31 decembro, 2021

Biblioteca Lucho e Hugo

Por Mario Pereira


PRIMEIRA BIBLIOTECA

Cando hai fronteiras, naturais ou políticas, sempre hai viaxeiros e mensaxeiros que as desafían. No Lalín en que me eu criei (ou me criou), había fronteiras porque os nenos de cada barrio formabamos un país independente que mantiña frecuentes hostilidades cos demais. Había “guerras” e as guerras (á parte da neutral e allea “Suíza” que viña sendo a escola) eran os puntos de encontro máis habituais entre uns e outros. Fóra diso, o noso coñecemento do que sucedía nos outros territorios limitábase ao que os mensaxeiros traían. Un dos máis significados que recordo era Juan Caragüete. Juan chegaba e dábanos as novidades e, como estabamos nun mundo en guerra, case sempre era bélicas: “Os do Tirabaque están facendo espadas e planean atacarvos o sábado” “Os de Lalín de Arriba prenderon a Darío Foucellas e tivérono preso dous días. De comer só lle deron unha bolsa de pipas”.


Aquel día, na Estatua, só estabamos Toño do Gato e mais eu. Eu degorábame por un bocadillo de touciño que el engulía a grandes mordidas e a piques estaba de propoñerlle un cambio polo meu Tulicao ou Tulicrén, ou algo así que viña sendo unha pasta de cacao, amarga e áspera, precursora da Nocilla, cando chegou Juan todo alporizado. As novidades proíanlle na lingua. “Abriron un comercio novo! Todo de libros! Onda o Grupo! E chámanlle Biblioteca!”. Eu algo oíra falar dos tales establecementos, grazas a que Don Pantuflo, catedrático en Filatelia e Numismática, ía algunha vez a eles. Ía obsequiar con esa erudita observación a Juan, pero el deixara o mellor para o final: “E déixanche os que queiras! De balde!”


Cruzar a Principal era delito maior. A Toño coñecinlle que non ía vulnerar a lei, pero eu non o pensei dúas veces, chimpei co Tulicrén ou Tulicao ou como lle chamasen e enfiei detrás de Juan a uña de cabalo.


A Biblioteca era un avespeiro, os libros zoaban de man en man, a cada pouco chegaba un coñecido para mostrarche un título que logo apertaba contra o peito e axiña deixaba sobre calquera mesa para coller outro. Tanta abundancia provocaba indecisión e eu guindeime ao ir e vir, coller e pousar, escoller e dubidar frenéticos que tomaran posesión de todos nós.


Non sei cantos libros pasaron polas miñas mans naquel día. Dubido, mesmo, se desde aquela a agora pasarían tantos. Recordo, si, o antepenúltimo. Era unha lectura adaptada e ilustrada de Simbad, descartada por escuálida. Tamén lembro os dous “finalistas” (pois só se podía levar un). Foran un groso volume de Pinocho Chapete e o “Poema de Mío Cid”. Este non traía debuxos, pero os ecos da Enciclopedia Álvarez e o exemplo indeleble daquel heroico e valente español decidíronme por el. Estaba absolutamente certo de que ese ía ser o meu primeiro libro da Biblioteca, nada ía facer abalar a miña elección e, coa certeza, chegou Lucho Nistal. El estaba alí, detrás de min e debeu coñecer a miña decisión porque, sen lle eu dicir nada, aprobou coa cabeza e sinaloume unha mesa na que, sepultado por unha ruidosa masa infantil, suaba seco Hugo Facal. “Apúntate con aquel señor” –indicoume.


