23 novembro, 2023

25 N : Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Conmemoramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, sempre coa esperanza de que sexa o derradeiro, coa exposición no vestíbulo do IES de Un ano de violencia de xénero. Unha escolma de novas sobre a violencia de xénero publicadas na prensa durante o ano, de cara a nos concienciar sobre esta terríbel lacra social. Exposición idea da profesora Alba Payo en colaboración coa Biblioteca.


Así mesmo, desde a Biblioteca facemos un chamamento a que vos unades á campaña 2023 para a prevención da violencia contra as mulleres e as nenas #Non hai escusa, promovida pola ONU.

A seguir unhas fotos da exposición que semella un bosque temático sobre a violencia de xénero:

 












 

Outrosí, recomendamos o visionado de No es un sí, vídeo realizado polo Instituto Navarro para a Igualdade:
 


Se queredes escoitar estes titulares picade na ligazón (alumnado de 1º e 4º de ESO) da nosa Radio na Biblio.

11 novembro, 2023

Coa nosa xente : Aitana Iglesias Rodríguez

Ao fío da inauguración da exposición Mans frías no Espazo Xove da Casa da Cultura de Lalín traemos hoxe á sección Coa nosa xente a Aitana Iglesias.

Aitana entre Carlos Santos e Paío na presentación da exposición

Nesta súa primeira exposición individual, Aitana contou como mestres de cerimonia cos artistas Paío e Carlos Santos. Paío, nun breve discurso laxeiriano, animou a Aitana a escalar “a fermosa montaña da arte...”. Mentres que Carlos Santos fixo unha breve análise pictórica dalgunhas das obras expostas como síntese caracterizadora do labor artístico de Aitana.

Por parte, Aitana cualificou a súa obra de investigación para atopar algo, non tanto un estilo, palabra esta que non me gusta, porque creo que resulta aburrido facer sempre o mesmo.

A exposición amósanos a través de case unha trintena de obras o proceso evolutivo da artista que abrangue o período comprendido entre a súa estadía formativa en Bilbao e a actualidade. Son creacións figurativas sobre diferentes soportes, que se poderán ver ata o 16 de decembro.

Máis información sobre o evento en La Voz de Galicia

Moitos parabéns Aitana.

A seguir a nosa Aitana cando o 2º do Bacharelato:

Aitana no curso 2016-17. Copyright IES Aller Ulloa

 

 



 

09 novembro, 2023

Conte avec moi

O alumnado de 2º ciclo de ESO e 1º de Bacharelato desfrutou este martes dunha clase de francés diferente. En lugar de practicar a comprensión e expresión oral nas súas aulas, co seu profesorado habitual, achegouse ata o salón de actos para PARTICIPAR nunha sesión de contacontos. Precisamente isto, a "invitación a colaborar" é o que lle dá nome ao proxecto educativo: Conte avec moi.

Da man de Samuel Mountomnjou coñecemos un conto tradicional do Camerún, no que, máis alá dunha aparente historia de amor imposible, descubrimos a maldade, a envexa e o poder da palabra fronte á brutalidade e a violencia. Pero Samuel non se limitou a contar un conto, senón que como ben explica no seu proxecto "fai a narración teatralizada dos contos coa colaboración dos participantes".

Nas imaxes, o alumnado de 4º de ESO e 1º de Bacharelato, cos seus profesores, Moncho e Sofía, e o contador camerunés Samuel Mountomnjou; e algúns momentos da teatralización, con alumnado representando o papel de león, ovella, hiena, ou músicos.