27 novembro, 2020
26 novembro, 2020
Trama IRMAU: blog e primeiras lecuras 20/21
Neste curso da Covid, a comunidade educativa do Aller Ulloa non perdeu as ganas de ler, e bota a andar, de novo, os seus clubs de lectura. E con estas primeiras lecturas, queremos presentar o blog dos Clubs de lectura: Trama Irmau.
Os que acaban de entrar no IES forman parte dos clubs ABCD e Rabo Rizado, e xa están lendo A rapaza de tinta e estrelas, de Kiram Millwood Hargrave, tratando de pescudar que lle sucederá a Isabel, quen guiada por un mapa antigo e polo seu coñecemento das estrelas, navega polos perigosos Territorios Esquecidos da illa.
Irmau, o grupo de alumnado de Bacharelato ten nas súas mans, Senlleiras, de Antía Yáñez, que sen dúbida lle dará para uns cantos recreos de debate, e que esperamos o faga reflexionar sobre a verdade que hai detrás das falsas aparencias na rede.
E nestes días nos que a aldea volve ser un activo en valor, o profesorado e persoal non docente, do club E ti que les? decantouse por La lluvia amarilla, de Julio Llamazares.
25 novembro, 2020
Unha emotiva achega contra a violencia machista
Alumnado de 4º da ESO B, coordinado pola súa titora, Mª do Carme Frade, agasállanos cun fermoso vídeo contra a violencia machista co gallo do "Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller" so o título "A violencia é un virus, vacínate!", con montaxe de Eduardo Roa Ezequiel:
20 novembro, 2020
VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada: O cartel
Xa
hai uns días que se publicou a convocatoria do VIII certame literario Mª Vitoria
Taboda, mais faltaba a entrega do premio á gañadora do concurso de
carteis, así como o recoñecemento ás finalistas, alumnas de 2º do Bacharelato de Artes.
Sara recollendo o premio de man da súa profesora María Armada |
Premio "Inspiraciencia" para Adrián Llinares Juíz
Moitos parabéns Adrián, e por suposto á comunidade escolar do CPI de Rodeiro.
18 novembro, 2020
VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral
O Instituto Ramón Mª Aller Ulloa convoca o VIII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada de poesía, relato curto e sketch teatral, dirixido ao alumnado de ensino secundario, ciclos formativos de grao medio e FPB matriculados en centros da Comunidade Autónoma de Galicia.
Preme no cartel, obra da alumna de 2º de Bacharelato de Artes Sara Capiscol Pérez, para ler as bases da convocatoria.
Tamén podes baixar as bases en PDF.
17 novembro, 2020
Entrega de premios do VII Concurso Literario Mª Vitoria Taboada
A seguir un par de fotos do evento:
14 novembro, 2020
Marela para "A arte de trobar"
Lembrade que podedes descargala en PDF.
A tropa máis nova da Trama Irmau
Os máis pequenos e pequenas da Trama Irmau xa están lendo. Con máscara e moi abrigados, pero ilusionados cos seus libros na man.
10 novembro, 2020
VII Concurso literario Mª Vitoria Taboada: os premios
Por fin, logo do aprazamento derivado da COVID-19, xa temos gañadoras do VII Concurso
literario Mª Vitoria Taboada:
Na categoría de relato curto resultou gañadora ANA NOVO CUÑARRO polo relato presentado baixo o lema “Por que só nos sentimos...”; o xurado valorou ser quen de suxerir, cunha linguaxe próxima á poesía, a experiencia inefable da tristeza e da alegría como sensacións privadas que conforman toda vida.
Na categoría poesía resultou gañadora ANDREA SEGADE ROZAS polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, “[A vida,]”, “Ela...” e “A venda”; por conseguir expresar, coa precisión dunha eficaz linguaxe poética próxima ao sentencioso, sensacións universais coma o desconcerto ante o paso do tempo, e os medos e renuncias que nos xera a procura da felicidade.
O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.
A entrega de premios terá lugar na biblioteca do instituto, o 17 de novembro, ás 11:20, nun breve acto, condicionado este polas medidas anti-COVID-19.
A seguir os textos premiados:
Relato.
1º premio:Por que só nos sentimos vivos cando somos felices? Non é a tristura parte da existencia?
Non existía ollada no mundo coma a súa, de máxica, de singular. Aquela que observaba o horizonte, ese punto no que se bicaban o ceo e a terra, e semellaba que puidese ver máis aló. Por iso cando me atopei cos seus luceiros verdes ao entrar na aula, tiven a certeza de que a súa visión sobrehumana xa chegara mesmo ata a miña alma. Mais había algo certamente desacougante nela, pois aínda con toda esa fantasía que desprendía entre pestanexos, transmitía unha tristura tal que parecía non chorar por non ter bágoas abondo. Ela non falaba con palabras, só coa música, do mesmo xeito ca un mudo non o fai coa voz, senón coas mans. Así foi que me quedei aquel mércores despois das clases a vela ensaiar dende a porta do ximnasio. Non me mirou nin unha soa vez, non lle fixo falta para ser consciente da miña presenza.
- Pecha a porta - dixo, mentres se erguía do chan, logo de atar os cordóns das zapatillas de ballet rosas descoloridas polo implacable paso do tempo. Fixen tal e como dixo, mais non avancei nin un paso. Quedei parado diante da entrada do ximnasio, ollando para a súa vestimenta:
Vestía unha camisa frouxa branca e unha saia de ensaios negra que, cando ela xiraba, debuxaba no aire espirais de tebras.
Cando escoitei soar un tema de Debussy que non fun quen de identificar, a historia que tiña para contar comezou:
Faloume da historia dun paxaro negro, de plumaxe brillante coma as primeiras raiolas que derreten a xeada polas mañás, e de aparencia sutil coma as folerpiñas das primeiras nevadas do inverno. O paxaro pasaba día si e día tamén parado nun cable de alta tensión, completamente só. Unicamente voaba cando chovía. Planeaba por riba da casa veciña a gran velocidade, bailando coas bágoas das nubes, pois só o facía cando ninguén o vía. Cando ninguén o xulgaba. Cando só eran el e a choiva.
Ela contoume como o viu, como foi a única privilexiada en observar a danza da ave, antes de que o lóstrego a levara para sempre, pechándoa coa súa luz nos seus ollos.
E cando a música cesou e me mirou, souben que levaba bágoas no corpo e raios no mirar, pois era ela pequena, coma as folerpiñas das primeiras nevadas do inverno e o seu cabelo louro era o reflexo do sol que derretía as xeadas polas mañás. Ese sol, único compañeiro do paxaro cando non chovía, cando non vivía.
Ana Cuñarro Novo
Poesía.
06 novembro, 2020
Trama IRMAU. Clubs de lectura
05 novembro, 2020
Bombas sobre Lalín (o que faltaba!)
A exposición do Proxecto Física Nuclear. 75 aniversario de Hiroshima e Nagasaki ofrece a curiosidade dunha parella de carteis que mostran un que pasaría se Lalín sufrise o ataque nuclear polo que pasaron as dúas cidades nipoas.
Para os interesados, a ferramenta empregada para elaborar a simulación chámase NUKEMAP e está explicada en The Nuclear Secrecy Blog, do historiador da ciencia Alex Wellerstein.
04 novembro, 2020
XI Día da Ciencia en Galego
Como todos os anos, e xa van alá once, o 4 de novembro conmemórase o Día da Ciencia en Galego, e con el novembro pasou a ser o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo de tal conmemoración é o de amosar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra no ámbito da divulgación científica.
Ao fío de tal conmemoración, o Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) propón dedicarlle dito Mes da Ciencia a dous científicos, un estranxeiro, Robert Koch, e outro galego, Ernesto Viéitez Cortizo.
Robert Koch |
A elección do profesor e científico galego Ernesto Viéitez Cortizo veu motivada por ser declarado por parte da Asemblea das Nacións Unidas o ano 2020 como "Ano internacional da sanidade vexetal", e dado que o profesor Viéitez Cortizo se ocupou de fisioloxía vexetal.
Ernesto Viéitez Cortizo |
A seguir engadimos un enlace para que poidas ler o Manifesto “O feitizo da ciencia” que o profesor, investigador e divulgador científico Xurxo Mariño Alfonso elaborou co gallo do Mes da Ciencia en Galego.
Ademais, e aproveitando tal evento non está demais lembrar que o pasado 8 de outubro se celebrou o Día da Ciencia en Galicia, dedicado á figura de Andrés Avelino Comerma y Batalla, natural de Valls (Tarragona), pero que desenvolveu o seu labor profesional en Galicia como enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador científico. [Ler máis na páxina da RAGC]
Andrés Avelino Cormena y Batalla03 novembro, 2020
Día de Neira Vilas
De novo o noso centro súmase á iniciativa da Fundación Xosé Neira Vilas de celebrar o 3 de novembro o "Día de Neira Vilas", ao abeiro da conmemoración do seu nacemento; e non está de máis lembrar a Marela dedicada a “Memorias dun neno labrego”:
Así como o Encontro con Xosé Neira Vilas, de 23 de abril de 2012: