Amosando publicacións coa etiqueta Bioloxía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Bioloxía. Amosar todas as publicacións

17 febreiro, 2024

Coa nosa xente : Lucía Martín Cacheda

Ao fío do seu traballo de investigación no marco da tese doutoral na Misión Biolóxica de Galicia (MBG) titulada Especifidade na comunicación química entre plantas en resposta á herbívora e á infección por patóxenos e da realización dun vídeo didáctico para o concurso “Yo investigo. Yo soy CSIC”, que xa vai pola súa quinta edición, traemos hoxe á sección Coa nosa xente a bióloga Lucía Martín Cacheda.

Foto cedida a La Voz de Galicia

Temos que facer ciencia na casa, aportar aquí os coñecementos para que o país medre. Desta maneira tan explícita Lucía declara en entrevista a La Voz de Galicia o seu desexo de facer investigación en Galicia como contribución ao desenvolvemento da mesma.

Canto ao experimento, resume o mesmo no traballo de comprobar se a exposición artificial de plantas de pataca aos compostos volátiles que estas utilizan para comunicarse inflúe na súa resistencia a pragas, engadindo que é importante desenvolver produtos de uso agrícola que sexan sostibles a nivel medioambiental, e que permitan reducir a aplicación de pesticidas químicos.

A seguir podedes ver o vídeo A lingua das patacas que Lucía presentou á V Edición Yo investigo. Yo soy CSIC, que nestes momentos se acha en fase de votación.

 

Moitos parabéns e moito ánimo, Lucía

A seguir a nosa Lucía cando o 2º do Bacharelato: 

Lucía no curso de 2º Bac. 2010-11. Copyright IES Aller Ulloa

11 abril, 2022

Ao fío do... Encontro con Juan Gestal

O profesor Juan Jesús Gestal ofreceu ao alumnado de Cultura Científica de 4º da ESO unha soberbia conferencia sobre un dos acontecementos históricos que deixará pegada na experiencia vital de todos nós: a COVID 19.
O profesor debullou a evolución do virus dende a súa aparición hai xa dous anos en Wuhan ata as últimas novidades en canto a medidas e coñecemento científico deste coronavirus. E case máis importante, desmentiu trolas que circulan polas redes sociais e teorías conspiracionistas.
Para o noso acougo, e aínda que dixo non ter unha bóla de cristial, augura unha normalización da vida cotiá máis cedo que tarde, debido por un lado á inmunidade que nos ofrecen as vacinas e por outro á maior capacidade de contaxio da variante ómicron que xerou inmunidade de xeito natural a aquelas persoas que contraeron a enfermidade.
Aínda que OLLO! “O virus xa nos enganou dúas veces” pero desta volta é máis optimista, o tempo é un aliado e a circulación doutros virus respiratorios unha boa nova.
Alba Payo Froiz, profesora de Historia






E antes de marchar de volta á USC aínda tivo tempo de dedicarnos a súa última publicación, Pandemias. As epidemias que asolaron a humanidade, publicado por Bolanda.




25 febreiro, 2022

Vai de células

Un ano máis o recanto Toc-Toc énchese de maquetas de células eucariotas,  animais e vexetais,  realizadas polo alumnado de 1º da ESO, baixo a coordinación da súa profesora Charo Fernández.

O obxectivo da actividade é que os rapaces e as rapazas do primeiro curso vaian aprendendo as diferentes partes das que consta esta célula, así como a súa forma, e para iso nada mellor que elaborar unha reprodución usando como base esferas de poliestileno ou  láminas de cortiza. Despois toca ir reproducindo o núcleo, a membrana, o aparato de Golgi, as mitocondrias... E aquí a imaxinación de cada quen permitiulle botar man de plastilina, goma eva, gominolas, lacasitos e todo o que tivesen a man.

Aquí vos deixamos unha mostra das moitas maquetas que elaboraron:









20 febreiro, 2022

Bronce para Denís Iglesias

Denís Iglesias Montes e Adrián Llinares Juiz, alumnos de 2º de Bacharelato do noso IES, metéronse na final autonómica da Olimpíada de Bioloxía. Dos 169 participantes da primeira fase (celebrada online) só 30 pasaron á final, e aí estaban Adrián e Denís. 

Na segunda fase, celebrada o venres na Universidade da Coruña,  Denís fíxose co terceiro posto, e representará a comunidade galega na fase nacional. 

Parabéns para os dous.

Fotografía : La Voz de Galicia



10 febreiro, 2022

Visita ao Centro de Investigacións Biolóxicas (CIBUS)

O mércores 2 de febreiro, o alumnado STEM de 2º do Bacharelato, acompañado pola súa profesora Natalia Fernández, desprazouse ata os laboratorios de Microbioloxía da Facultade de Bioloxía da USC, para levar a cabo unha práctica con bacteriófagos, os virus que infectan as bacterias.
Tras rematar a actividade, pasearon polo Campus Sur, achegándose ata o Observatorio Astronómico da USC que, ao igual que o noso centro, leva o nome do astrónomo de Lalín,  Ramón Mª Aller Ulloa,
Despois de xantar visitaron o Museo de Historia Natural da USC Luis Iglesias, onde puideron apreciar, entre outras moitas cousas, a magnífica colección de minerais e rochas que alí se expón, así como os modelos cristalográficos de madeira que pertenceron ao matemático de Bermés, Xosé Rodríguez González.

