Amosando publicacións coa etiqueta José Ángel Docobo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta José Ángel Docobo. Amosar todas as publicacións

06 maio, 2016

Ao fío do encontro cos astrónomos Docobo e Campo.

por Jaime Blanco Vilariño



Era martes, a pesares de que a visita estaba prevista para o xoves, as condicións non serían axeitadas, polo que alá estabamos, a iso das oito e media da noite, no museo municipal Ramón María Aller Ulloa, á beira do observatorio astronómico. Previamente, o edificio cumprira unha función bastante diferente da que agora desempeña como museo. Fora o lugar de residencia da familia do propio Don Ramón, matemático e astrónomo lalinense.
 
Xa todos sentados, asistimos a unha interesante charla sobre as populares estrelas dobres, os cálculos aplicables á busca de novos planetas asociados a elas debido á diferenza de masas, e unha chea de cousas nas que non entrarei en detalle, posto que iso é fariña doutro fol.

Tras a charla do profesor Docobo, procedemos a unha breve, aínda que interesante visita á  exposición que o museo dedica ao quincuaxésimo aniversario do falecemento de D. Ramón Aller, mentres esperabamos a que as estrelas fosen aparecendo no escenario, o ceo nocturno.

Da man de Pedro Pablo Campo, comezamos polo coloso brillante  do noso sistema solar, non o Sol, senón Xúpiter, e varios dos seus satélites galileanos. Entre eles atópase Ío, unha masa rochosa chea de lava, que sofre continuas erupcións. Demostrouse que a enerxía que as produce procede das mareas de lava causas das pola influencia gravitacional  de Xúpiter e os outros satélites próximos. Súa irmá Europa, polo contrario, aparece cuberta de xeo, e a súa superficie presenta poucos cráteres, cousa que fai pensar aos científicos que tal vez exista unha xigantesca reserva de auga baixo unha espesa capa de xeo. Tamén e posíbel a presenza de osíxeno. Semellante a Europa, aínda que dun tamaño moi superior atopamos a Ganímedes, que presenta unha reserva aínda maior de auga baixo a súa codia sólida.

Así vimos Xúpiter e as súas lúas

Despois de o contemplarmos todos os do meu grupo (de dous que había), admiramos a estrela dobre que recibe o nome de Iota cancri, pertencente ao sistema cáncer, e formada por unha anana branca de superficie moi quente (+8000ºC) e unha xigante amarela equivalente á suma de dúas masas solares e unas dezaseis veces máis refulxente ca o noso astro rei.
Iota Cancri
Tras dunha pequena charla baixo a cúpula móbil que acubilla o telescopio, e de termos atopado resposta ás nosas insistentes preguntas, demos por rematada a satisfactoria visita.

Ilustracións de Andrea Fernández Ramos.
Fotos de Francisco Otero.

04 maio, 2016

Ao fío do encontro con J. A. Docobo (as fotos)

Á espera da crónica da actividade (a carga escolar pode ser moi pesada neste días e o tempo non dá para todo), adiantamos as fotos do encontro unha noitiña nas estrelas, co profesor Docobo.

[Xa podedes ler a crónica literaria feita por Jaime Blanco no Toc-toc. Actualizado 7-5-2016]

Iota Cancri desde Lalín (26-06-2016)
 
 
 
Xúpiter e as lúas galineanas desde Lalín, 26, 04-2016)
Fotos de  Francisco Otero.


28 marzo, 2016

28 de marzo, a ollo ceibe

Foi hoxe día de emocións múltiples, á volta da figura de Don Ramón Aller.



Pola mañá, celebrouse no Observatorio "Ramón Mª Aller Ulloa" da USC, a presentación do libro Astronomía a ollo ceibe, tradución ao galego de Astronomía a simple vista, impulsada por José Ángel Docobo e realizada por Celia Rozas, ex-alumna do noso instituto.
Máis alá dunha tradución, a obra é en certa medida unha restitución: pouco antes do golpe de estado do 36, o Seminario de Estudos Galegos anunciaba a súa publicación, pero daquel orixinal entregado nunca máis se soubo. Oitenta anos despois, a Universidade e a Xunta recoñecen e recuperan este título fundacional da divulgación científica en galego.
E se pensamos no título en sentido estrito, é inexcusable citar as palabras de Celia Rozas no prólogo:
"A relativa infidelidade do título desta versión /.../ -e aínda a inhibición da preferencia académica de ceibo/a fronte a ceibe-  responde á vontade dos editores, que eu como tradutora tamén fixen miña, de manter inalterado o título que, segundo a prensa da época ía ter a obra /.../, Astronomia a ollo ceibe; un título polo demais, provisto dun arrecendo enxebrista bastante característico do galego escrito da época, e ben fermoso e elocuente do sentido rabiosamente divulgativo da obra.

