18 maio, 2024

Maio de teatro

 Dentro das actividades organizadas para celebrar o MES DAS LETRAS,  o alumnado de 4º de ESO, asistiu á representación teatral de Made in Galiza, por Sarabela Teatro.

En palabras da propia compañía teatral, como quen se deixa roubar o seu tesouro máis prezado, a actitude das galegas e dos galegos respecto á súa lingua non "resistiría" ningunha análise. E será que o galego é a lingua máis difícil do mundo? E será de deberemos constituír unha oficina de palabras perdidas? Palabras perdidas, roubadas... Fronte ao "es que no me sale", "es que no se me da" "MADE IN GALIZA" é un convite á República Independente da nosa lingua. Non imos perdela nin en soños!

A obra de Sende (Padrón, 1972) abre as portas ao humor reflexivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e commove. O teatro feito emoción, sentimento, plasticidade, e confronto. Cada historia é diferente e está protagonizada por personaxes retranqueiros, combativos, tenros, cómicos e poéticos. Aguerrida defensa da lingua galega.

A  tarde comezou coa visita ao Panteón de galegos ilustres, onde o alumnado foi explicando que persoeiros da nosa cultura repousan alí; continuou coa exposición Lamazares. Inda é día no Centro Galego de Arte Contemporánea, para coñecer algo máis do seu paisano; e acabou no teatro, coa agradable fortuna de poder falar con Sechu Sende mesmo antes da representación.
















17 maio, 2024

Letras Galegas 2024: Luísa Villalta

 "Este ano 2024 será o Ano Luísa Villalta, igual que o 23 foi o ano dedicado a Francisco Fernández del Riego. O 17 de maio a Real Academia Galega honrará a nosa poeta. En certa medida, honrará tamén a xeración de autores e autoras que comezan a expresarse na década dos anos 90 do pasado século e nos primeiros anos do século actual. Unha xeración nova, ilusionada, entusiasta, aberta ao mundo. Unha xeración sen complexos que xorde coa ambición de construír unha nova realidade, un novo tempo. Luísa representa ese impulso creativo, unha curiosidade intelectual e artística que a leva a ensaiar diversas formas de expresión, diferentes xéneros, nos que salienta moi especialmente (aínda que non exclusivamente) a poesía. Neste caso, encarna moi ben a xeración poética da transición entre séculos na que, por certo, tiveron especial protagonismo as mulleres"

Estas son as "Palabras para un tempo novo" coas que Víctor Freixanes, desde o portal da RAG nos presenta a LUÍSA VILLALTA, a escritora homenaxeada neste 2024.

O noso gran de area, a breve biografía e o recitado dunha selección da súa obra, por parte das nosas alumnas de Bacharelato Sheila Fernández, Sara Mato, Andrea García, Nerea Iglesias, Paula Bonita, Nerea Rodríguez, Sara Mato e María Pichel.

Coordinación do traballo: María Jesús Barcala e Biblioteca Mario Pereira.






12 maio, 2024

Marela para o Proxecto "Lalín, o concello das mil vacas"


Como ramo ao
Proxecto competencial Lalín, o concello das mil vacas, desenvolvido polo alumnado de 2º da ESO da materia de Libre disposición, polo do Club de lectura ABCD do 1º ciclo da ESO e polo do Club de lectura Tarabelos I de 3º da ESO, so a coordinación de Carmen Frade (ideóloga do Proxecto), Iria Ares, Sylvia Cea e Uxía Nogueira, editamos un novo boletín d’ A Marela Tarabela, o nº 33, monográfico que escolma os tres apartados básicos nos que foi estruturado: entrevistas, memorias dunhas nenas labregas e antoloxía literaria de temática gandeira e agraria, suxestións de lectura
Ao respecto, a coordinación do mesmo cualifica o Proxecto de necesario co obxectivo de reivindicar o papel social, cultural e económico que o campo xogou e xoga na dinamización da economía e das tradicións. Todo un reto para pór en valor o noso pasado etnográfico entroncado co devir presente da actividade gandeira e xaora agraria.

Lembrade que podedes descargala en PDF

09 maio, 2024

Gandaría: muíños e pensos

O alumnado de 2º e 3º de ESO  que está a traballar no proxecto interdisciplinar "Lalín, o concello das mil vacas" gozou onte dunha actividade lúdico-didáctica que cambiou as aulas do Aller Ulloa pola natureza de ribeira e a nova planta de NUDESA.

O percorrido á beira do Río Santa Lucía permitiu ao alumnado seguir ampliando os seus coñecementos sobre a gandaría e agricultura da época dos seus avós: muíños de río para moer os cereais, como o Muíño de Cuíña, en funcionamento desde 1917; lameiros ou herbeiras, desde onde se carrexa a herba verde e que hoxe teñen outros usos; ameneiros para solar os zocos. Xa nas marxe do Deza aprécianse os restos dunha antiga central hidroeléctrica que desde os anos 50 levaba electricidade ás explotacións. 

O percorrido gandeiro rematou no Pazo de Trasfontao, para coñecer as condicións de vida dos propietarios da terra ata a rendición dos foros: casa grande, capela, pombal, carballeiras.

E xa no polígono industrial de Silleda, deu un chouto no tempo para trasladarse ata este 2024 no que NUDESA inaugurou a súa nova planta: pensos elaborados á carta, segundo as necesidades de cada explotación gandeira; tecnoloxía punteira e deseños de premio; postos de traballo para as xentes da zona e emisións 0.

O noso agradecemento á empresa en xeral por permitirnos a visita, e máis especificamente a todos os traballadores e as traballadoras que nos atenderon, explicaron e resolveron dúbidas.

A seguir, unhas imaxes do alumnado cos seus profesores Carmen Frade (ideóloga do proxecto), Borja Costoya e Uxía Nogueira.