A música como bálsamo, os libros que se rouban (eu teño un que alguén roubou nun cuartel), o libro que se volve ler (como me gusta redescubrilos!), a biblioteca que desaparece (a min ardéronme dúas: a miña e a do instituto), a importancia das pequenas cousas e as cousas pequenas... Cantas suxestións neste parágrafo de Goran Bregovic, que non me resisto a reproducir (podes ler aquí a entrevista enteira):
“Ao chegar ao hotel déronme un sobre que me deixaran de parte de Sábato. Contiña un libro, Sobre héroes y tumbas, e unha carta na que me pedía desculpas por non acudir ao concerto. Explicábame que a miña música o salvara en momentos de depresión. O curioso é que cando fixen o servizo militar en Nis, na época comunista, roubei da biblioteca do cuartel un exemplar dese libro. Tíveno na casa de Sarajevo durante anos e perdino. Coa guerra perdino todo, tamén a miña biblioteca. Podes empezar dúas veces a túa vida, pero non podes empezar dúas veces unha biblioteca. Todas as cousas grandes que me pasaron están guiadas por cousas pequenas que se volven grandes, como o libro de Sábato.”
Os obradoiros de Regueifas e os de Contacontos permitíronos acercarnos á construción ou recollida de textos e ás técnicas de cantar e contar, así como a diferentes funcións que desenvolvían ou poden ter dentro da sociedade.
Xaime López, Chispón, coordinador do proxecto “Unidos por el flow”, preséntanos unha singular experiencia desenvolvida durante catro anos en Barcelona.O cantar e o contar, nesta ocasión, van ser empregados (tamén) como vehículos de convivencia e integración entre grupos marxinados e moitas veces empurrados á violencia: moz@s pertencentes a Ñetas e Latin Kings entran en contacto, entre si e coa arte.
Na biblioteca...
Unidos por el flow : Latin Kings y ñetas junto a jóvenes de diferentes barrios de Barcelona unidos para mostrar su realidad --Barcelona :K. Industria Cultural, S.L., 2008. --168 p. : il. cor e n., 1 disco compacto + 1 DVD. ISBN: 978-84-612-7692-9
Unidos por el flow : Latin Kings, ñetas y jóvenes de Barcelona mostrando su realidad --Barcelona :K. Industria Cultural, S.L., 2008. --1 disco CD : + folleto il. cor
Conforme nos imos introducindo na figura de Don Ramón Aller, imos descubrindo o moito que descoñecemos do pai da astronomía galega. O venres pasado, Victorino Gutiérrez Aller, debullando lembranzas propias e alleas, foinos desvelando algunhas das súas claves familiares e persoais. Foi unha charla que perfilou o retrato de Don Ramón con trazo preciso, sen deixar de adobialo con saborosas anécdotas. Vai ser complicado sintetizala.
A familia.
O encontro de Camila Ulloa e Enrique Aller foi o de dúas persoas que “procedían de mundos moi diferentes” e que formaron unha perfecta “simbiose”, baseada nun “respecto mutuo total”. Ela, fidalga campesiña no sentido máis tradicional; el, xurista, intelectual e mesmo violinista. Para casaren, Camila impúxolle dúas condición ao seu pretendente: Aprobar notarías (fíxoo co nº 1 da promoción) e exercer como notario en Lalín (foino ata a súa morte).
En fin e en palabras de Victorino: a súa era “unha familia fidalga, non ilustre, pero ilustrada; conservadora, pero non reaccionaria; católica e liberal”.
Excepto Ramón, todos os varóns foron “xuristas, miopes e afeccionados ao naipe”
A biblioteca.
A casa de Filgueiroa albergaba “unha gran biblioteca”, na que ademais dos grandes da literatura, había mesmo “libros prohibidos” e, por suposto, a Gran enciclopedia hispano-americana.
Unha gran biblioteca que nutriu os apetitos intelectuais de Ramón e o habería converter nun grande humanista.
Don Ramón, a simple vista.