Pola tarde, a homenaxe trasladouse a Lalín. Primeiro, coroa de flores no monumento a Aller e, despois traslado da actividade ao Museo: breves intervencións das autoridades políticas e académicas (Concelleira de Cultura, Reitor da USC, Conselleiro de Educación e Alcalde), dúas pequenas charlas e a inaguración da exposición.

Ademais de instrutivo, sempre é tremendamente emotivo escoitar a evocación que de Don Ramón realiza o profesor Docobo, o seu sucesor no observatorio compostelán e artífice fundamental na recuperación e difusión da figura do noso sabio.
Nesta ocasión, estivo acompañado de Cecilia Doporto, doutoranda súa, responsable do Museo e arquitecta da exposición. Cecilia, suxeriunos datos da súa tese sobre Don Ramón, e, sobre todo, deixounos albiscar a cantidade de fíos de memoria, admiración e agradecemento que o noso astrónomo foi deixando por aquí e por acolá, e que ela recolle para, tece que tece, preparar un extraordinario tapiz biográfico ao que, así o esperamos, pronto teremos acceso.

A exposición inaugurada é imprescindíbel. Manuscritos, debuxos, ilustracións, instrumental -entre o que podemos admirar esa auténtica icona da ciencia galega que é o teodolito de Don Ramón- dispóñense con harmonía e claridade para ofrecernos unha ben perfilada imaxe de aproximación ao sabio. Non  conforme con iso, tráenos o que, mesmo para moitos iniciados na obra do homenaxeado, resultará unha sorpresa: unha estupenda colección de retratos, obra do Don Ramón fotógrafo, restaurados por María Alejo.

01 decembro, 2014

Nova edición de "Ramón María Aller, astrónomo"

Ramón María Aller, astrónomo
O venres 28 estivo, no Museo de Lalín, o profesor Docobo para presentar a súa recente biografía de Don Ramón.

Despois de conducirnos pola vida e obra do sabio, mostrounos a nova edición (actualizada e ampliada) do seu coñecido documental "Ramón María Aller, astrónomo".

O vídeo atópase no sitio da USC TV e podemos elixir entre as versións en galego, castelán e (isto é novidade) inglés.

30 outubro, 2014

03 febreiro, 2013

130 anos: dous videos e unha conferencia


Hoxe, 3 de febreiro, cúmprense 135 anos do nacemento de Don Ramón Aller.

Para conmemoralo, ofrecémosvos as referencias de tres documentos: dous vídeos e unha conferencia.

En Historias de Galicia, da TVG, atopamos cinco excelentes minutos de aproximación á vida e á obra de D. Ramón.

(Por certo, "a modernez arquitectónica" que menciona o presentador xa non existe. Grazas ao empeño do profesor Docobo, o observatorio deu unha voltiña atrás para aproximarse ao orixinal)

 

Ao segundo vídeo, de Voz TV, non lle sobraría un chisquiño máis de documentación.

(Por certo, non hai ningún cráter na lúa que leve o nome de D. Ramón. Houbo unha proposta, está habendo intentos e, por agora nada máis.)


 

















--

Mencionamos ao profesor Docobo e fixemos referencia á documentación. Tratándose de D. Ramón, un e outra sempre van unidos.


Clara, concisa e precisa é a conferencia (Ramón María Aller Ulloa, pioneiro da investigación astronómica en Galicia) que o astrónomo coruñés lle dedica ao noso sabio, recollida no vol. XXX da revista de Real Academia Galega da Ciencias.

D. Ramón e a súa discípula, Antonia Ferrín. A foto está tomada da referida publicación do profesor Docobo.



13 xaneiro, 2010

Os ensaios en galego do Dr. Ramón Aller Ulloa


Onte debían reiniciarse as clases con toda normalidade. A hostilidade do tempo e dos tempos non o permitiron.

Na adversidade, resultou especialmente reconfortante o agasallo que nos remitiu o profesor Docobo.

Trátase da reprodución facsímile dos Ensaios en galego do Dr. Ramón Aller Ulloa, reunidos e prologados por Filgueira Valverde en 1989 e que  foran publicados entre 1931 e 1934 na revista Logos de Pontevedra.

Dúas liñas mestras guían a pluma de Don Ramón neles. Unha, a solución ao posible conflito entre Ciencia e Fe, que Don Ramón, sacerdote e astrónomo, resolve sen dificultades. Outra, a divulgación científica, na que o autor mostra a súa gran capacidade pedagóxica para expoñer conceptos complicados en palabras simples.

Alén diso, os ensaios representan un dos primeiros (se non o primeiro) intentos de elaboración dunha prosa científica en galego. Se iso resulta admirable en por si, máis o é a precisión, limpeza e elegancia con que se desenvolve.

