Amosando publicacións coa etiqueta A Marela Tarabela. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta A Marela Tarabela. Amosar todas as publicacións

12 maio, 2024

Marela para o Proxecto "Lalín, o concello das mil vacas"


Como ramo ao
Proxecto competencial Lalín, o concello das mil vacas, desenvolvido polo alumnado de 2º da ESO da materia de Libre disposición, polo do Club de lectura ABCD do 1º ciclo da ESO e polo do Club de lectura Tarabelos I de 3º da ESO, so a coordinación de Carmen Frade (ideóloga do Proxecto), Iria Ares, Sylvia Cea e Uxía Nogueira, editamos un novo boletín d’ A Marela Tarabela, o nº 33, monográfico que escolma os tres apartados básicos nos que foi estruturado: entrevistas, memorias dunhas nenas labregas e antoloxía literaria de temática gandeira e agraria, suxestións de lectura
Ao respecto, a coordinación do mesmo cualifica o Proxecto de necesario co obxectivo de reivindicar o papel social, cultural e económico que o campo xogou e xoga na dinamización da economía e das tradicións. Todo un reto para pór en valor o noso pasado etnográfico entroncado co devir presente da actividade gandeira e xaora agraria.

Lembrade que podedes descargala en PDF

09 xuño, 2021

Marela para a "Memoria da Biblioteca Escolar Mario Pereira 2020-2021"

Vén de saír do prelo a Memoria da Biblioteca Escolar Mario Pereira 2020-2021, que se corresponde coa Marela nº 30.
 O motivo é o de que coidamos necesario editar un Boletín d’ A Marela Tarabela dedicado á Memoria do curso 2020-2021 ante, como sempre, a necesidade administrativa de xustificación de actividades desenvolvidas e as dúbidas xeradas: que se a memoria debería ter 30 páxinas, que non, que 10, como máximo, á parte de arquivos que recollesen as imaxes das actividades, as publicacións realizadas (libros, vídeos...)...; o que nos levou  a pensar no feito de por que non todo nunha publicación. E é polo que xurdiu a idea da edición deste Boletín da Biblioteca que estamos a presentar e que recolle de xeito sintetizado todas ou case todas as actividades coordinadas e colaborativas nas que participou a Biblioteca ata o 8 de xuño. Así nin as 10 páxinas de Memoria (mesmo os grupos de WhatsApp eran un fervedoiro sobre a cuestión das 10 ou 30 páxinas), nin o arquivo de imaxes á parte, nin o dos libros editados, nin...
Lerias! Pois cumprimos como todas as bibliotecas escolares, achegando a documentación requirida. Pero non viña mal un chisco de simplificación burocrática.
O resultado Memoria da Biblioteca Escolar Mario Pereira 2020-2021 integra toda a diversidade de documentos solicitados. Que mellor xustificación que unha publicación que tente darlle sentido á cousa documental! 
Premede na imaxe e habédelo ver.
Lembrade que a podedes descargar.
No entanto, para sibaritas tamén dispoñemos da versión integral da Memoria, e que por suposto tamén podedes descargar en PDF

02 marzo, 2021

Marela para "Senlleiras" e o 8 de marzo

Aproveitando a celebración do 8 de marzo (Día Internacional da Muller), editamos unha nova Guía de lectura, a nº 18, que se corresponde coa Marela nº 29, dedicada neste caso á novela de Antía Yáñez Senlleiras, que en palabras de Ana Novo Cuñarro (alumna do 1º de Bacharelato e integrante do Club de Lectura), nos presenta dúas historias que non coinciden na época cronolóxica, mais si na mensaxe a transmitir: a opresión do patriarcado na vida de calquera muller... Unha voz que nos recorda que non está todo ben e que a loita polos nosos dereitos como persoas continúa día tras día, na escola, no traballo, na casa. Así, a través dos pensamentos das dúas mulleres reflectidos ao longo da obra, amósasenos aquilo que a nosa atarefada vida social e a falsidade das redes sociais silencia cada vez máis. 

Lembrade que podedes descargala en PDF.
 

Para máis información visitade o Wikirmau.

14 novembro, 2020

Marela para "A arte de trobar"

Nova Guía de lectura, a nº 17, que se corresponde coa Marela nº 28, dedicada neste caso á novela de Santiago Lopo A arte de trobar.

Lembrade que podedes descargala en PDF.
 
 
Para máis información visitade o Wikirmau.

03 novembro, 2020

Día de Neira Vilas

De novo o noso centro súmase á iniciativa da Fundación Xosé Neira Vilas de celebrar o 3 de novembro o "Día de Neira Vilas", ao abeiro da conmemoración do seu nacemento; e non está de máis lembrar a Marela dedicada a “Memorias dun neno labrego”:

 

Así como o Encontro con Xosé Neira Vilas, de 23 de abril de 2012:








 

01 marzo, 2020

Marela para "O xardineiro dos ingleses"

Nova Guía de lectura, a nº 16, que se corresponde coa Marela nº 27, dedicada neste caso á novela de Marcos Calveiro O xardineiro dos ingleses.

Lembrade que podedes descargala en PDF.


 

Para máis información visitade o Wikirmau.

31 maio, 2019

Marela para Mario


Ao fío do Encontro-Homenaxe con Mario xorde esta Marela tan especial para nós.
Corría o ano 2006, cando Mario propuxo dotar de voz a Biblioteca, nace así o boletín  A Marela Tarabela, e nace coa emotiva carta É o cuarto dos ratos?, que Mario lle escribiu á Biblioteca.
Case catro anos despois da primeira Marela Tarabela, en decembro de 2006, e baixo o título Todas as Marelas, Mario deitaba no blog a seguinte reflexión: A Marela obedecía ao proxecto de transformación dunha biblioteca pasiva a unha biblioteca activa. Nese sentido, cumpriu, para nós, un papel moi importante: serviu para facer visible a Biblioteca ante a comunidade docente e tamén para que nós, o Equipo de Apoio, puideramos ver o noso traballo. Foron catro anos densos, moi densos, a por de información, formación e ferramentas que fomos descubrindo. Catro anos, catro séculos! Con todo, a Marela segue aí...
E agora comprácenos presentar o Extra nº 1, Marela para Mario, que serve de pequena homenaxe a quen foi o artífice da mesma como complemento perfecto á tarefa de Fozabibliotecas, como gusta  de chamarse Mario a si mesmo.
E neste momento de sentimentos encontrados, co gallo da súa xubilación, temos que sentirnos orgullos de seguir medrando ao abeiro de Mario, para manter vivo o seu reclamo:
Ven vindo...
Podededes descargala premendo na imaxe.

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesallerulloa/system/files/Marela%20para%20Mario.pdf

24 marzo, 2019

Marela para "O segredo da casa de Formoso"

Vimos de recibir do prelo unha nova Guía de lectura, a nº 15, que se corresponde coa Marela nº 26, neste caso a guía d' O segredo da casa de Formoso de Héctor Cajaraville.

Xa sabedes que podedes descargala en PDF.


http://www.edu.xunta.gal/centros/iesallerulloa/system/files/O%20segredo%20da%20casa%20de%20Formoso_Gu%C3%ADa.pdf


02 xaneiro, 2019

BD : A Gran Guerra


Ás 11 da mañá do día 11 do 11 de 1918, entrou en vigor o
armisticio de Compiègne que puña fin á primeira guerra mundial.

Como ramo ás actividades desenvolvidas no seu momento arredor da efeméride do inicio do conflito armado, e para lembrarmos o centenario da fin das hostilidades, elaboramos un novo número d'A Marela Tarabela, o 25, baseado nunha antoloxía de banda deseñada do catálogo da biblioteca a consultar na Marela BD, como testemuño dunha guerra que ía rematar con todas as guerras, "A Gran Guerra", nome co que foi bautizada polos seus contemporáneos. Así mesmo, achegamos unha selección de filmes sobre a contenda.

Podedes lela premendo na imaxe ou baixala en PDF.

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesallerulloa/system/files/BD_Gran%20Guerra.pdf



07 novembro, 2018

Segunda Marela para D. Ramón Mª Aller (50 aniversario)

Con motivo da celebración no noso centro do XXXI Congreso Enciga, volvemos imprimir o número 20 d’A Marela Tarabela. Nel, recollemos as actividades realizadas co gallo do 50 aniversario do falecemento de don Ramón Mª Aller Ulloa, como ramo da efeméride. 
Aproveitamos a ocasión para paliar o despiste cometido no seu día e subímola en PDF.



Lembramos tamén o primeiro que elaboramos sobre D. Ramón.

06 marzo, 2018

Marela para o 8 de marzo


Aproveitando material que xa puidestes ver nesta Marela, imprimimos unha de papel:, 4x8 (BD) para o 8 de marzo, na que seleccionamos trinta e dúas heroínas de BD que se desenvolven en papeis tradicionalmente reservados a personaxes masculinos.
Preme na imaxe para vela e, de quereres, descargala.

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesallerulloa/system/files/4x8_BD_8_marzo.pdf






11 xaneiro, 2018

Marela para Xa non estou aquí de Iria Misa

Acabamos de recibir do prelo unha nova Marela, neste caso a guía de suxestións de Xa non estou aquí de Iria Misa.

Xa sabedes que podedes descargala en PDF.
http://www.edu.xunta.gal/centros/iesallerulloa/system/files/Xa%20non%20estou%20aqu%C3%AD.pdf