Durante un longo momento, sentín que toda a miseria do mundo caía sobre min. Eu non era da OJE e aquilo seguro que só era para os da OJE. Con todo, obedecín. Achegueime á morea impaciente que rodeaba a Hugo, sen moverme das marxes. Alí quieto, sen acercarme, deixaba que a marea de xente se renovase, sen eu me incorporar a ela, tratando de delongar a máis que posible decepción dunha negativa. De cando en vez viña Lucho e pedíanos que nos puxésemos en ringleira. Poñiámonos (eu sempre de último), pero a cousa duraba pouco. Discusións, empurróns, insultos, invocacións a algún privilexio tipo “mi papá es...” ou “mi madre conoce...” acababan por esfarelar calquera posibilidade de orde. Desfeita a ringleira, eu quedaba como un pasmón, alá no fondo, ante un espazo baleiro que me afastaba da mesa asaltada por ducias de nenos e nenas. Case non me daba tempo a, fura que fura, acercarme e xa volvía Lucho a colocarnos.


Non sei canto tempo botei naufragando entre a impaciencia dos demais e os meus temores, pero nunha desas, sentín unha man grande, con toda a palma estendida sobre o meu lombo, que me conducía, cortés, tenramente, cara adiante. Sen necesidade de virar a cabeza, sabía que era Lucho. A man situoume diante de todo, colleume con delicadeza o meu Cid e mostroullo a Hugo. Os dous intercambiaron unha mirada de compracencia. Hugo, adusto e meticuloso, abriu o libro e retiroulle unha ficha verde. Despois colleu un carné e pediume os meus datos persoais. Deillos estremecido, e el, en acabando de cubrir o meu primeiro carné!, díxome que o meu número era o cento tres e que nos próximos días debería levar un peso (esa era a cota anual). Eu respondinlle que si con campás de prata na voz e marchei, dono do universo, para a casa.


Desde aquela fun visitante case diario, como tanta e tanta xente miúda de Lalín, da Biblioteca. Non había campañas de lectura. A ausencia da televisión -aquel obxecto de luxo que se vendía nas xoiarías!-, as tardes interminables de inverno ou unha escola que, daquela, non era asfixiante facíanas innecesarias. Así e todo, non era difícil que os sábados, día en que abría ás tres, estendesen a ringleira de lectores ata a fábrica de Tinito ou, mesmo, ao cruce da Rúa A. A competencia por lograr os títulos máis apetecibles era encarnizada. Os de banda deseñada andaban á pillota, a tal punto que a xente os escondía para podelos levar máis adiante ou intercambiar o segredo do agocho con outros que traficaban co mesmo xénero.


E cada día alí estaban, ou Hugo, ou Lucho, pacientes, discretos. Lucho celebrando como un triunfo seu cada libro que levabamos. Hugo calmando con mirada severa as nosas présas. Non se me borrara nunca o xesto obsequioso, case agradecido, de Lucho cando me entregaba o libro, coma se o favor o estivese facendo eu. Nunca me abandonará a complicidade de Hugo cando me reservaba, a min, torpe e preguiceiro para chegar á ringleira, algúns daqueles títulos máis cobizados (Asterix, Mortadelo...!).


Canto non terei lido desde aquela! Cantos libros non devorarían os meus esfameados ollos! E entre eles, os que teñen un bibliotecario como personaxe...


Sempre fun incapaz de poñerlles rostro aos personaxes dos libros. A todos, excepto aos bibliotecarios. Estes sempre mo tiveron, sempre tiveron e teñen o rostro de Lucho ou de Hugo. Así, poño por caso, a face do bibliotecario Borges, contemplando o Aleph que o outro bibliotecario Borges, o cego, lle permite ver nun relato, sempre é a face de Lucho, a dexergar a ferocidade entusiasta dos lectores infantís. Ou, é outro exemplo, Jorge de Burgos, o cancerbeiro da biblioteca do Nome da Rosa, aparéceme coa cara de Hugo (mala chispa coma os do casting da película!), e por virtude de Hugo, o obstinado e sinistro frade que secuestra a Comedia deixa de selo e é quen, cómplice e amable, nola garda para os lectores caníbales e pacíficos coma min.

29 decembro, 2021

O olor dos libros vellos


 A nosa profe de Química, Mar,  non descansa nin no Nadal. Desta vez envíanos o cartel de Oceano travesía (http://www.oceanotravesia.mx/) que explica o olor peculiar que teñen os libros vellos. Química e libros ben levados.

22 decembro, 2021

Gañadores do I Concurso de microrrelatos

 Xa temos gañadores do I Concurso de Microrrelatos convocado polo Departamento de Lingua e literatura galega e a biblioteca:

A categoría B (4º de ESO, Bacharelatos e Ciclos Formativos) quedou deserta, polo que se decidiu conceder dous primeiros premios e dous accésits na categoría A (1º - 3º ESO)

1º Premio: Alberte Vilariño López, de 2º de ESO B, con "O segredo mellor gardado" e Sara Mato Blanco, de 3º ESO A, con "Existe a aldea no tempo de nadal?"

Accésits: Diego Reboredo Núñez, de 2º ESO B, con "Brooom!", e Luis José Míguez López, de 3º ESO A, con "As bonitas árbores".

O xurado, formado por alumnado de Bacharelato do noso IES, destacou a calidade literaria destes catro microrrelatos pola súa capacidade de condensación, por manter a intriga ata as últimas palabras do texto e achegar un final sorprendente e por tratar temas sociais de actualidade en relatos ambientados nesta época de nadal.



De esquerda a dereita, Sara Mato, Luis Míguez, Alberte Vilariño e Diego Reboredo, coa súa profesora de lingua e literatura Alba Loureiro.


Éxito dos libros sorpresa

 Deixámosvos unhas imaxes para que vexades con que ilusión acolleron os usuarios da Biblioteca Mario Pereira a idea dos libros sorpresa. 

Coas fotos tamén queremos agradecer a colaboración dos clubs de lectura e do alumnado do 1º ciclo de ESO, os máis participativos en toda actividade que se propoña desde a biblioteca.








20 decembro, 2021

Club de lectura profesorado

 O trimestre está acabando e a primeira lectura do grupo "Liches este?" deu para un bo debate: sería lícita, hoxe en día, a relación que manteñen os protagonistas de O lector, de Bernhard Schlink? E se fose ao revés, un home adulto ao lado dunha rapaciña de 15 anos?

Por que a protagonista feminina da historia decide acabar como acabou? Vergonza? Depresión? Medo á vida que a espera fóra do cárcere? Ou un cúmulo de todo o que tivo que vivir? Podedes ler a obra do xuíz alemán e deixarnos as vosas opinións. Na biblioteca tedes exemplares da novela.



17 decembro, 2021

Microrrelatos de nadal

Xa están os bolos no forno. O xurado do I Concurso de microrrelatos de nadal  está lendo e deliberando.  O luns teremos resolución.



16 decembro, 2021

Nadal químico e libros sorpresa

Chegou o Nadal! E o alumnado de 2º da ESO quere felicitarnos estas datas desde a Química. Mirade senón que árbore nos trouxeron ata o taboleiro da biblioteca, con felicitacións en diferentes linguas, usando os símbolos químicos como letras para a súa postal.


E desde o luns poderedes levar libros en préstamo para ler durante as vacacións. Sempre podedes pedir asesoramento, ou consello lector, ao profesorado que anda pola biblioteca, pero se sodes ousados e ousadas na lectura podedes arriscarvos a levar un libro sorpresa, do que só poderedes ver, antes de collelo prestado, a recomendación dalgunha outra lectora ou lector.














09 decembro, 2021

Concurso de carteis para a reciclaxe

As cousas non sempre saen como un espera, e esta vez a convocatoria para elaborar carteis que animasen á reciclaxe non tivo moito éxito. Ningunha das 14 propostas logrou convencer o xurado, que por unanimidade declarou deserta esta primeira convocatoria. Iso si, o profesorado de Debuxo vai traballar co seu alumnado algunhas das ideas que se viron no concurso, para elaborar eses carteis que nos animen a unha mellor selección do noso lixo, separando o plástico do papel e convencéndonos de botalo nos contedores que temos por todo o centro.

De momento, deixámosvos unha foto da exposición dos orixinais presentados.



07 decembro, 2021

Visita da empresa Aerocámaras

O pasado venres 3 de decembro tivo lugar, no noso centro, un encontro dos alumnos e das alumnas de ciclos formativos coa empresa de Lalín Aerocámaras. Visitáronos dous dos seus membros, Jose e Álex, para presentarnos os seus proxectos e o seu xeito de traballar.

Aerocámaras é a operadora de drons líder en España, que leva anos en expansión, ofrecendo unha gran variedade de servizos, dende gravación de publicidade, cine e tv ata levantamentos topográficos e cartografía en 3D, así como situacións de emerxencias e rescates, inspeccións técnicas de grandes estruturas, agricultura de precisión e eliminación de pragas ou formación de pilotos e fabricación de drons profesionais.

O obxectivo da visita era propiciar unha relación entre o IES e a empresa dado que, como nos explicou Álex, nela teñen cabida persoas formadas no desenvolvemento de aplicacións, na administración de sistemas informáticos ou na programación orientada a obxectos: tres ámbitos directamente relacionados cos ciclos formativos impartidos no noso centro.

Dita relación podería materializarse tanto a través da acollida de alumnado en prácticas como da posible incorporación de novos titulados, para o que os convidaron a poñerse en contacto coa empresa e compartirlles pequenos proxectos que teñan desenvolvido, apuntando que, para eles, tan importante son os coñecementos como unha boa predisposición, compromiso e proactividade.

O encontro deixou un bo pouso entre o noso alumnado, o que, de seguro, lles dará un pulo para o traballo que lles queda desta primeira avaliación e esperemos que das seguintes.

Luísa Areán Taboada, profesora de FOL




  

06 decembro, 2021

O señor das moscas

Cando falamos de "O señor das moscas" vénnos a cabeza a figura de William Golding, autor da novela inglesa Lord of the flies, pero este 4 de decembro a Universidade Nacional Autónoma de México, a través da súa conta de Twitter para a divulgación da ciencia, quixo recordarnos que hai outro "señor das moscas": Thomas Hunt Morgan, xenetista estadounidense, Nóbel en Medicina (1933) e que, entre outras cousas, estudou a macromutación na mosca da froita. Aquí vos deixamos a publicación da DGDC UNAM:



01 decembro, 2021

Unha recomendación: "Rapazas de Polar", de Eva Moreda


E
sta noveliña de Eva Moreda é unha seria extravagancia: unha subversión radical do subxénero das novelas de colexios femininos que se ramifica con decisión, mais con humildade, cara os ámbitos da novela política, social, histórica, familiar, íntima, feminista, realista, fantástica, alegórica, de aprendizaxe... e máis.

A novela é o relato dos seus anos en Polar (o internado) que lle fan esas rapazas do título a un vostede que seica preguntou por eles. Anos inquietantes e tebrosos que entran e saen do internado, coas rapazas, tecendo unha rede de alusións que perfilan con incisiva sutileza determinados aspectos dunha época: os anos trinta e corenta do pasado século, nunha Galicia inserida no contexto europeo que desaugou na guerra civil e na segunda guerra mundial.

En cada un dos catros capítulos en que se divide a historia, o foco da atención de quen narra (un nós que, irremediablemente, só pode ser un eu...) proxéctase sobre un personaxe diferente. Da relación entre cada un deles e as rapazas parten os axóns que vincularán o espazo e a realidade do internado cos do exterior.

Un mérito sobresaínte da novela é a prodixiosa mestura de perspectivas coa que se conta a historia: un man a man entre a voz reflexiva da muller adulta que quere narrar pasado un tempo e a súa voz da nenez, voz que reflicte a súa visión directa daquela época como voceira dunhas rapazas que viviron illadas, precisamente, dela. Así é como Moreda consegue facer natural a presencia de lobishomes e porcos falantes, respectando a tradución, diáfana e coherente, que unhas mentes en formación e desexosas de vida facían dunha realidade turba e arbitraria.

Rapazas de Polar é unha historia dunha orixinalidade hipnótica.