-->
Falou logo Victorino do seu tío dende unha perspectiva humana: a súa vivencia do sacerdocio, a súa cultura, a súa predilección e habelencia ás artes manuais, as súas dotes pedagóxicas, a súa aproximación ao galeguismo na compaña de Noriega Varela, Otero Pedrayo ou Vicente Risco...
Pero, escoitemos mellor a Victorino...
-->
Colofón: o máis fermoso agasallo.
Mal puidemos recoller nestas liñas a conferencia e peor podemos facelo para explicar o impacto final que nos tiña reservado o conferenciante. Quen segue as entradas que imos redactando sobre a exposición que temos sobre Ramón Aller sabe que gozamos do luxo de poder exhibir varios inéditos e manuscritos do sabio. Foi Victorino Gutiérrez quen nolo prestou e que, o venres, ao final da charla, anunciou que ...
Pensabamos que tiñamos algúns libros valiosos, pero agora temos... que temos? Como lle chamamos? Un tesouro? Como o imos administrar? Só somos unha Biblioteca Escolar! Estaremos á altura? A reflexión ten que ser máis longa e así o faremos. Mentres tanto, moitas graciñas, graciñas de corazón, Victorino!
Claro, estamos en vésperas de Entroido e a norma é subverter as normas. Pero a razón non foi esa. Tratábase de celebrar que remataba o obradoiro de Cont@s Cont@s con Celsiño e que mellor que xantarmos tod@s na Biblioteca. Ademais, así matabamos dous pombos dun tiro: tras catro sesións con Celso en horario lectivo, o profesorado comezaba a inquietarse co cerello das programacións e iso. E se as dúas últimas as faciamos pola tarde? As tardes non existen: clases, pasantías, adestramentos, confirmacións, ensaios no conservatorio e que sei eu cantas cousas máis. Ninguén ten tempo para nada. Pois ben, xantamos na Biblio e, conforme rematamos, dámoslle á tarabela con Celsiño. E meu dito, meu feito. Como a quen máis, quen menos, o cocido xa lle sae polas orellas, acordouse mandarlle unha italianada a por de pizzas, que os contos son de todos os lados e, da parte de Italia, tamén nos chegou algún. Polo demais, todo moi ben, isto de lle irmos descubrindo novas funcións á Biblio sempre ten o seu aquel. Aquí vai, xa que logo, a testemuña fílmica (imposible meter un contacontos nunha foto...), desa tarde na que, pola vontade duns rapaces que quixeron saber da materialidade do inmaterial, houbo pizzas e contos nunha biblioteca...
1. Agardando por Celsiño... (ou non?...)...
2. Chega o que tiña que chegar... (tómese nota do descenso decibélico respecto do video anterior...)...
3. Os contacontos tradicionais tamén beben cocacola... (MP dixit) 4. O elefante que non parece elefante pero qué é un elefante...
5. O que é a memoria inmaterial...
6. Celsiño le...
7. Os ánimos do canteiro...
[Próxima parada de Cont@s Cont@s: O 6 de marzo, ás 12.30 con Pinto de Herbón e Luís Caruncho]
-->Este venres, 20 de febreiro, Victorino Gutiérrez Aller impartirá unha charla sobre Os perfís humanos de Don Ramón Aller. Será na Biblioteca do Instituto, ás oito da tarde.
O acto enmárcase, dentro deste Ano Internacional da Astronomía, na serie de actividades orientadas á promoción da figura do sabio lalinense. Neste sentido, a disertación de Victorino Gutiérrez complementa a impartida, o xoves pasado, polo profesor Docobo, director do Observatorio Astronómica “Ramón Mª Aller Ulloa” sobre a dimensión científica do noso astrónomo.
Victorino Gutiérrez aproximaranos aos aspectos máis cotiáns da vida do pai da astronomía galega: o seu contorno familiar, as súas relacións coa veciñanza de Lalín ou coas grandes figuras do galeguismo, a súa habilidade para fabricar manualmente todo tipo de artefactos ou o seu empeño por lograr unha estrutura escolar na súa vila...