Natalia Fernández, Profesora de Bioloxía








 Ao fío da visita, dous dos alumnos do STEM achegáronnos a seguinte reflexión:

"A actividade resultou moi interesante ao non poder facer uso no laboratorio do noso instituto destas técnicas coas que puidemos observar a actuación de bacteriófagos en disolucións con bacterias. Ao mesmo tempo, puidémonos facer unha idea aproximada do que é a vida na Universidade, e ata accedemos ao interior dos edificios das Facultades de Bioloxía e Medicina"

Marta García e Adrián Llinares, 2º Bac. A





30 maio, 2021

Pandemias : o libro

 

E non podía faltar o libro sobre o Proxecto Pandemias:

Pandemias : a exposición


Xa podemos ver a exposición Pandemias no vestíbulo do instituto, que nos achega información escrita e visual sobre a pandemia actual e as medidas de prevención xerais, así como das trolas que hai arredor das vacinas e do que redes sociais como Instagram reflicten ao respecto; ademais dunha recreación dos virus en maquetas, de murais informativos, dun percorrido polas máis sobranceiras pandemias da historia, do reflexo na literatura da problemática das doenzas en xeral e, por último, unha recreación artística das pandemias ou enfermidades en xeral.

Parabéns ao alumnado participante e ao profesorado coordinador do proxecto: María Armada, Mar Espinosa, Luís Guitián, Raquel Honrubia, Uxía Nogueira, Marta Otero e Alba Payo.
A seguir unha reportaxe gráfica da exposición do noso fotógrafo oficial Carlos:
 










E o vídeo Lavado de mans correcto, realizado por alumnado de 2º FPB.

 


24 maio, 2021

II Concurso Ilustración Científica

Convocado polos departamentos de Bioloxía e Debuxo do IES Ramón Mª Aller Ulloa celebrouse o II Concurso de Ilustración Científica. 
O xurado integrado por profesorado de ambos departamentos decidiu outorgar o 1º premio do certame a Ana Victoria Pérez Vallejos e un 2º premio a Rebeca Ojea de Pinho, alumnas de 3º da ESO e de 1º do Bacharelato, respectivamente. Así mesmo, o xurado destacou a calidade das ilustracións. 
A seguir as fotos do acto de entrega ás premiadas, así como as ilustracións seleccionadas expostas no vestíbulo, coas gañadoras como protagonistas:
 
As gañadoras Ana Victoria e Rebeca reciben os seus premios 




E o libro coas ilustracións:
 

17 marzo, 2021

8M. 13 mulleres que escribiron a historia en feminino. 13 mulleres con coraxe : o libro


Vén de saír do prelo o libro "13 mulleres que escribiron a historia en feminino. 13 mulleres con coraxe", resultado da actividade conmemorativa do 8 de marzo. 

Aquí, na Marela, podédelo desfrutar en formato dixital:

 

Moi pronto o vídeo.

15 marzo, 2021

Alumnado do STEMBACH visita a facultade de Bioloxía da USC

O pasado xoves, 11 de marzo, o alumnado do STEMBAC de 2º do Bacharelato asistiu á facultade de Bioloxía da USC para realizar unha práctica de laboratorio con bacteriófagos, os virus que infectan bacterias, dirixida polo profesor López Romalde, catedrático de Microbioloxía desta facultade.

A actividade, organizada polo Departamento de Bioloxía, estivo coordinada pola profesora Natalia Fernández que ademais acompañou o alumnado.

Máis información no Toc-Toc-A-Ciencia



 

09 febreiro, 2021

11 F: Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

 

O 11 de febreiro celebrase o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e malia as restricións derivadas da pandemia da COVID-19, sumámonos á conmemoración con diversas actividades coordinadas polo Departamento de Bioloxía:

 1.  Mesa redonda organizada polos centros singulares da USC: CiQUS, CIMUS, CiTIUS e IGFAE, coa participación de científicas de distintos ámbitos, que lles falarán ao alumnado do 1º do Bacharelato A de Ciencias das súas experiencias e dos seus traballos de investigación, así como das oportunidades de futuro. Coordina a profesora Natalia Fernández.

 2. As ciencias escríbense en feminino”, unha xornada divulgativa en liña para conmemorar o Día Internacional da Muller e a nena na Ciencia, organizada polo Concello de Santiago, a través do CEXTEC e Talentia Summit, destinada ao alumnado do STEMBach (1º e 2º). Coordina a profesora Raquel Honrubia.

 

A maiores, propoñemos a toda a comunidade escolar ver as películas:

Figuras ocultas, que narra a historia de tres brillantes mulleres científicas afroamericanas que traballaron na NASA a principios dos anos sesenta no proxecto de poñer en órbita o astronauta John Glen, en plena carreira espacial, tendo como pano de fondo a loita polos dereitos civís dos negros estadounidenses.

Preme no cartel publicitario da película para ver o tráiler oficial da mesma:

Próxima, que narra a historia de Sarah, unha astronauta francesa que se adestra na Axencia Espacial Europea en Colonia, sendo a única muller dentro do esixente programa. Sarah vive soa coa súa filla de sete anos Stella, sentíndose culpábel por no poder pasar máis tempo coa rapaza. E cando Sarah é elixida para formar parte da tripulación dunha misión espacial de un ano de duración chamada Próxima, daquela prodúcese un afastamento na relación entre nai e filla.

Preme no cartel publicitario da película para ver o tráiler oficial da mesma: