26 decembro, 2023

Ao fío de... Mercado para acabar o ano

 Seis días despois, seguen a chegarnos testemuños do que sucedeu o derradeiro día lectivo do 2023 no IES Ramón María Aller Ulloa, neste caso en forma de vídeo.

Se queredes ver como transcorreu o mercado de comida e produtos de segunda man, picade na ligazón para irdes á nosa canle de Youtube. 

Vídeo de Carmen Frade.

24 decembro, 2023

Postais de nadal para os nosos maiores

 O alumnado de Relixión, coa súa profesora María Jesús Barcala á fronte, quixo felicitar estas festas aos usuarios da Residencia As Dores. Durante esta semana estiveron deseñando e elaborando as postais personalizadas, para que os 144 usuarios do centro puidesen recibir cadansúa felicitación. 

Nestes momentos nos que o consumismo nos devora, nos que guerras inxustificables deixan milleiros de mortos día si e día tamén, nos que un estudante pode asasinar os seus compañeiros indiscriminadamente... Nestes momentos María quixo educar en valores

Agradecemos á Dirección do centro residencial que nos permitise formar parte desta actividade, para comezar así unha colaboración entre a enerxía e ilusión dos adolescentes e a sabedoría dos nosos anciáns.








22 decembro, 2023

Deporte, música e mercado para acabar o ano.

 Este xoves 21, aproveitando que era o último día lectivo do 2023, organizáronse unha serie de actividades lúdicas e deportivas. Baixo a coordinación de ANA PENAS FACORRO, desde as 10:25 da mañá, o salón de actos do IES Aller Ulloa converteuse nun gran mercado no que se ofertaban sobremesas caseiras, algodón de azucre, produtos de segunda man... 

Pero este espazo non foi o único que cambiou o seu uso habitual, así nalgunhas aulas podíase participar no concurso "Cifras e Letras", noutras o karaoke permitía descubrir grandes voces,  e ao lado xogaban ao tenis de mesa; mentras que no patio un Papá Noel un tanto curioso (cortesía do alumnado de Deseño) recibía tortazos a cambio dunhas moediñas e algúns apostaban a que eran os máis rápidos no concurso americano de vasos.

Xa nas dúas últimas horas lectivas a festa trasladouse ao pavillón, e formando equipos mixtos, profesorado e alumnado enfrontáronse no baloncesto, balonmán, balonvolea e fútbol sala. 

A festa durou unha mañá, pero o traballo de toda unha semana puido verse perfectamente reflictido na decoración das portas das aulas. 4º ESO A e 3º ESO B, coordinados por Gonzalo Ballesteros e Sylvia Cea conseguiron as mellores puntuacións.

A seguir, algunhas das imaxes que Carmen Frade e Sofía Ardariz nos fixeron chegar:
















Postal de nadal 2024

 

Como xa é tradición no IES Ramón María Aller Ulloa, queremos felicitarvos o nadal cunha postal de factura propia. Para isto, o Departamento de Artes organiza un concurso entre o alumnado, seleccionando, nesta ocasión, o traballo presentado pola alumna do 1º curso do Bacharelato de Artes (grupo B) Julieta Ramos Sosa.

En palabras da profesora María Armada, como voz do xurado, este "considerou salientable o uso da cor; así mesmo, a representacicón da pelaxe do animal e a composición son destacables".

Os nosos parabéns a Julieta.

 

Postal de Julieta Ramos Sosa

Felicitación de Aitana Gosenje Blanco



Postal de Paula Crespo Golmar

Felicitación de Noelia Tarrío Creo

Postal de Ainara Froiz Lois


Postal de Elba Couso Patiño

20 decembro, 2023

E despois da ESO? Un ciclo?

Unha vez que terminamos a ESO que podemos facer? Seguimos co Bacharelato ou cursamos un Ciclo Medio? E se temos claro que imos estudar algún Ciclo Superior, que é mellor, facer antes un Medio ou o Bacharelato? Para responder a estas preguntas, e aclarar algo as dúbidas que o noso alumnado pode ter, organizamos unha mesa redonda con tres alumnos e dous profesores do noso centro:

Gonzalo Soto Lourido, alumno do 2º curso do Ciclo Medio de SMR, que accedeu ao C.M. a través da Formación Profesional Básica, e despois de traballar na hostalería durante varios anos. Neste curso 23-24 está seleccionado para formar parte do Programa Erasmus, facendo as súas prácticas de fin de Ciclo en Malta.

