31 maio, 2024

De concerto con Green Day

 Este xoves 30, entre os grupos que actuaban no Son do Camiño estaban os Green Day: Billie Joe Armstrong, Mike Dirnt e Tré Cool. A música desta banda estivo presente nas aulas do Programa Cuale da EOI de Lalín da man da profesora MÓNICA FONDEVILA.  E dela foi a idea de gravar un vídeo harmonizando o punk rock e a muiñeira de Chantada, co alumnado pregando por unhas entradas para gozar en directo da música que acompañara as súas clases de inglés ao longo de curso.

E dito e feito! Invitacións de Green Day para ao concerto do xoves. Aquí vos deixamos unha imaxe dalgúns dos alumnos á súa chegada ao Monte do Gozo e a ligazón ao vídeo que lles fixo gañar esas entradas.

Máis información na prensa local:

Na Voz.

No Faro.



28 maio, 2024

Recomendacións de lectura: gandaría

Para poñerlle o ramo ás actividades do mes de maio, e arredor do proxecto "Lalín, o concello das mil vacas",  invitámosvos a pasar polo vestíbulo do IES e botarlle un vistazo á selección de libros feita polo noso alumnado do club de lectura Tarabelos I. Nela atoparedes libros para nenos e para non tan nenos; literatura; ensaio; obras sobre animais de granxa e sobre animais en liberdade; estudos sobre a idiosincrasia das xentes que viven do campo ou amenas lecturas para pasar unha tarde. 

Exposición no vestíbulo do IES Ramón Mª Aller Ulloa desde o luns 27 de maio ata o mércores 12 de xuño.

E se queredes ler as recomendacións non tedes máis que ir ás nosas MARELAS, as guías da Biblioteca Mario Pereira, e buscar a de gandaría. Ligazón á guía "Lalín, o concello das mil vacas".








27 maio, 2024

Cadernos de viaxe

Alba Fernández, Mirian Rodríguez, Mariña Nercellas, Carlos Coego, Xurxo Fernández e Alicia Viétez posan coa súa profesora Carmen Frade, e cos seus agasallos por teren feito os mellores cadernos de viaxe trala experiencia polo Norte de España. Tipoloxía textual acorde ao currículum de 4º de ESO, arte, moita arte, e recordos dunha viaxe inesquecible.













25 maio, 2024

Saúde mental

O SERGAS recórdanos "A saúde mental (é) un dereito universal", pero a realidade é que a atención que prestamos á nosa saúde mental non é tanta como cando se trata de problemas físicos. Nas nosas aulas, no día a día, estamos a ver como os adolescentes sofren multitude de trastornos que, por veces, nin tan siquera son diagnosticados. 

Para visibilizar este problema, e coa intención de animar a que toda aquela persoa que se sinta mal o poida contar, o alumnado de 3º do PDC, coordinado pola súa profesora Ana Penas Facorro, organizou unha exposición no vestíbulo do instituto, xusto diante do BUZÓN no que recollemos calquera petición, suxestión, queixa ou comentario que nos queirades deixar.

Desde a Biblioteca, como sempre que se nos presenta a oportunidade, sacamos os nosos libros fóra dos andeis e integrámolos na exposición. 















23 maio, 2024

Ao fío de... Mulleres de matrícula

Desde Radio Marela quixemos felicitar as cinco mozas que conseguiron as matrículas de honra. Antes de marcharen do centro contáronnos que sentiron ao sabérense "mulleres de honra", cales son as vantaxes e os inconvenientes de estudar a ESO e o Bacharelato en centros diferentes, que plans teñen a curto e longo prazo, e ata se aventuraron a aconsellar os máis novos no seu paso polo instituto.

Se queredes escoitalas premede na ligazón.

Fotografía e soporte técnico: María Jesús Barcala


22 maio, 2024

Entrega de premios XI Concurso literario Mª Vitoria Taboada

As nosas flamantes gañadoras do XI Concurso literario Mª Vitoria Taboada recibiron este luns 20 de maio os seus galardóns da man da escritora Eva Mejuto, que as animou a seguir escribindo e axudando a medrar á nosa literatura.

Deixámosvos unhas imaxes, cortesía de Sofía Ardariz.

De esquerda a dereita: Ledicia, Uxía, Eva Mejuto, Aroa e Noa.






21 maio, 2024

Encontro con Eva Mejuto

 

E seguimos coas actividades do MES DAS LETRAS. Desta volta foi Eva Mejuto a que se achegou ao noso centro para irnos debullando a creación dunha obra literaria. 

O alumnado do 2º ciclo da ESO xa lera Memoria do silencio e A ladroa da biblioteca de Meirás, polo que xa coñecían o argumento, pero, como se escollen os personaxes principais dunha historia? Por que a autora lle dedica máis tempo, máis páxinas, ou crea con máis profundidade un personaxe e non outro? Como lle chegan a ela as historias que logo recrea? A todo isto foi respondendo no seu coloquio co alumnado.


Pablo Pérez na súa presentación da escritora






20 maio, 2024

De matrícula

Alba Froiz Sampayo, Belén García Méndez, Belén García Rodríguez, María Mato Blanco e Miriam Moreiras López son as  MATRÍCULAS DE HONRA 2024 do IES Ramón Mª Aller Ulloa. 

As cualificacións acumuladas ao longo da súa vida académica son a cifra que lles outorga ese mérito, a honra de seren as cinco mellores da súa promoción. Unha cifra na que mesmo Alba e Miriam acabaron empatando, pero para os que fomos vendo a súa traxectoria nestes últimos anos, para os que tratamos con elas día a día, nas aulas, na Biblioteca, nos clubs de lectura, nas actividades extraescolares... os números son o de menos. Estas cinco mozas son "de matrícula" pola súa actitude: boas alumnas, magníficas compañeiras, excelentes persoas... e mulleres con enerxía ás que lles desexamos toda a sorte do mundo no seu camiño futuro.

Os nosos PARABÉNS para elas e, como non, para as súas familias, pois detrás do seu esforzo, do saber afrontar os problemas, do seu interese por aprender e mellorar, en definitiva, detrás destas cinco mulleres hai cinco familias que as guiaron para seren o que son: MULLERES DE MATRÍCULA.

Na imaxe, de esquerda a dereira, María, Miriam, Belén. G. Méndez, Belén G. Rodríguez e Alba.

18 maio, 2024

Maio de teatro

 Dentro das actividades organizadas para celebrar o MES DAS LETRAS,  o alumnado de 4º de ESO, asistiu á representación teatral de Made in Galiza, por Sarabela Teatro.

En palabras da propia compañía teatral, como quen se deixa roubar o seu tesouro máis prezado, a actitude das galegas e dos galegos respecto á súa lingua non "resistiría" ningunha análise. E será que o galego é a lingua máis difícil do mundo? E será de deberemos constituír unha oficina de palabras perdidas? Palabras perdidas, roubadas... Fronte ao "es que no me sale", "es que no se me da" "MADE IN GALIZA" é un convite á República Independente da nosa lingua. Non imos perdela nin en soños!

A obra de Sende (Padrón, 1972) abre as portas ao humor reflexivo, á poética ao alcance de todo o mundo, a través dun texto que move e commove. O teatro feito emoción, sentimento, plasticidade, e confronto. Cada historia é diferente e está protagonizada por personaxes retranqueiros, combativos, tenros, cómicos e poéticos. Aguerrida defensa da lingua galega.

A  tarde comezou coa visita ao Panteón de galegos ilustres, onde o alumnado foi explicando que persoeiros da nosa cultura repousan alí; continuou coa exposición Lamazares. Inda é día no Centro Galego de Arte Contemporánea, para coñecer algo máis do seu paisano; e acabou no teatro, coa agradable fortuna de poder falar con Sechu Sende mesmo antes da representación.
















17 maio, 2024

Letras Galegas 2024: Luísa Villalta

 "Este ano 2024 será o Ano Luísa Villalta, igual que o 23 foi o ano dedicado a Francisco Fernández del Riego. O 17 de maio a Real Academia Galega honrará a nosa poeta. En certa medida, honrará tamén a xeración de autores e autoras que comezan a expresarse na década dos anos 90 do pasado século e nos primeiros anos do século actual. Unha xeración nova, ilusionada, entusiasta, aberta ao mundo. Unha xeración sen complexos que xorde coa ambición de construír unha nova realidade, un novo tempo. Luísa representa ese impulso creativo, unha curiosidade intelectual e artística que a leva a ensaiar diversas formas de expresión, diferentes xéneros, nos que salienta moi especialmente (aínda que non exclusivamente) a poesía. Neste caso, encarna moi ben a xeración poética da transición entre séculos na que, por certo, tiveron especial protagonismo as mulleres"

Estas son as "Palabras para un tempo novo" coas que Víctor Freixanes, desde o portal da RAG nos presenta a LUÍSA VILLALTA, a escritora homenaxeada neste 2024.

O noso gran de area, a breve biografía e o recitado dunha selección da súa obra, por parte das nosas alumnas de Bacharelato Sheila Fernández, Sara Mato, Andrea García, Nerea Iglesias, Paula Bonita, Nerea Rodríguez, Sara Mato e María Pichel.

Coordinación do traballo: María Jesús Barcala e Biblioteca Mario Pereira.