![]() |
| No 2006, nacía PLAMBE e programamos a construción duns expositores de novidades con cartón e cola. Tiñamos unha idea máis convencional, pero ben vedes o resultado: a de Anxo era mellor. |
02 outubro, 2024
Viravolta e a Marela, a bailaren no aro dunha peneira.
06 abril, 2024
Marcapáxinas de elaboración propia
Desde hoxe mesmo, podedes levar da nosa biblioteca uns marcapáxinas orixinais, elaborados polo alumnado de FP Basica I, coordinado por Iria Ares e Ánxeles Francis.
Os marcapáxinas son o produto final, e máis vistoso, do traballo en Canva, empregando un glosario de termos informáticos básicos en inglés, que se insire dentro do PFPP, na liña desenvolta desde a Biblioteca.
24 xaneiro, 2024
Marela BD: 1500 entradas
Esta semana a Marela BD completou 1500 entradas (con máis de 5000 ligazóns e referencias críticas) que se corresponden cos 2040 rexistros de banda deseñada do noso catálogo. O blog naceu no curso do 2012/2013 para responder a unha reconsideración da BD na biblioteca e no proxecto lector.
Ata entón, dispoñíamos dunha pequena colección formada por aluvión, sen ningún tipo de directriz. Procedía de doazóns institucionais e, mesmo, persoais, de promocións de xornais ou ofertas editoriais, de adquisicións do Equipo de Normalización ou dalgunha petición concreta do profesorado, ben atendendo a gustos persoais, ben a usos concretos e esporádicos na aula.
O resultado era unha colección descompensada, con moi boa presenza de BD en galego, dalgúns clásicos da liña clara (Astérix, Lucky Luke e Tintin) e de personaxes de Bruguera (especialmente, Mortadelo e Filemón), pero pouco máis.
Naquela altura o PL permitinunos condensar unha serie de propostas para o uso da BD, para iso cumpría ampliar e equilibrar a colección, na procura de, por unha parte, termos ben representados os grandes xéneros e autores do medio e, por outra, cubrirmos un amplo abano de necesidades que van desde a lectura lúdica ou material de apoio para diversos contidos curriculares, ata material fundamental para as competencias plásticas e audiovisuais.
Para iso, partimos de dúas seleccións (unha elaborada polo Equipo de Apoio, outra polo autor Fran Bueno) que fomos completando pouco e pouco. Cuantitativamente, significou que arredor do 2012/2013 adquirimos 220 volumes (había 328).
A necesidade de manter información directa e constante (con alumnado e profesorado) sobre o medio, convidounos a deseñar o blog Marela BD.
Hoxe, a Marela BD é case un catálogo en liña que nos axudou sistematizar o fondo e as necesidades e nos permite aproximacións críticas ás obras.
26 outubro, 2023
Ao fío de... Día das Bibliotecas
Grazas á nosa radio e ao traballo de coordinación de María Barcala, xa están aquí as opinións dos nosos usuarios.
"A biblioteca é...."
Marabillosa
Un mundo moi divertido
O lugar onde podes atoparme
Un lugar perfecto para pasar o tempo lendo ou estudando
Un lugar máxico onde me transporto a outro mundo
Un lugar tranquilo e sosegado para vir nos recreos e estudar a Bioloxía de Guitián
Tranquila
Un sitio cheo de vida
Acubillo e compañía para os que se senten sós e soas
Se queredes coñecer o resto de opinións só tedes que picar na ligazón
17 xuño, 2023
Novos universitarios
Estas últimas semanas a Biblioteca Mario Pereira era un fervedoiro de xente, un formigueiro de nervios, apuntamentos e dúbidas de última hora. O noso alumnado de Bacharelato estaba a piques de saber se podería acceder aos estudos superiores que desexaba, ou se unha décima de nada o deixaba fóra da súa carreira ou ciclo desexado.
Por fin, este xoves pola tarde as dúbidas quedaron despexadas, e non podemos máis que darlle os PARABÉNS aos nosos mociños e mociñas: 43 aprobados dos 44 presentados, e iso que algúns seica foron "por ver que pasaba", posto que non precisaban da ABAU para acceder aos Ciclos Superiores de Formación Profesional ou aos Graos Superiores de Música que van cursar.
E, por suposto, tamén queremos felicitar ás familias que están detrás dos 46 titulados en 2º de Bacharelato neste 23-24, familias que sufriron, apoiaron, animaron e mimaron os seus fillos e fillas.
O 13.11 sobre 14 de Miguel Cudeiro Guerreiro foi a nota máis alta acadada polos estudantes do IES Aller Ulloa.
13 abril, 2023
E seguimos compartindo experiencias
Desde o PFPP do IES Aller Ulloa seguimos a compartir experiencias bibliotecarias. Se o mes pasado nos visitaron as compañeiras do CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade, esta vez fomos nós os que nos desprazamos ata o IES de Celanova para, da man de Isidora Gil, ver as últimas reformas da Biblioteca e mellorar os nosos PDIs. A seguir, unha breve crónica, da man de María Armada, e fotografías de Mari Ruzo e Jose Rey.
"É curioso cando alguén che di que a formación está vinculada a un espazo concreto, acostumados como estamos a que unha creación audiovisual substitúa a presencialidade. Non é máis lóxico que o docente se desprace ata o noso centro e nos explique o que se fai alí? pensaba erroneamente. Dende o primeiro momento, a coordinadora do noso equipo, coñecedora do centro e do seu traballo invalidou dita opción.
Ao entrar ao IES de Celanova enténdese todo: non parece un centro educativo, do que moitos, para que negalo, ás veces queremos escapar. Sentes como un privilexio a oportunidade de ter habitado por unhas horas nese lugar. Como se o talento de todos os que contribuíron á creación de espazo estivese presente. Para a nosa sorte, e especialmente para a poboación de Celanova, o talento segue vivo e cheo de entusiasmo. Os traballos dos alumnos engalanando o corredor eran mostra recente do mesmo."
07 setembro, 2021
Retirouse Xosé Paio
Aí quedan, con ela, a rosa e o látego. Canda el, durante un tempo, marchará un doce extravío que o fará buscar aulas nas rúas. Onde atopará agora este home o seu proscenio, dende onde soprará as palabras xustas e precisas que fagan boa sementeira, e a quen...? Pero de certo que só será coma unha brétema mañanceira o que o faga descarreirar un chisco, só iso, un espellismo de corredores que xa non levan a rapaz ningún.
Porque o tempo que foi está tan cheo de verdades e certezas que non precisa da nostalxia para alongarse fantasiosamente. O tempo que está por vir demanda a mesma paixón destes anos, a mesma mestría que compasou a severidade coa xenerosa e incondicional dedicación a unha profesión. Hai na vida que vén, cerca, moi cerca, quen sen dúbida demandará a transmisión desas leccións. Non é posible deixar de ser o que un quixo ser.
Retirouse Xosé Paio: quede aquí resoando para sempre un longo bruído de recoñecemento desta Marela.
09 xuño, 2021
Marela para a "Memoria da Biblioteca Escolar Mario Pereira 2020-2021"
08 xuño, 2021
R. 26.000
26.000, unha cifra espectacular para unha Biblioteca sedutora.
O Rexistro 26.000 dá fe do dinamismo da Biblioteca por estar constantemente actualizándose e atendendo, sobre todo, as demandas do alumnado. Procuramos na medida do posíbel facer cadrar cada 500 rexistros cun libro que en parte estea vinculado á nosa comarca dezá e ao noso instituto, tal é o caso d' O filósofo do arado (Varela Buxán), de Emilio Araúxo (profesor que foi deste centro); que ten como protagonista a M. D. Varela Buxán (Patriarca do teatro galego), persoa que estivo estreitamente vinculada ás terras de Deza. É máis, nun dos capítulos lemos: A comedia é unha parte da vida esbozada máis ou menos segundo habelencias do que a esboza, pero unha parte real da vida. (Entrevista na que participou un grupo de alumnos do Instituto Ramón Mª Aller Ulloa de Lalín, 21 de xaneiro do 1985).
Unha recomendación, ler a retranqueira reflexión sobre as conversas entre Varela Buxán e Emilio no noso Facebook, so o título Lalín, 198*, dous filósofos na Imperial.
22 abril, 2021
Trama Irmau e o Día do Libro 2021
11 decembro, 2020
R. 25.500
Comprácenos celebrar o Rexistro 25.500 co nº 1 dos Cadernos FICBUEU de Severiano Casalderrey, profesor de Música no noso IES, que nos achega unha análise, polo miúdo, d'A "Nouvelle vague" a través das súas curtametraxes (1956-65).
Preme na imaxe para saber máis.
06 novembro, 2020
Trama IRMAU. Clubs de lectura
25 outubro, 2020
Exposición Proxecto Física Nuclear. Exposición-homenaxe a Ana Reboiro
Desde o 27 de outubro ao 9 de novembro no vestíbulo do instituto poderemos desfrutar da exposición "Proxecto Física Nuclear, 75 aniversario de Hiroshima e Nagasaki. Historia, arte, ciencia e literatura". Exposición-homenaxe á coordinadora do proxecto, Ana Reboiro.
Co gallo do 75 aniversario do lanzamento das bombas atómicas sobre Hiroshima e Nagasaki, a Biblioteca e o Departamento de Física e Química en colaboración interdisciplinar con outros departamentos puxo en marcha o Proxecto Física Nuclear. 75 aniversario de Hiroshima e Nagasaki. Historia, arte, ciencia e literatura, coordinado pola profesora de Física Ana Reboiro.
A exposición e actividades complementares deberían terse celebrado en abril, mais a suspensión da actividade lectiva presencial debido á COVID-19 pospuxo a mesma. Facémolo agora pero coas restricións derivadas do protocolo anti-covid-19 para o curso actual.
Sirva esta
exposición como homenaxe ao intenso labor que durante 12 anos desenvolveu entre
nós a compañeira Ana Reboiro, unha das promotoras do espazo Toc-TocA Ciencia.
A seguir o Catálogo da exposición:
Como vemos no Catálogo, na
exposición podemos contemplar, entre outros traballos realizados durante o curso
2019-2020, carteis alusivos ás aplicacións da física nuclear, á simulación
dunha desintegración radioactiva (realizados por alumnado de CuCi de 1º Bac.),
á explicación da física que hai detrás das obras de Dalí do período atómico
(tarefa realizada por alumnado de 3º ESO), ás investigadoras en Física nuclear
(exposición da UAB) con tríptico de seguimento, á carta de Einstein e Szilard a
Roosevelt, á selección de fotografías de científicos implicados no Proxecto
Manhattan, á aproximación histórica ao conflito, ao eixe temporal desde Becquerel
ata a primeira reacción de fisión en 1938, a poemas de temática nuclear, fotos
das maquetas realizadas sobre a fisión e a fusión nuclear, á maqueta do mapa de España coas centrais nucleares...
Fóra da exposición polas medidas protocolarias anti-covid-19 quedan, entre outras actividades desenvolvidas, a maqueta en madeira coa situación das centrais nucleares españolas (sen rematar), as maquetas sobre a fisión e a fusión nuclear, o Encontro con, a selección bibliográfica da biblioteca...
E deseguido unha breve reportaxe gráfica da exposición con alumnado participante no Proxecto:



















































