26 marzo, 2026

Coa nosa xente: Luís e Nuria


Grande é a ledicia cando recibimos novas de recoñecementos á nosa xente, a que compartiu as nosas aulas. Se a presenza é dobre, dobre é a alegría. Se os méritos se sitúan na órbita do ben común -neste caso, a medicina pública- o gozo multiplícase.

Esta semana, a SEPAR  distinguiu o Servizo de Neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) co Diamante con Excelencia, a súa máxima certificación, a que significa o cumprimento dos requisitos máis esixentes en asistencia, docencia e investigación, por parte do CHUS.

E velaí que a foto non moi difundida que atopamos en El correo gallego ábrenos un sorriso dos certos. Luís e Nuria, aí os están: o segundo dos varóns pola esquerda e a primeira pola dereita.

Luís González Taboada é o Director de Atención Hospitalaria da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza. Nuria Rodríguez Núñez é relevante neumóloga no CHUS. El encádrase na primeira promoción do BUP (1975-79), ela na penúltima (1995-99): vinte anos de historias mil e de alegrías, como esta, para compartir.

Hoxe non publicamos as fotos da ficha de COU, senón as de 1º de BUP:


Como a Fernando de Quián non lle gustou a resolución destes, coteneou en "melloralas":




Parabéns, Nuria. Parabéns, Luís.

07 xaneiro, 2026

Catro meses, algunhas pegadas



En primeiro lugar, as sempre necesarias conmemoracións, que permiten facer presentes figuras e feitos que a présa diaria tende a sepultar no esquecemento. Libros e textos para recordar e aprender: Mes da ciencia en galego, Día das escritoras (daquelas que empezaron arredor de 1975), Día internacional da eliminación da violencia contra a muller (una exposición multidisciplinar coa colaboración de varios departamentos e do alumnado).




En segundo lugar, a visualización de dous feitos históricos en proceso: un, o conflito por Palestina que estourou criminalmente os dous últimos anos logo de moitos, moitísimos, non menos criminais) e, outro, o proceso histórico da formación da España democrática que arrancou en 1975 coa morte de Franco (moi agradecidos pola achega de material periodístico do profesor Paio). Ambas exposicións serviron de espazos para explicacións axeitadas e necesarias por parte do profesorado de historia.






Resolveuse tamén o último Premio Vitoria Taboada, en camiño de profundas reformas pola intrusiva IA...


O alumnado de 1º de bacharelato de Anatomía mostrou os seus traballos no curruncho de Toc-Toc a Ciencia:

E, por último, imos dando os primeiros pasos nos proxectos de Bibliotecas solidarias e creativas, que non sabemos moi ben aínda onde nos poden levar: o voluntariado levou o contacto interxeracional ao Colexio Xesús Golmar e fixo as súas primeiras colaboracións na xestión da biblioteca e o alumnado de artes interveu creativamente no mobiliario; puxemos tamén a probas algún que outro xogo manipulativo, para ver até onde se pode chegar con eles na biblioteca.