Sobre a base dun galego popular (a súa lingua familiar e habitual) e o coñecemento da variedade culta que, neses anos, se estaba a construír sobre todo a través da literatura e as ciencias sociais, Don Ramón tece un discurso para as ciencias experimentais que non perdeu vitalidade.

O noso agradecemento ao profesor Docobo, ao Observatorio da USC e ao CSIC-Galicia  polo agasallo: na hostilidade destes tempos, a reedición preséntase dobremente necesaria e oportuna.

18 decembro, 2009

LerENvenres (IV): "Solaris", de Stanislaw Lem

 
Son lector constante de Ciencia Ficción, pero debo ser mal lector. Non me preocupa, nin nunca me preocupou, a “verdade científica” que poida xacer nos textos. O meu interese é, e sempre foi, a “verdade literaria”, a “marabilla” con que se constrúe o relato: esa que me leva a mundos imprevistos e me pon as neuronas a cen. Si, gústanme os  libros que me deixan exhausto a por de facer do meu cranio unha maraca. 

Entre eles, Solaris ocupa un posto central. En Solaris, parecíame fascinante que houbese dous soles. Vistes cousa como ela? Pois resulta que é algo ben común, que Don Ramón Aller foi un pioneiro -entre nós- no estudo das estrelas dobres, que o Observatorio de Santiago mantén esa liña de investigación case como unha especialidade e que o profesor Docobo preside, desde o verán, a Comisión 26 (estrelas dobres e múltiples) da Unión Astronómica Internacional. E eu que pensaba que todo fora unha ocorrencia do señor Stanislaw Lem! 

Vaia, que remata o Ano da Astronomía, que remata o “noso” ano de Don Ramón e que, unha vez máis, os camiños me levan ao “meu sempre” Solaris. Lembrades a Prometeo? 

Prometeo rouboulle o lume aos deuses. Prometeo é o nome da nave que leva a Kris Kelvin a Solaris, o planeta que reclama a atención e a dedicación dos curiosos, os iniciados e os sabios da Terra. Solaris gravita arredor de dous soles, un vermello e outro azul. Esa peculiaridade non abondaría para significar a Solaris entre os millóns e millóns de planetas espallados polo universo. O que converte a Solaris nun planeta senlleiro é o seu Océano, o seu único habitante. 

Kelvin desembarca na estación Solaris e -contra todo costume e toda regra de cortesía- ningún dos seus residentes acode a recibilo: Gibarian acaba de se suicidar, Snaut vive nunha cápsula de terror, Sartorius é un anacoreta pechado no seu laboratorio. 

Postas así as cousas, Kelvin debe conformarse con dúas únicas compañías: os contraditorios textos sobre a natureza do Océano e a súa muller, morta anos antes. 

Trátase, pois, dun mundo de fantasmas de diverso tipo no que o único real é o Océano. A partir de aí, o reto de Kris Kelvin é entender que é ese Océano, un ser que non pode ser equiparado con ningún da Terra, nin pode ser comprendido desde os parámetros da intelixencia e a experiencia humanas. Nin a razón, nin a investigación científica, nin a especulación filosófica son quen de abarcar a realidade do habitante único de Solaris.

M.P. 

13 febreiro, 2009

Charla de Docobo sobre don Ramón Mª Aller Ulloa e a astronomía

Como anunciabamos o outro día, onte estivo no noso Instituto Don José Ángel Docobo Durántez, director do observatorio "Ramón María Aller", dando unha interesantísima charla para os rapaces de bacharelato.

O Sr. Docobo falou da historia da astronomía e, por iso mesmo, da posición que nela ocupa don Ramón Mª Aller Ulloa, para o cal nos mostrou tamén un estupendo documental sobre a súa vida e obra.

Ofrecémosvos aquí unha imaxe da súa visita á pequena exposición sobre don Ramón e a astronomía que temos montada no vestíbulo do Centro, e un fragmento desa conferencia, xusto os minutos onde, a preguntas dun dos asistentes, resumiu a relevancia de don Ramón no ámbito científico.

 

10 febreiro, 2009

Encontro co astrónomo J. A. Docobo

 
O próximo xoves comezaremos coas actividades dedicadas á figura de Don Ramón Aller.

Ás 12 da mañá asistiremos á charla de Don José Ángel Docobo Durántez, director do observatorio "Ramón María Aller", que nos falará sobre a importancia da figura e a dimensión científica de Don Ramón.

O mesmo día tamén comezará a exposición de materiais manuscritos (algúns deles inéditos) correspondentes á primeiras observacións do noso sabio. Trátase de material, en gran parte descoñecido, que poderemos ver grazas á xenerosidade de Don Victorino Gutiérrez Aller, propietario do mesmo.