Amosando publicacións coa etiqueta Día da Ciencia en galego. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Día da Ciencia en galego. Amosar todas as publicacións

04 novembro, 2022

XIII Día da Ciencia en galego


Neste XIII Día da Ciencia en Galego os homenaxeados son Ángeles Alvariño e Evaristo Galois.
 
A galega Ángeles Alvariño foi a primeira muller a bordo dun barco británico de investigación en calidade de científica. Logo diso participou en varias expedicións polo Atlántico e o Pacífico.
Precursora na investigación oceanográfica española e destacada científica internacional, chegou a descubrir 22 especies novas de organismos mariños.
Se queredes saber máis sobre ela podedes consultar, na nosa biblioteca, o libro Galegas na Ciencia.
En Toc Toc-A Ciencia tedes ao voso dispor máis información sobre o Día da Ciencia en Galego.

03 novembro, 2021

XII día da Ciencia en Galego

Unha vez máis conmemoramos o Día da Ciencia en Galego, e con el novembro pasou a ser o Mes da Ciencia en Galego, co obxectivo de normalizar o uso do galego no ámbito da divulgación científica.

E ao fío de tal conmemoración, o Instituto Galega de Ciencia (Igaciencia) propón dedicarlle dito Mes da Ciencia a Alan Turing, e á galega, Tarsy Carballas.

Alan Turing

A elección da edafóloga e científica galega María Tarsy Carballas veu motivada por ser unha pioneira no estudo da xénese, clasificación e cartografía dos solos da zona temperada–húmida de España.

María Tarsy Carballas

A seguir engadimos un enlace para que poidas ler o Manifesto que Ángel Carracedo, catedrático e director do Instituto de Medicina Legal de Santiago e da Fundación Galega de Medicina Xenómica e vicepresidente da Academia Internacional de Medicina Legal elaborou co gallo do Mes da Ciencia en Galego.

Ademais, e aproveitando tal evento non está demais lembrar que o pasado 8 de outubro se celebrou o Día da Ciencia en Galicia, dedicado á figura de Jimena Fernández de la Vega, natural de Vegadeo (Asturias), xenetista e profesora moi recoñecida do século XX. Jimena, xunto coa súa irmá xemelga Elisa, foron as primeiras mulleres licenciadas en Medicina pola USC, representando un referente excepcional do que foi a incorporación da muller, por fin, aos estudos universitarios. [Máis na páxina da RAGC]

 

Jimena Fernández de la Vega

 

 

04 novembro, 2020

XI Día da Ciencia en Galego

Como todos os anos, e xa van alá once, o 4 de novembro conmemórase o Día da Ciencia en Galego, e con el novembro pasou a ser o Mes da Ciencia en Galego. O obxectivo de tal conmemoración é o de amosar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra no ámbito da divulgación científica.


Ao fío de tal conmemoración, o  Institución Galega de Ciencia (Igaciencia) propón dedicarlle dito Mes da Ciencia a dous científicos, un estranxeiro, Robert Koch, e outro galego, Ernesto Viéitez Cortizo.

Robert Koch
                                                         

A elección do profesor e científico galego Ernesto Viéitez Cortizo veu motivada por ser declarado por parte da Asemblea das Nacións Unidas o ano 2020 como "Ano internacional da sanidade vexetal", e dado que o profesor Viéitez Cortizo se ocupou de fisioloxía vexetal.

Ernesto Viéitez Cortizo

A seguir engadimos un enlace para que poidas ler o Manifesto “O feitizo da ciencia” que o  profesor, investigador e divulgador científico Xurxo Mariño Alfonso elaborou co gallo do Mes da Ciencia en Galego.

Ademais, e aproveitando tal evento non está demais lembrar que o pasado 8 de outubro se celebrou o Día da Ciencia en Galicia, dedicado á figura de Andrés Avelino Comerma y Batalla, natural de Valls (Tarragona), pero que desenvolveu o seu labor profesional en Galicia como enxeñeiro e arquitecto naval, farmacéutico, escritor e divulgador científico. [Ler máis na páxina da RAGC]

                                                  Andrés Avelino Cormena y Batalla

03 novembro, 2019

Día da ciencia en galego

Como todos os anos, e xa van dez, o 4 de novembro conmemórase o Día da Ciencia en Galego, e ao fío deste evento non está demais lembrar que o pasado 8 de outubro se celebrou o Día da Ciencia en Galicia, dedicado á figura de Tomás Batuecas Marugán, estremeño que situou Galicia no mapa do cálculo das masas atómicas. [Ler más na páxina da RAGC]


E tal como deita a web divulgaccion.org "non é casualidade que a RAGC decidise dedicar o Día da Ciencia en Galicia á figura de Tomás Batuecas Marugán. E isto é así porque este personaxe, primeiro catedrático de Química Física na Universidade de Santiago, estivo moi ligado á IUPAC durante as tres décadas que foi profesor en activo da nosa universidade, e porque coa súas investigacións sobre masas atómicas permitiu mellorar a información sobre os elementos químicos da Táboa Periódica".


Foto ragc.gal

A este respecto, hai que lembrar que estamos a celebrar o Ano Internacional da Táboa Periódica e que o noso centro se sumou ás actividades que se están a celebrar construíndo a nosa particular táboa periódica que poderemos contemplar de novo nos próximos días como ramo a tal celebración, acompañada da exposición "Entre moléculas" do CSIC.

No Toc-Toc-A-Ciencia e na Marela podedes informarvos sobre a nosa Táboa Periódica.



04 novembro, 2017

Día da ciencia en galego: viaxes pola ciencia.


A ONU declarou 2017 Ano Internacional do Turismo Sostible. Foi unha excelente idea adaptalo, entre nós, como 2017 Viaxes pola Ciencia.

IGACIENCIA explícanos as razóns e as propostas:
  • Conmemorar a viaxe do Beagle
  • Conmemorar as viaxes de Domingo Fontán para elaborar a Carta xeométrica.
  • Reivindicar o Camiño de Santiago como modelo de viaxe sostible.
  • Realizar actividades coa tecnoloxía viaxeira, como o GPS, SIX...
  • Implicar a outra materias no Ano internacional.
Actividades sinxelas, eficaces e non careiras que nos propoñen son:
  • Manexar o GPS. Entender o sistema de coordenadas GPS e os sistemas de visualización xeográfica como GoogleMaps ou Openstreetmaps.
  • Experiencias relacionadas coa orientación. Recrear os primeiros compases cunha agulla imantada sobre unha cortiza flotando nun recipiente con auga.
  • Expoñer no centro educativo a serie de carteis sobre Darwin e a Evolución.
  • Parcicipar no concurso de actividades con GPS.
  • Buscar en novacarta.eu as paisaxes e os miradoiros do norte de Galicia que os fan famosos. .


12 novembro, 2015

Ano internacional da luz. 3 poemas

O omnipoliedro serviunos de soporte de poemas na última exposición asociada ao Ano Internacional da Luz e, neste caso, ao Día da Ciencia en galego.


Deses poemas, escolmamos tres, que nos tocan moi cerca.

Este é de Erín Moure, en Teatriños ou aturuxos calados .


En Botos chamámoslle apagóns e eu tamén in
     my latín.
Apagóns recórdannos que somos cavernas solitarias
A guitarra do noso tellado cambiou
por un clarinete talvez

Porque o vento inventa instrumentos onde desexar
Desexar é aquí un factor non só humano

A auga corre polas chaloupas únicas das herbas
Millóns de herbas
En copas de follas logo atropelando
                      ailalalá ai ai la lai la la la ai la
As contras enteiras molladas
Misterios enteiros contaxio cristal
ligaduras ausentes
A escuridade en todas partes auga

Aquí agardo pola light de Fenosa talvez

Lonxe de min




Este de Carlos Negro en Héleris:


Déixome caer ante o xuízo dos espellos.

Eu debo ser esa cara macerada en suor,
reflexo azul baixo a luz dos focos fluorescentes.

E visto as varices que non gastan as princesas.

 

Este de Celso Fernández Sanmartín, naquel libro que non levaba título (ou si?):


 facía unha calor de moita chispa para ser de noite

por iso abriron a ventá da cociña

destaparon unha lata de mexillóns e coméronos todos sen pan
picándoos cun pauciño
nisto que se foi a luz e na mesma salsa do escabeche dos mexillóns reflexouse a lúa