16 marzo, 2011

Patrimonio: Nen@s en Bendoiro


Xa o temos comentado. Se nos corresponde a nós (ás Bibliotecas escolares, aos institutos...), non temos medios. Se non nos corresponde, ímolo aceptando, pero sabemos que o habería que facer mellor. Falamos de patrimonio. Neste caso, de patrimonio fotográfico.
O conto é como segue:
Comentando un relato de Manolo Rivas ("o leikista"), o profesor propúxolle ao alumnado que buscase fotos de defuntos no vellos álbums familiares. Noelia creu lembrar que vira algunha e, ao día seguinte, apareceu con tres (dúas de defuntos e unha cun moribundo). O profesor preguntoulle se non tiña máis e ela respondeulle afirmativamente e faloulle dunhas fotos do  Pazo de Bendoiro que ían ir ao lixo. A historia aclarouse co paso dos días.
Charo, a nai de Noelia, comprara uns mobles do pazo , cando este estaba en venda. Ao ilos buscar, deu cunhas sacas de penso cheas de "lixo" que estaban destinadas ao lume. Sabedora de que, ás veces, o lixo contén cousas interesantes, pediullas á propietaria. Entre elas, había "papeis" que a propietaria xa rexeitara.
A maior parte dos “papeis” son fotos. Non sabemos se todas as que había no pazo ou só unhas poucas. Algunhas son de xente do pazo, outras de coñecidos ou amizades. Da maior parte, descoñecemos quen alí está retratado, nin en que data se fixeron. As máis antigas son de finais do XIX, as máis recentes andarán na década dos 70 do XX. Sexa como sexa, conteñen moita e moi boa información sobre os transcurso da vida fidalga durante case un século.
Noelia tróuxonolas  e nós escaneámolas. Forman parte da nosa “biblioteca dixital” e  seguro que algunha vez han ser utilizadas nas nosas aulas.
Non vos imos mostrar todas, pero aquí tedes vinte e cinco, sen máis unidade que a súa procedencia e o seu tema: nen@s.
Graciñas Charo, de non ser por ti, estariamos ante outro cachiño de patrimonio que se tería ido polo río abaixo.



 

07 marzo, 2011

Anirmau 11: Todo a punto.


Hai ben tempo que non damos conta do Anirmau (nin doutra cousa). Ben, ao final foron 237 curtas de  todo o mundo. Case ninguén imaxinaba ese número, nin case ninguén calculaba todo o traballo que supón a organización de tal evento. O certo é que, conforme a cousa vai collendo forma, todo parece máis realizábel e os nervios polos fallos que se han producir comezan a provocar molestas cóxegas no estómago.

Seleccionados arredor de oitenta filmes, todo está “a punto de”: os subtítulos están a puntos de rematarse, os xurados (os profesionais e o alumnado dos institutos colaboradores) están a punto de recibir as súas copias, o catálogo está a punto de saír, a Seve está a punto de darlle un ataque de algo...
E mentres todo está así podedes ir consultado a  selección de curtas que competirán polos premios na  páxina do festival:


Curtas temáticas:

Multimedia:


02 marzo, 2011

Santo Torrisco nos valla!

Seguimos dándolle voltas á literatura de cordel e, nela, podemos encadrar os romances e coplas de Entroido. Tratándose de textos locais, o xogo que nos proporciona para traballarmos nas aulas é maior que se fosen alleas.


Así que decidimos acudir á A.C. O Naranxo para vermos se conservaban os textos que, entroido tras entroido, fan crónica satírica do noso concello e arredores (New York, incluído). KG, presidente ata hai pouco, conservaba case todos (desde 1988) e Currás, taberneiro de longa estirpe, achegounos algún. Non os conseguimos todos, pero poucos nos faltan.

Aquí os tedes... ordenadiños: