19 marzo, 2018

Daniil Kharms: Unha borracheira inesperada

 Celebrouse o ano pasado o 75º cabodano do vangardista ruso, Daniil Kharms. Poeta, escritor para a infancia, narrador, dramaturgo, Daniil Kharms foi perseguido polo stalinismo e acabou morrendo, probablemente de fame, na cadea de Leningrado Nº 1. Transcorría o febreiro de 1942.
O noso compañeiro Perfecto Andrade vólvenos agasallar cunha primeira tradución ao galego dun escritor ruso.

Fonte imaxe.

Unha borracheira inesperada.

por Daniíl Ivánovich Jarms.
(Tradución desde o ruso de Perfecto Andrade) 

Unha vez Antonina Alexeyevna zoupoulle ao seu home co cuño da oficina e estampoulle a fronte coa tinta.

O mortalmente ofendido Pyotr Leonidovich, home de Antonina Alexeyevna, pechouse no cuarto de baño e non deixaba entrar a ninguén.

Con todo, os habitantes do piso comunal, que tiñan unha imperiosa necesidade de ir onde estaba sentado Pyotr Leonidovich, decidiron escachar pola forza a porta pechada.
Decatándose de que se acabara a festa, Pyotr Leonidovich saíu do baño, foise para o seu cuarto e deitouse na cama.

Pero Antonia Alexeyevna decidira perseguir o seu marido ata o final. Esfarelou un papel en anaquiños e regou con eles a Pyotr Leonidovich que estaba deitado na cama.

O envelenado Pyotr Leonidovich botouse dun chimpo no corredor e púxose a arrincar o papel da parede.

Neste punto saíron todos os habitantes do piso e, vendo o que o malpocado Pyotr Leonidovich estaba a facer, botáronse enriba del e fixeron farrapos do chaleco que levaba posto.

Pyotr Leonidovich saíu correndo cara á oficina da vivenda.

Namentres, Antonina Alexeyevna espírase e agochárase na arca.

Dez minutos despois volveu Pyotr Leonidovich, seguido polo encargado da casa.
Ao non atopar a súa muller no cuarto, Pyotr Leonidovich e o encargado da casa decidiron aproveitar o lugar libre para baixar un pouco de vodka. Pyotr Leonidovich marchou a correr ata a esquina na procura da bebida.

Cando xa saíra Pyotr Leonidovich, Antonina Alexeyevna saíu da arca e apareceu diante do encargado da casa como a trouxeran ao mundo.

O encargado da casa, espantado, pegou un chimpo na cadeira e correu á
fiestra, pero ao ver a moza de vinte e seis anos, arroubouse coa súa
poderosa constitución.


Neste punto volveu Pyotr Leonidovich cun litro de vodka.

Ao ver o que acontecía no seu cuarto, Pyotr Leonidovich xuntou as cellas.

Pero a súa muller Antonina Alexeyevna amosoulle o tampón da oficina e Pyotr Leonidovich acougou.

Antonina Alexeyevna expresou o desexo de participar na bebedela, pero obrigatoriamente espida como estaba, e -só para amolar- de sentar na mesa na que se propuxera pór os pinchos para acompañar a vodka. Os homes sentaron en cadeiras, Antonina Alexeyevna sentou na mesa e puxéronse a beber.

Non se pode dicir que sexa hixiénico que unha moza núa estea sentada na mesma mesa na que está comendo xente. Aínda por riba Antonina Alexeyevna era muller rotunda e non moi preocupada pola súa limpeza corporal, así que a cousa estaba para que a levase o demo.

Con todo, axiña beberon abondo ata caer durmidos: os homes no chan e a muller na mesa.

E restableceuse o silencio no piso comunal.

08 marzo, 2018

8 de marzo, Día internacional da muller

Así estivo hoxe a biblioteca para conmemorar o Día Internacional da Muller.


No acto, compartiron experiencias catro mulleres de diferentes ámbitos. Foron Isabel María Rubio (directora da Banda de Lalín),  Vanesa Taboada (garda civil), Xoana Mouriño (directora do centro) e María José Portas (Coaching), estas tres últimas ex-alumnas do noso instituto.

Entre outras achegas músicais e poéticas, Noa García leunos un poema de seu e Marta García recitou a María do Cebreiro.






06 marzo, 2018

Encontros no 8 de marzo

O próximo xoves, 8 de marzo, conmemoraremos na Biblioteca o Día Internacional da Muller cun acto poético-musical reivindicativo.

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesallerulloa/system/files/4x8_BD_8_marzo.pdf


Este é o guión do acto a celebrar na Biblioteca:


Marela para o 8 de marzo


Aproveitando material que xa puidestes ver nesta Marela, imprimimos unha de papel:, 4x8 (BD) para o 8 de marzo, na que seleccionamos trinta e dúas heroínas de BD que se desenvolven en papeis tradicionalmente reservados a personaxes masculinos.
Preme na imaxe para vela e, de quereres, descargala.

http://www.edu.xunta.gal/centros/iesallerulloa/system/files/4x8_BD_8_marzo.pdf