24 febreiro, 2017

Exilio e deportación

Desde o pasado día 13 está exposta no vestíbulo do instituto a exposición de Heladio Anxo Fernández Manso Exilio e deportación, a mesma poderá contemplarse até o Entroido.
"Joaquín Balboa, un dos informantes, foi un deses galegos antifascistas aos que lle tocou sufrir dobremente. Logo de vivir unha cruenta Guerra Civil e a represión franquista, fuxiu a Francia, onde tamén foi apresado polos nazis e acabou nun dos peores campos de concentración da época, o de Mauthausen, onde morreron centos de republicanos". Esta cita podedes lela e ampliala premendo aquí.



Ao fío de dita exoposición contamos tamén coa presenza de Antonio Miguez Macho, quen desenvolveu ante alumnas e alumnos de 1º de bacharelato o tema Historia e memoria dos xenocidios


21 febreiro, 2017

Jiro Taniguchi, in memoriam

O pasado 11 de febreiro recibimos a mala nova do pasamento de Jiro Taniguchi, famoso autor xaponés, considerado como o poeta do manga. De estilo realista, trazo fino e moi perfectista, serviu de ponte entre o manga e a banda deseñada occidental.
Se queredes saber máis sobre algúns dos seus cómics podedes visitar a Marela BD.

Como homenaxe a biblioteca habilitou unha mostra cos fondos dispoñibles. 

 A foto é de Carlos Míguez

11 febreiro, 2017

Berros no roncar das ondas



O IES “Ramón Mª Aller Ulloa” ten o pracer de poder ofrecerlles a toda a comunidade escolar do centro e ao público en xeral a exposición Berros no roncar das ondas, traballo de Xacobe Meléndrez Fassbender, na fotografía artística, e Bernardino Graña, na faceta literaria. Unha clara mostra de arte e compromiso, “cun alto contido de reflexión social e ambiental, e que propón unha análise crítica da relación entre a humanidade e o mar, a través dun achegamento sentimental, da man dunha plasticidade atractiva e dos versos que as acompañan”, tal e como se referencia na web do CEIDA.

A exposición pode verse na fachada norte do noso instituto, grazas ao desinteresado e entusiástico labor dos compañeiros Fran e Sebas.

Para coñecer máis sobre a exposición podedes visitar a páxina do CEIDA premendo nas siglas. 
E para saber máis sobre a exposición e o labor artístico de Xacobe Meléndrez contaremos coa súa presenza o día 20.
Como petisco aí van unhas fotos da exposición enviadas por Sebas á Marela:





05 febreiro, 2017

Os Quinquilláns e "Cousas" de Castelao

O vindeiro luns, 13, a compañía de teatro Os Quinquilláns porá en escena en Lalín, no Salón Teatro -ás 11.00-, a adaptación de Cousas de Castelao, destinada ao alumnado dos centros de secundaria lalinenses, actividade promovida pola Concellaría de Cultura.

.

04 febreiro, 2017

Ao fío do encontro co grupo de investigación do reino protista.

  


Por Antía Rodríguez Fernández (1º bach A)

   O venres 25 de novembro, alumnos e alumnas de 2º de Bacharelato mostraron na biblioteca do centro o traballo que realizaron o curso pasado na clase de Bioloxía coa axuda da profesora Natalia Fernández e que, ademais, presentaron na XVI Reunión do grupo especializado en filoxenia, taxonomía e diversidade da Sociedade Española de Microbioloxía. Este traballo consistiu na investigación de organismos do reino protista en mostras de auga dóce.
   Ao comezo da exposición, un dos alumnos, Óscar, fixo unha breve introdución sobre o traballo e sobre o Reino Protista, citando, por exemplo, a Lynn Margulis e a Teoría da endosimbiose. A seguir, a súa compañeira, Sara, describiu os obxectivos do proxecto, así como o procedemento que empregaron para observar ao microscopio os diversos organismos do Reino Protista que eles mesmos recolleron en diferentes lugares coma charcas, fontes, lagoas…  
   Logo desta introdución ao proxecto, os demais alumnos do grupo de traballo (Sarai, Antía, Laura, José Manuel, Olimpia, Emma e Nerea) profundaron máis en varios grupos do Reino Protista, mostrando con imaxes as súas características principais, entre as que destacan a súa estrutura vista ao o microscopio ou a rapidez dalgúns destes organismos que impedía fotografalos facilmente, fronte á lentitude doutros coma a ameba. Tamén destacaron a capacidade de moitos destes organismos para agruparse en colonias, adoptando diferentes formas, ou a maneira que teñen de reaccionar ante un estímulo, contraéndose de xeito veloz.
   Para concluir a exposición, destacaron o aprendido ao realizar o traballo, que para eles supuxo o descubrimento duns seres dos que estamos rodeados e que son de grande importancia nos ecosistemas. Xa rematando o relatorio, os alumnos e as alumnas que realizaron este traballo non dubidaron en agradecerlle á Sociedade Española de Microbioloxía o feito de contar con eles no congreso ao que asistiron o curso pasado.