Yago García Jorge, que cursa o 1º ano do Ciclo Superior de DAW, e que despois de abandonar o Bacharelato cursou xa un Ciclo Medio no IES Ramón Mª Aller Ulloa. Yago estivo, a principios do 2023, case 4 meses vivindo e traballando en Malta, grazas ao Programa Erasmus, cunha asignación mensual de 1.300 €

Sunny Saco Buceta, alumna do 2º ano do Ciclo Superior de ASIR, e que accedeu aos ciclos tras facer o Bacharelato, obtivo a medalla de prata nas Galicia Skills neste mes de outubro (ver a entrada no noso blog)

Moderando a mesa, e completando a información que achegaba o alumnado, estaban os profesores José Rey, encargado no 23-24 de buscar empresas en Malta, e  titor de ASIR; e Joaquín Pérez, responsable da Formación en Centros de Traballo e dos Programas Erasmus nos que participa o noso instituto.

Se tedes interese en informarvos sobre toda a oferta que a Formación Profesional ten en Galicia, podedes picar nas seguintes ligazóns:

Oferta educativa en Galicia

Familias profesionais

A seguir, unhas fotografías do acto, cortesía de Ánxeles Francis.



Gonzalo explicando a súa experiencia persoal.


Sunny durante a súa intervención.


Yago explicando en que consisten os Programas Erasmus.



17 decembro, 2023

Entrevista a Warenka Mora Aponte

A nosa radio segue funcionando a pleno rendemento. Desta vez foi o alumnado de 2º do Bacharelato, coordinado desde o equipo da Biblioteca, o que puido entrevistar a Warenka Mora Aponte, unha das profesoras de inglés na nosa EOI e cun historia vital coas linguas, cando menos, curioso.

Warenka naceu en México, e o seu nome é produto do amor que seu pai sentía pola lingua rusa. Xa de adolescente viviu durante un ano en Francia, grazas a un programa de intercambio de estudantes, organizado por AFS. E no seu percorrido universitario decantouse polo estudo do inglés, pero o amor cruzouse na súa vida e ela cruzou o charco.

E nós non iamos desperdiciar esta ocasión de aprender doutras culturas, neste caso centrándonos nas tradicións mexicanas arredor da morte. Aquí vos deixamos a ligazón á entrevista que lle fixeron Alejandro Calviño, Carla Fernández, Leticia Fernández, Lucía Maceira, Fabiana Núñez e Juan Ramón Villar. 






12 decembro, 2023

Ruta de sendeirismo polos bosques de ribeira de Deza

O Departamento de Educación Física optou esta semana por facer deporte ao aire libre (que mellor opción?), así que convidou o alumnado de 3º ESO a participar nunha ruta de sendeirismo polos bosques de ribeira dos ríos Deza, Asneiro e Santa Lucía: pontes romanas, ou colgantes, estreitas pasarelas, pequenas fervenzas, congostras ou anchas ribeiras polas que camiñar, seguindo o curso dos ríos e observando os muíños que, nalgún tempo, traballaron arreo.

Mais, á hora de organizar esta saída escolar, non só se pensou na actividade física, senón tamén na necesidade que teñen os nosos rapaces de coñeceren a fauna e flora que habita arredor dos ríos, así que a segunda parte da travesía transcorreu por bosques de frondosas na Borralla, fermosas carballeiras que no outono cobren o seu chan de follas amarelas e acastañadas. Á beira dos carballos, bidueiros xa espidos, pero coa inconfundible tona abrancazada; edras, fentos e fentas, musgos, liques, e algunha silva de cando en vez.

De seguro que os rapaces agradeceron a Borja Costoya e Xavier Montoto cambiar o frío pavillón (ao que, ironías da vida, non chega a calefacción de biomasa) por esas frescas ribeiras das concas fluvias de Deza.










Fotografías: Borja Costoya

01 decembro, 2023

Calendario de advento

Desde hoxe mesmo, como manda a tradición, e ata o xoves 21,  na entrada do noso instituto, e no recuncho TOC-TOC-A-CIENCIA,  podedes desfrutar dunha exposición sobre mulleres científicas.

Baixo a apariencia dun calendario de advento, podemos ver o traballo do alumnado de 3º ESO A e C, que nas horas do Proxecto Competencial buscou e seleccionou información sobre 20 mulleres científicas, coa intención de divulgar o seu labor.  A coordinación correu a cargo das súas profesoras Ana Penas e Natalia Fernández.

Achegamos unhas imaxes, a modo de exemplo, mais se queredes coñecer a estas 20 científicas, só tedes que achegarvos ata o IES R. Mª Aller Ulloa para, día a día, ir descubrindo quen se esconde debaixo de cada data.