Amosando publicacións coa etiqueta Rescate. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rescate. Amosar todas as publicacións

30 xullo, 2021

Rescatando patrimonio. 1990 : I Concurso de Cartas de Recomendación

A altura de 1990, a Asociación Cultural O Naranxo tivo a brillante idea de convocar un concurso de Cartas de Recomendación que agora reeditamos, ao dar con elas nesta nosa tarefa por recuperar vellos documentos de Lalín e Deza.
E ao abeiro da publicación da revista underground Trapa, iniciativa de Viravolta, cuxo primeiro número data de 1983, como Boletín da Escola Técnica Superior de Coñecementos Inuteis (ETSCI) e que tivo entre os seus artífices e colaboradores os cinco pioneiros de Viravolta (Pili, Noli, Julio, D. Payo e Ánxel), para anos despois converterse en boletín da A.C. O Naranxo, e concretamente do seu número 8, editado en 1991, a A. C. O Naranxo distribuíu nun supletorio as cartas galardoadas no 1º Concurso de Cartas de Recomendación. 
Na publicación dixital das cartas damos conta da información recollida no seu momento en La Voz de Galicia de 26 de xuño e de 19 de xullo de 1990, sobre a convocatoria e os motivos. 
Hai que lembrar que o premio non era cousa menor, pois a persoa gañadora ocuparía un cargo honorífico na sociedade O Naranxo durante un ano. Canto aos motivos salientar o eco que a nivel de Galicia acadou o concurso, informando do mesmo ata a propia TVG, tal e como se le en La Voz de Galicia desa altura:

 “José Ramón Paniagua Gutiérrez, alias el Pañi (sic) , y, a la vez, secretario de la Asociación Cultural O Naranxo de Lalín, apareció el pasado martes ante las cámaras de la Televisión de Galicia en el programa Crocante que presenta Alberto Avendaño. El tema no era otro que el Concurso de cartas de recomendación que la citada asociación ha convocado después de que el actual presidente de la Xunta, Manuel Fraga, dijera «que las cartas de recomendación entran dentro de la tradición popular»” (Lalín. Redacción, por M. Garabantes).

Sen dúbida que unha boa maneira de lembrar a activa vida cultural de hai anos é botando man destes vellos documentos que son xa parte da historia local, e que neste caso amosan a vixencia e a tradición das recomendacións. Unha boa escola para a vida.

 


13 xullo, 2021

Lalín : recuperando a memoria histórica local

Nesta nosa teima por recuperar vellos documentos da historia local e aproveitando que o tempo de verán é propicio para o rebusque e a organización de vellos papeis que se van acumulando co paso do tempo, batemos cun dos boletíns da CAL : Follas de Cal, nº 2. 
Corría o ano 1988 e a política municipal fervía coa activa participación de xente nova. Aínda estabamos nos albores da democracia. 
A seguir, para nostálxicos e estudosos da historia local este incisivo número 2 de Follas de CAL .

O preludio:

As elección municipais tiveran lugar o ano anterior, concretamente o 10 de xuño, e de resultas formouse unha corporación integrada por 20 homes e só unha muller, o que dá conta da verdadeira dimensión da cativa presenza da muller na vida política. É máis, se desbotamos a candidatura do PTG-UC, composta por xente allea ao concello de Lalín, a porcentaxe de mulleres presentes nas candidaturas municipais só acada o 13,56%. 

A seguir unha pequena mostra gráfica das candidaturas, a color e en branco e negro. A maioría das persoas candidatas xa están identificadas, e as que non, a ver se sodes quen de recoñecelas.

    

 


 E os resultados:

https://www.datoselecciones.com/elecciones-municipales-1987

 


14 xuño, 2021

O muiñeiro de Deza

Non se dá puntada sen nó, e nesta nosa teima por recuperar patrimonio de noso, vimos de bater cunha “escea cómica orixinal de Varela Buxán" titulada O muiñeiro de Deza,  tal e como se pode ler no titular, e publicada en Faro de Vigo o 3 de febreiro de 1972, con foto incluída de Bernabé.

O conto é que ao fío do Rexistro 26.000 dedicado ao volume O filósofo do arado (Varela Buxán) de Emilio Araúxo, e remexendo en vellos retallos de prensa na procura de referencias a Varela Buxán: o premio!

E con que precisión utiliza o topónimo Deza! 

Preme na imaxe e poderás ler a escena con nitidez.



 

31 maio, 2021

Cantos de Entroido de Lalín e Romances de cego. Os carteis de cordel


Seguindo o fío da literatura de cordel,
alá polo Entroido de 2011 levamos a cabo a dixitalización dos Cantos do Entroido de Lalín (I) que estivo acompañada de Santo Torrisco (creación de Anxo García) e dos Cantos do Entroido de Lalín (II), co fin de recuperar os textos elaborados ou impulsados no seu día pola A.C. “O Naranxo” para correr o Entroido. 

E agora completamos o labor dixitalizando tamén os Carteis de cego que serviron de ilustración aos Cantos do Entroido de Lalín no período que vai de 1985 a 1991. 
No seu momento desde a Biblioteca do instituto deixamos constancia de que “co seu prima satírico recollen os acontecementos máis significativos de cada ano e dan fe da vida miúda do concello de Lalín e da política local, nacional ou, mesmo, internacional”. 
Grazas a Viravolta pola doazón e grazas tamén a Damián Payo “Paío”, Antón Iglesias “Madero” e Beatriz Iglesias pola información achegada.

Botádelle unha ollada e habedes ver...

 

Pódese descargar en PDF

26 maio, 2015

Eleccións municipais: Cuíña dá a sorpresa

O títular desta noticia podería servir para mostrar algúns trucos do xornalismo: o xogo entre o que o lector espera cando acode ao reclamo da letra grande e o que realmete se conta no corpo. Non hai mentira, pero non ten que haber verdade.

Como xa comentamos aí atrás, varias das ligazóns a documentos relacionados con diversas actividades fóronse perdendo e estamos tratando de recuperalos pouco e pouco.

Un deles (que moito estimamos) é o informe realizado polo alumnado de 3º de BUP do curso 1978-79, sobre as eleccións municipais de 1979. Fora elaborado co propósito de recadar cartos (a 25 ptas., o exemplar) para a excursión e publicitábase coa idea de “informar... ya que algún periódico publicó los resultados equivocados”.

Ademais dos resultados mesa por mesa, recollía unha entrevista (precedida dunha pequena introdución informativa/valorativa) con cada un dos cabezas de cartel das cinco candidaturas: Candidatura independiente, Coalición Democrática, Unidade Galega, UCD e PSOE.

O alumnado de terceiro lamentaba a alta abstención (o 56%), pero non advertía da ausencia total de mulleres naquela primeira corporación democrática...


05 marzo, 2015

A Semente. Rodeiro, 1978 : Asociación da Mocedade O Fiadeiro.


A longo deste tempo que levamos coa Marela, fomos "subindo" documentación que acompañaba algunha das nosas actividades. Gran parte da ligazóns a ela non levan a ningures. Quen sabe onde van os servidores que utilizabamos? Esporadicamente, recibimos observacións nese sentido. Pois ben, trataremos de ir recuperando toda a que poidamos.

Hoxe facémolo cos tres números da Semente, unha publicación realizada en Rodeiro, alá polo 1978 e da que dabamos conta o 11-06-2011.

O primeiro número, presentábase como: Boletín da comisión xestora da asociación da Mocedade O FIADEIRO



O segundo xa nos informa de que se firmaron os estatutos e se elixiu a Directiva xestora, configurada por "Xavier Vence, presidente; Vicepresidente: Azuzena Vázquez; segredario: Xesús Moreiras; vicesegredario: Andrés Lamazares; tesoureiro: Xosé Fernández". O subtítulo, polo tanto, variou: Boletín de información interna da directiva xestora da Asociación da Mocedade O FIADEIRO


E ese foi o que se mantivo no número 3

 

25 abril, 2014

[Rescate VII] E que tal o tempo (hai cincuenta anos)?

Entre eses documentos, xerados no instituto, que temos a obriga de custodiar, están os rexistros meteorolóxicos que -nunha pequena estación do centro- se obtiñan para remitirlle ao Servicio Meteorológico Nacional.

Trátase de formularios de carácter mensual nos que se recollen temperaturas e precipitacións. Os máis antigos son de febreiro de 1957 e os máis recentes de maio de 1966.

Se vos apetece ter unha idea de como eran, aquí tedes os correspondentes a 1964, é dicir, os de hai cincuenta anos.

Temperaturas 1964


Chuvias 1964

16 marzo, 2011

Patrimonio: Nen@s en Bendoiro


Xa o temos comentado. Se nos corresponde a nós (ás Bibliotecas escolares, aos institutos...), non temos medios. Se non nos corresponde, ímolo aceptando, pero sabemos que o habería que facer mellor. Falamos de patrimonio. Neste caso, de patrimonio fotográfico.
O conto é como segue:
Comentando un relato de Manolo Rivas ("o leikista"), o profesor propúxolle ao alumnado que buscase fotos de defuntos no vellos álbums familiares. Noelia creu lembrar que vira algunha e, ao día seguinte, apareceu con tres (dúas de defuntos e unha cun moribundo). O profesor preguntoulle se non tiña máis e ela respondeulle afirmativamente e faloulle dunhas fotos do  Pazo de Bendoiro que ían ir ao lixo. A historia aclarouse co paso dos días.
Charo, a nai de Noelia, comprara uns mobles do pazo , cando este estaba en venda. Ao ilos buscar, deu cunhas sacas de penso cheas de "lixo" que estaban destinadas ao lume. Sabedora de que, ás veces, o lixo contén cousas interesantes, pediullas á propietaria. Entre elas, había "papeis" que a propietaria xa rexeitara.
A maior parte dos “papeis” son fotos. Non sabemos se todas as que había no pazo ou só unhas poucas. Algunhas son de xente do pazo, outras de coñecidos ou amizades. Da maior parte, descoñecemos quen alí está retratado, nin en que data se fixeron. As máis antigas son de finais do XIX, as máis recentes andarán na década dos 70 do XX. Sexa como sexa, conteñen moita e moi boa información sobre os transcurso da vida fidalga durante case un século.
Noelia tróuxonolas  e nós escaneámolas. Forman parte da nosa “biblioteca dixital” e  seguro que algunha vez han ser utilizadas nas nosas aulas.
Non vos imos mostrar todas, pero aquí tedes vinte e cinco, sen máis unidade que a súa procedencia e o seu tema: nen@s.
Graciñas Charo, de non ser por ti, estariamos ante outro cachiño de patrimonio que se tería ido polo río abaixo.



 

02 marzo, 2011

Santo Torrisco nos valla!

Seguimos dándolle voltas á literatura de cordel e, nela, podemos encadrar os romances e coplas de Entroido. Tratándose de textos locais, o xogo que nos proporciona para traballarmos nas aulas é maior que se fosen alleas.


Así que decidimos acudir á A.C. O Naranxo para vermos se conservaban os textos que, entroido tras entroido, fan crónica satírica do noso concello e arredores (New York, incluído). KG, presidente ata hai pouco, conservaba case todos (desde 1988) e Currás, taberneiro de longa estirpe, achegounos algún. Non os conseguimos todos, pero poucos nos faltan.

Aquí os tedes... ordenadiños:




28 outubro, 2010

[Rescate VI] “Según uso y costumbre de buen labrador de la tierra”


Entre tanto rebumbio de halloweens, samaíns, magostos e santos e defuntos imos perdendo a idea de que tanta(s) festa(s) remiten á mesma celebración: o final do ciclo agrario, nestes climas atlánticos.

Buscando un buratiño para sumarnos á(s) celebración(s), demos con este documento que compartimos convosco de boa gana.

Trátase dun “contrato de caseiros”, datado en 1950. Non sabemos se é raro, pero tampouco debe ser moi común. Normalmente estes contratos eran orais ou -se este reponde a un modelo- oral era a súa renovación:

“Se establece como duración de este contrato de aparcería, el de un año, prorrogable por tácita reinducción por otro, y así sucesivamente, si en los meses de julio o agosto no se diere a saber, el propietario al casero, o el casero al propietario, que se terminaba el contrato al finalizar el año agrícola, o sea en treinta de noviembre del año en que tal requerimiento se haga”

A min, desde que mo prestou o meu amigo Manolo Crespo, tenme fascinado por varias razóns, entre outras, polas posibilidades que ofrece para un traballo interdisciplinario nas nosas aulas.

Comeza por unha relación de terras e terreos: un feixe de microtopónimos (con algunha mala transcrición –avieiras por avileiras- , castelanización ocasional –Castro de Abajo- ou improvisación ortográfica –Riva da Ribada) que me parece unha marabilla, non só pola súa eufonía, senón para o estudo da lingua da zona ou a, case sempre clara, motivación dos nomes.

O detalle co que se mencionan os cultivos de cereais, de patacas e castañas, os usos forestais ou os hortícolas resultan unha delicia. Tamén o que afecta ao coidado, compra e venda do gando, ao tratamento e aproveitamento do esterco ou ao mantemento que precisa a casa cedida.

E que dicir das precisións contractuais que se debullan en todo o documento?
“Entrégale tambien al casero las relacionadas fincas para que cultive según uso y costumbre de buen labrador de la tierra”
“y tambien serán partidos de por mitad la cosecha de castañas que /…/ serán cogidas por el casero en su cosecha total y despues de “desourizadas” y preparadas, se partirán a la mitad conforme a /…/”

“En caso de muerte de una res, se entenderá inevitable, si fuere asistida por veterinario y se le administrasen los remedios e diesen las medicinas prescritas; en caso contrario se en[ten]der[á] que ha fallecido por abandono del casero. Y si la muerte fuere por accidente, también se entenderá natural a menos que fuere provocada por el colono o por el no evitada pudiendo hacerlo. Si la muerte fuere inevitable conforme a las anteriores normas, la perdida será de por mitad entre propietario y casero teniendo por capital perdido en el que estuviere puesta la res ya fuera mayor o menor del que realmente valiere, cuyo capital será cubierto criando una ternera de las nacidas en la casa hasta que valga el mismo capital, para de esta forma, pague el casero la mitad de la pérdida con su jitad (sic) de ganancia en la cria"
En fin, antes de que se me dea por transcribir todo o documento, pídovos desculpas polos nosos medios que a rudimentarios algo tiran.