O 30 de outubro de 1920 saía do prelo de La Región de Ourense o primeiro número da revista Nós que daría nome a toda unha a xeración, a Xeración Nós da que formaron parte, entre outros, Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Florentino López Cuevillas; converténdose a revista entre 1920 e 1936 nun inesgotable laboratorio de ideas alicerzadas no debate cultural e na creatividade artística para a construción de Galicia como Nación cultural no mundo.
Contan as crónicas que “en xuño de 1920 se celebrou unha xuntanza en Pontevedra á que acudiron Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez para discutir a creación dunha revista monolingüe sobre a cultura galega, que deciden chamar Nós a proposta de Castelao, decidindo tamén o lugar de impresión, a imprenta de La Región en Ourense e o director literario, Risco, e o artístico, Castelao. Posteriormente encargáronlle a Arturo Noguerol o financiamento, para o que constituíu unha sociedade mercantil”.
En 1923 pasou a se imprimir en Pontevedra ata que despois do número 18 a ditadura de Primo de Rivera suspendeu a publicación.
O 25 de xuño de 1925 aparece de novo por iniciativa de Ánxel Casal na Coruña e coa colaboración de membros do Seminario de Estudos Galegos, ademais de colaboradores da primeira época. A partir do número 88 imprentouse en Santiago. O último número (139-144) saíu do prelo pouco antes da sublevación militar de 1936 e non se chegou a distribuír, tan só dous exemplares sobreviviron á queima da imprenta de Ánxel Casal polos sublevados.
A seguir reproducimos a editorial do primeiro número da revista, titulado Primeiras verbas, que dicía así:
É a ansia qu'oxe sinte Galizia de vivir de novo, de volver ó seu ser verdadeiro e inmorrente, a evidencia luminosa do mañán, o que nos fai saír. Temos unha fe cega, asoluta, inquebrantabel na vitalidade e no xenio da nósa Raza, e mais na eficacia do nóso esforzo pra levala ó acomprimento do seu fado grorioso. Oxe chegou á vida na nósa Terra unha xeración que se deprocatou do seu imperioso deber social de crearen pra sempre a cultura galega. Endexamais foi meirande a nósa autividade creadora. Nós ven a recoller todos ises esforzos d'integración da Patria galega no seu xa rico polimorfismo.
Pódense ler e/ou descargar os números en Galiciana, Biblioteca Dixital de Galicia.
Unha recomendación: a visita á exposición Galicia, de Nós a nós que reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas, o que sen dúbida constitúe unha das mostras máis completas e ambiciosas realizada nunca sobre a Xeración Nós. A exposición conta con obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal, amosando as conexións internacionais da revista Nós o que supuxo darlle unha dimensión de universalidade e apertura á cultura galega. Máis información sobre o evento en:
https://www.cidadedacultura.gal/es/evento/galicia-de-nos-nos