aquí o nº 1) de Roland, el corsario: "Creo que marcó mi verdadero inicio profesional. Fue la primera historieta que me obligó a sujetarme a una disciplina y a diseñar personajes propios, además del gran honor de trabajar con Oesterheld(Alarcón)

FONTE

Nova York (A Cociña do Inferno)

A finais de 1974 colle vía cara a Nova York. Aluga un apartamento nun barrio de orixe obreira e ateigado de tensións, talvez o máis coñecido para os amantes do cómic, A Cociña do Inferno, no que (parece incríbel!) non chegou a cruzarse con Matt Murdock. Iso debeuse a que xa atopou traballo nas dúas primeiras portas nas que petou: "Me presenté en Western y salí con un guión, Boris Karloff, creo. En DC, además de conocer a todo el mundo, como ya te dije, también me llevé un Superman de Kurt Swan para entintar. Domínguez me preguntó si quería que me presentara en Marvel, pero me negué. Ya tenía las manos demasiado llenas." (Alarcón)

En contra das motivacións políticas que a miúdo se mencionan, a súa marcha a NY debeuse máis que nada a un afán de exploración:
"...la situación era mala y se veían venir cosas peores pero no fue esa realmente la razón.
/.../
...yo dije bueno si no consigo trabajo sigo para España, sigo para Europa, ¿qué problema tengo? Me dieron tan solo tres meses de visado. El problema es que después la gente de DC como que me agarró, dicen no, no, se queda
, le ayudamos con la residencia, que esto, que lo otro… No, esperen que no estoy decidido"
[Higuero]

A súa fidelidade á DC, coa que acabará firmando un contrato de exclusividade, xustifícaa no trato e as relacións humanas que alí trenzou, o que ben nos ilustra sobre a súa escala de valores.

Tras diversos traballos, en 1975 asina a súa primeira serie DC de xeito continuado, Hercules Unbound con Gerry Conway, o seu máis prezado guionista, e participa en Jonah Hex, o cazarrecompensas que lle dá un forte pulo á súa carreira e que sempre ten presente como unha das súas mellores creacións.

Smallville, Gotham City e tantos sitios máis

Malia afirmar que nunca se sentiu especialmente cómodo no xénero superheroico, é, como dixemos, un autor ao que, neste campo, adoito acompañan adxectivos como "lendario" ou "mítico" (aquí tedes unha entrada coas achegas e as portadas para Supermán). Algúns dos seus traballos son auténticos fitos:  Superman vs. Wonder Woman (1978) -no que os dous superheroes manteñen posicións antagónicas sobre a bomba atómica (o kryptoniano en defensa da postura oficial do goberno estadounidense, a deusa partidaria da posición humanista e pacifista que defenderon Einstein ou Oppenheimer) ou Batman vs. Hulk (1981), o segundo dos escasos cruces Marvel/DC. 

Superman vs. Wonder Woman (1978) con Gerry Conway, un dos grandes títulos de García López. 

Xa comentamos que, desde a primeira DC Comics Style Guide, en 1982, é o encargado de fixar a iconografía dos personaxes da editorial.

Entre Superman e Batman di preferir traballar con este pola súa complexidade psicolóxica (Higuero)

En 1984, Atari, a célebre marca de videoxogos, lanza coa DC (as dúas compañías pertencían á Warner) un proxecto de cómics, Atari Force, como elemento promocional. Na segunda tempada incorpórase, como debuxante principal, García Gómez.

Star Raiders presentada como a primeira novela gráfica da DC

Este sería o seu último compromiso cunha serie regular. A partir de aquí realizará traballos varios, portadas e algunhas miniseries, entre elas: Deadmon (1986) con guión de Andrew Helfer,  Cinder and Ashe con Gerry Conwayun dos seus traballos preferidos, ou Twilight=Crepúsculo (1990), obra de ciencia ficción, con guión de Howard Chaykin, que tamén cita entre as máis queridas e pola que o nominaron aos premios Eisner:

"Teño polo menos tres libros que considero os meus favoritos por diferentes razóns. Un é Twilight, os outros son Cinder and Ashe e Road to Perdition. O primeiro ten moitos trucos visuais para realzar a historia, que de certo xeito é  complexa, mentres que os outros son pura narrativa." (trad.) (TANO, 2013)

Unha voltiña por Lalín

O 11 de xullo do 2019 visitou Lalín. As crónicas dinnos que impartiu unha charla no Pazo de Bendoiro e doou un debuxo de Supermán ao Concello.

SOUTO, Miguel (2015): García López en Liñares. Aquí.

Dous días máis tarde, o 13, acudiu ao Museo Ramón Aller para participar na presentación de Atila, o cuarto volume da biografía de Castelao en BD de Inacio Vilariño e Iván Suárez.

DEMO EDITORIAL (2015): García López co Atila de Inacio e Suárez na man.

Referencias WEB: 

ALARCÓN, Walter (2013): Entrevista a José Luis García López.
ALCÁZAR, Fco. Javier (2002): García López, José Luis.
ALCÁZAR, Fco. Javier (2008): José Luis García López.
BANDA DE GALEGOS (2013) : José Luis García-López. [Con abundante material gráfico]
BAYONA, Mariano: La producción de José Luis García López en Superman.
HIGUERO, Gustavo (2015): Entrevista a José Luis García López.

24 xaneiro, 2024

Marela BD: 1500 entradas


Esta semana a Marela BD completou 1500 entradas (con máis de 5000 ligazóns e referencias críticas) que se corresponden cos 2040 rexistros de banda deseñada do noso catálogo. O blog naceu no curso do 2012/2013 para responder a unha reconsideración da BD na biblioteca e no proxecto lector.

Ata entón, dispoñíamos dunha pequena colección formada por aluvión, sen ningún tipo de directriz. Procedía de doazóns institucionais e, mesmo, persoais, de promocións de xornais ou ofertas editoriais, de adquisicións do Equipo de Normalización ou dalgunha petición concreta do profesorado, ben atendendo a gustos persoais, ben a usos concretos e esporádicos na aula.

O resultado era unha colección descompensada, con moi boa presenza de BD en galego, dalgúns clásicos da liña clara (Astérix, Lucky Luke e Tintin) e de personaxes de Bruguera (especialmente, Mortadelo e Filemón), pero pouco máis.

Naquela altura o PL permitinunos condensar unha serie de propostas para o uso da BD, para iso cumpría ampliar e equilibrar a colección, na procura de, por unha parte, termos ben representados os grandes xéneros e autores do medio e, por outra, cubrirmos un amplo abano de necesidades que van desde a lectura lúdica ou material de apoio para diversos contidos curriculares, ata material fundamental para as competencias plásticas e audiovisuais.

Para iso, partimos de dúas seleccións (unha elaborada polo Equipo de Apoio, outra polo autor Fran Bueno) que fomos completando pouco e pouco. Cuantitativamente, significou que arredor do 2012/2013 adquirimos 220 volumes (había 328).

A necesidade de manter información directa e constante (con alumnado e profesorado) sobre o medio, convidounos a deseñar o blog Marela BD.

Hoxe, a Marela BD é case un catálogo en liña que nos axudou sistematizar o fondo e as necesidades e nos permite aproximacións críticas ás obras.

16 xullo, 2023

Francisco Ibáñez, in memóriam

 

Portada do número 165 de Qué leer

Francisco Ibáñez, mestre do cómic (1936-2023)

Mi mujer sabe que estoy vivo porque escucha de vez en cuando los lápices moverse (Ibáñez en entrevista concedida a Jot Down).


Medrar na compaña dos personaxes creados por Francisco Ibáñez foi de verdade terapéutico. As súas historietas foron unha burbulla de aire libertario en medio da ditadura franquista e, xaora, na democracia. Todo un retrato social da España da ditadura á democracia.


Na Marela BD podedes consultar un amplo catálogo coas peripecias de Mortadelo e Filemón, Pepe Gotera e Otilio, Rompetechos ou 13 Rue del Percebe.

Grazas eternas Ibáñez.

 

17 marzo, 2021

8M. 13 mulleres que escribiron a historia en feminino. 13 mulleres con coraxe : o libro


Vén de saír do prelo o libro "13 mulleres que escribiron a historia en feminino. 13 mulleres con coraxe", resultado da actividade conmemorativa do 8 de marzo. 

Aquí, na Marela, podédelo desfrutar en formato dixital:

 

Moi pronto o vídeo.

05 xaneiro, 2021

Tex


Houbo un tempo (poñamos, cuarta arriba, cuarta abaixo, os ‘60) no que a mañá de Reis tiña aroma e son propios. Sobre os barrios pairaba o cheiro a pólvora, no aire estalaban os fulminantes. Os fulminantes (que palabra tan aquelada!) non fulminaban nada, polo que tiñan que ser reforzados con onomatopeas e aclaracións articuladas: Pum-pum (ou pam-pam), morto!, mentres no noso dedo índice tratabamos de facer xirar o revólver antes de enfundalo.

As extraordinarias e afastadas historias (marcos que se movían, preitos por dereitos de paso, o shériff ao servizo do cacique, o tren en permanente construción...) do Far West nutrían a nosa imaxinación e a nosa imaxinación nunca se vía farta.

O cine andaba aí, pero reducíase a domingos e festivos. As televisións vendíanse nas xoiarías. A nosa voracidade tiña, pois,  que acudir ás novelas (AS novelas, por antonomasia: Marcial Lafuente Estefanía, Silver Kane ou César Mallorquí, poñamos por caso) ou aos “contos”, que así lles chamabamos aos relatos en cadriños.


E aí si que si: o Sheriff King de Víctor Mora (si, o do capitán Trueno ou o Jabato), o Tenente Blueberry de Charlier e Jean Giraud, Red Ryder ou “El llanero solitario” (gloria á editorial Novaro de México!), El Coyote de Mallorquí... Longa sería a listaxe e cada quen tería os seus favoritos.

Así e todo, un lugar prominente hai que reservalo para Tex, Tex Willer, ranger de Texas e amigo dos indios. Tex está aí desde 1848 e non para. Véndense o dobre de fumetti de Tex en Italia, que cómics de Batman nos EUA. Os seus códigos éticos –integridade persoal, xustiza social, antirracismo...-, ben o vemos, aínda hoxe son difíciles de integrar na propia sociedade gringa. Os guións (os Bonelli, Claudio Nizzi, Mauro Boselli) constrúense con precisión de reloxeiro. Na parte gráfica dexergamos unha verdadeira constelación de estrelas da ilustración europea.

Entre os diferentes formatos, atopamos os “Texoni”, números autoconclusivos  en gran formato. Son estes, especialmente os debuxados por grandes autores españois, os que escolleu Editorial Aleta para recuperar o personaxe no noso mercado.


Aleta, como tantas editoriais de BD, crebou (terrible!) e a maior parte dos fondos entraron en liquidación. Iso permitiunos incorporar ao catálogo algo  do máis representativo dos fumetti de Bonelli, a gran fábrica de cómic popular da excelente e non moi coñecida produción italiana.

Nesta véspera de Reis, a Marela BD subiu o último dos sete Texoni que adquirimos para a biblioteca. Beizóns Tex Willer! Beizóns á túa defensa daquel pobo nativo con cultura propia e que non sabía de onde lle caían!


15 outubro, 2020

Banda deseñada no IES Aller Ulloa

Unha vez máis alumnado do noso centro recibe un recoñecemento pola creatividade no eido da banda deseñada, neste caso trátase de Álex Souto Sánchez e Sofía Gil Madriñán que veñen de ser premiados na 8ª edición do Certame de Banda Deseñada AX1 convocada polo IES Arcebispo Xelmírez de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Moitos parabéns a ambos e ao profesorado de Artes Plásticas que coordinou o traballo.

        Sofía e Álex, nun momento sen máscara con cara de satisfacción ante o espaza BD da Biblioteca

Na acta de concesión recóllense, entre outras, as seguintes reflexións:

Conceder o primeiro premio na categoría de 12 a 15 anos, dotado con 500 €, a Cortos de Glazes. Dimensión 4 de Alex Souto Sánchez, alumno do IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín, por presentar unha historieta novidosa e fresca, na que o debuxo e o deseño de páxina están ben traballados, amosando un emprego desenfadado dos recursos expresivos e condensando a capacidade do debuxante de condensar mundos propios en micronarrativas e unha arquitectura moi ambiciosa que ofrece un breve aperitivo, pois rematan xeralmente de xeito abrupto, o que suscita en quen as le o desexo dunha continuación. Salientamos tamén a súa habilidade para adaptar no formato da banda deseñada influencias diversas do mundo da televisión, os videoxogos, o cinema e outras artes. 

A seguir un detalle da obra:

Conceder o segundo premio, na categoría de 16 anos en diante, dotado con 200 €, a Un colar de picos e uns tacóns de agulla, por favor, de Sofía Gil Madriñán, obra fundamentada tanto nos aspectos formais como na mensaxe que transmite, e na que a autora reflicte o seu dominio sobre a linguaxe da BD e a soltura no manexo dos medios gráficos, que acompañan de forza e cor o contido, xogando coa montaxe das viñetas, combinando imaxes pequenas e detalladas ao comezo para rematar con grandes debuxos cheos de intención comunicativa, e tamén coas grafías, propiciando que a historia orgánica gañe forza acompañada da historia visual. A nivel técnico trátase dun traballo moi artesanal, que zumega intuición creativa e soluciona os problemas da montaxe das viñetas con efectividade. Ao mesmo tempo, a historieta formula unha alegación poderosa a prol da liberdade de xénero.

A seguir un detalle da obra:

Moitos parabéns para Álex e Sofía en nome da comunidade escolar do IES Ramón Mª Aller Ulloa.

Na web do IES Arcebispo Xelmíez I podedes ler integramente a ACTA do VIII Certame AX1 de Banda Deseñada


28 xuño, 2020

LGTBI: unha ducia de BD

Velaquí doce propostas con temática LGTBI que podedes atopar na nosa colección.


Premede nas que vos interesen e acharedes as ligazóns que, para cada unha, seleccionou a Marela BD.













23 xuño, 2020

1.250 entradas na Marela BD


A Marela BD, o blogue que recolle o noso catálogo de banda deseñada, chegou ás mil duascentas cincuenta  entradas, un número algo inferior ao de volumes e obras que conforman a nosa colección.

Como xa temos comentado, a Marela BD supuxo un excelente instrumento para avaliarmos, organizarmos e adecuarmos os nosos fondos.

Reservamos o mencionado número para a primeira entrega de La sangre de las cerezas. É a nosa homenaxe a François Bourgeon e a súa lonxeva serie Les passageurs du vent: sedutoras tramas de ficción histórica, sólida documentación gráfica e argumental, extraordinario debuxo e rotundas personaxes femininas que afianzan a súa personalidade en turbulentos períodos históricos, neste caso na Comuna de París. A iso debémoslle engadir a preocupación do autor por mostrar  diversas linguas minorizadas (desta, o bretón) e, así, sinalar situacións de conflito lingüístico.

Como escolta, puxémoslle dous títulos que lindan coa xenialidade: Lo que más me gusta son los montruos de Emil Ferris e El Buscón en las Indias de Juanjo Guarnido e Alain Ayroles.

24 marzo, 2020

Albert Uderzo, in memóriam

Recibimos en pleno confinamento a mala nova da morte de Albert Uderzo, creador xunto con René Goscinny de Astérix e Obélix.
Mágoa non poder poñerlle un altariño a xeito de exposición antolóxica, a quen sen dúbida ningunha está considerado un dos máis grandes da BD. No entanto, si que podedes consultar na Marela BD o catálogo de cómics de "Astérix e Obélix" que figuran na Biblioteca.
Tamén dispoñemos na Biblioteca dunha máis que interesante colección de películas de animación da serie "Astérix e Obélix", que nos agardan para cando volvamos.

 Imaxe de Google
En 1961 vía a luz Astérix o galo, o primeiro da serie:



14 marzo, 2020

A derrota de Coronavirus


No meio do caminho tinha uma pedra
tinha uma pedra no meio do caminho
tinha uma pedra
no meio do caminho tinha uma pedra
                                Carlos Drummond de Andrade


Quen o diría, aló polo 2017 chegounos unha nova aventura de Astérix e Obélix da man de Jean-Yves Ferri e Didier Conrad "Astérix en Italia" que nos conta a celebración da Primeira carreira Transitálica Modicia-Neápolis e na que participan Astérix e Obélix que compiten, entre outros, nin máis nin menos que con Coronavirus, o grandísimo campión dos romanos (que non chineses), acompañado do seu fiel Bacillus; e malia os atrancos no camiño, ao final logran derrotar a Coronavirus.
E nestes momentos de corentena e alarma, moita afouteza, pois nós non dispoñeremos da apócema de Panorámix, pero si dispoñemos da enorme profesionalidade e humanidade do persoal sanitario; e se Astérix e Obélix destronaron a Coronavirus nós faremos o mesmo.







10 febreiro, 2020

Lalin's Curse. Manga truco!

En praza.gal batemos coa seguinte información: "Estamos afeitas a que as historias de banda deseñada teñan lugar nas grandes cidades (Nova York, Metrópole, Gotham, Toquio...), semella que alí todo é posíbel e calquera cousa pode pasar. Pero non pensa o mesmo Isabel Terol, de alcume Isakytm, finalista do Webtoon Contest 2018, que escolleu Lalín como escenario do seu webcomic de estilo manga..."
O feito non deixa de nos sorprender e, sobre todo, cando a autora recoñece que o IES Aller Ulloa lle serviu de perfecto escenario, malia se queixar de carecer de fotos do seu interior. Aspecto este que estamos dispostos a emendar. Con todo, vemos nunha viñeta do Episodio 12 perfectamente retratada a entrada ao instituto:



O seguinte vídeo móstranos o Episodio 1:

14 outubro, 2019

18 de outubro: Día Europeo contra a Trata de Persoas


No Día Europeo contra a trata de persoas queremos achegar o noso pequeno gran de area sensibilizando a comunidade escolar ante este grave problema social que perpetúa a escravitude en pleno século XXI.
Sirva como denuncia o cómic “Esclavas” de Alicia Palmer e Bosco Rey-Stolle do que podedes obter plena información na Marela BD e que por suposto a biblioteca pon a dispor da comunidade educativa.


Podedes descargalo libre e gratuitamente, en PDF, desde o sitio de Bosco Rey-Stolle.