30 maio, 2022

Doenzas, en inglés

EXPOSICIÓN SOBRE DOENZAS MENTAIS E FÍSICAS NO IES ALLER ULLOA

Manuel Lombana, subdelegado do grupo, infórmanos sobre o que estiveron a facer estes últimos días nas aulas de Lingua Estranxeira Inglés:

Os alumnos e as alumnas de 1º de FPB do Instituto Ramón María Aller Ulloa, neste curso 2021/2022, na materia de Inglés, coordinados pola nosa profesora Saleta Fragueiro, fixemos diversos traballos para falar das enfermidades tanto mentais (depresión, ansiedade, alzheimer, problemas de alimentación e esquizofrenia), como físicas (cancro de pulmón e cancro de colon).

O noso traballo consta dunha serie de pósters elaborados usando as novas tecnoloxías así como material escolar, por exemplo cartolinas. Todos eles inclúen os síntomas dunha das enfermidades mencionadas, consellos para o doente así como unha dieta óptima a seguir.

O noso obxectivo é informar a todo o alumnado e profesorado do instituto sobre estas enfermidades e darlles visibilidade no contexto educativo.


Todo o alumnado de FPB1 obtivo un resultado positivo á hora de traballar nun tema que nos gusta e nos afecta directamente, a pesar de estar feito nunha lingua estranxeira. Aquí deixamos algunhas das nosas opinións:

“Gustoume moito facer este traballo porque aprendín sobre a enfermidade. Ademais axudoume a practicar o inglés. Sentinme moi a gusto traballando neste proxecto.” (Ángela)

“Facendo este traballo, sentinme moi ben, estaba a gusto eu soa. Aprendín cousas novas sobre as enfermidades. Axudoume moito para mellorar o inglés. Sobre a miña enfermidade aprendín cousas das que non tiña nin idea, pero rematei cun moi bo resultado.” (Anabel)

“Con este traballo sentinme moi ben cos meus compañeiros. Á parte diso, aprendín palabras novas que me poden servir para o futuro. Obtiven información a través da miña compañeira, que ten experiencias persoais, e algunha outra da internet.” (Andrea)

“Para nós foi unha experiencia única xa que puidemos saber máis sobre unha enfermidade que é moi coñecida e da que tiñamos moi pouca constancia sobre o que leva consigo vivir,  ou tratar cunha persoa que a padece.” (Uxía e Vanesa)

“Ao elaborar este traballo sentinme ben e aprendín a separar o persoal do laboral. Aprendín máis inglés do que sabía. Para a elaboración dos pósters, saquei a información, en gran parte, das miñas experiencias persoais e algunha da internet.” (Paula)








25 maio, 2022

Ao fío de... o concerto de AldaoLado

Xa temos as imaxes do concerto que as poetas Lucía Aldao e María Lado ofreceron ao noso alumnado. E como consecuencia da lectura da súa obra,  LAURA VÁZQUEZ, de 3º ESO, tamén se animou a escribir. Aquí vos deixamos as imaxes do concerto e o texto de Laura.

Tratando de encaixar todas esas pezas, que ti cubrías nun quebracabezas, mentres me quitaban a vendaxe que suxeitabas con delicadeza, fun caendo nunha profunda tristeza.

Cada vez que me dirixía ao penedo sen paracaídas, ti mirábasme con ese sorriso frío que cubría ese baleiro que te posuía por dentro.

Caricias, bicos, apertas, pero nunca palabras que me axudasen a saír desa escuridade que me consumía, aqueles paseos nos que sempre acababamos no mesmo sitio, actos que nunca vin, que rexeitaban a alegría que me consumía, sen darme conta do dano que me facías, aquelas bágoas que nunca vin e que crin; caín e a túa man desapareceu.

Estaba perdida, ignorei os meus guías, perdinme. Ao mesmo tempo que corría os quilómetros en balde que me causaban unha fonda pena, non me atopaba; berraba, non sabía onde estaba, buscándome naquel lugar ardendo, moitas mans axudándome que eu ignoraba.

Cambiáchesme, só me perdín nesa sombra na que percibía un cariño inexistente, coma o fume dun cigarro que non se acende.

Os meus pensamentos non se entendían cos meus sentimentos cos que te divertías. A venda dos ollos que me recibiu foi desaparecendo aos poucos, como a túa tentativa de vítima que fixeches cando marchei.

Delicadamente marchei con certeza pola viveza que vai ser engulida por ese tempo perdido.

Laura Vázquez


24 maio, 2022

Obradoiro de primeiros auxilios

O luns 16, o alumnado dos Ciclos Formativos participou no OBRADOIRO DE PRIMEIROS AUXILIOS impartido por Pepe Palacios Aguilar, profesor de Educación Física e Deporte na Universidade de A Coruña. 

A actividade centrouse na actuación que debemos ter ante unha parada cardiorrespiratoria. O obxectivo era concienciarnos sobre a importancia dunha pronta e eficaz intervención: no caso de parada só dispomos de cinco minutos de reversibilidade, polo que o papel da primeira persoa que interveña marcará a diferenza entre un final fatal ou unha posible reanimación.

"O 60% das mortes súbitas de orixe cardíaco ocorren no domicilio ou no lugar de traballo. A evidencia científica avala a importancia da activación precoz da cadea de supervivencia para tentar reverter a parada cardíaca e o comezo inmediato da RCP básica e o uso precoz do desfibrilador", comentábanos Pepe Palacios.

Todos os participantes, tanto profesorado como alumnado, puidemos realizar as prácticas sobre un control rápido de danos e sobre como actuar segundo as distintas situacións coas que nos podemos atopar. A seguir, aprendemos a usar un desfibrilador.

Luísa Areán Taboada, profesora de FOL








23 maio, 2022

Talleres musicais: ecopercusión e novas tecnoloxías

 Maio tróuxonos o bo tempo, e Ecopercussión  puxo o ritmo. 

O Departamento de Música organizou un par de obradoiros simultáneos para todo o alumnado de 2º e 3º da ESO. Uns caldeiros vellos de pintura e tres ou catro bidóns reutilizados convertéronse en instrumentos de percusión. 







21 maio, 2022

AldaoLado en concerto

Que mellor maneira de rematar a SEMANA DAS LETRAS GALEGAS que cun recital de AldaoLado. María Lado e Lucía Aldao viñeron a Lalín, invitadas polo ENLG, o Dpto. de Galego e a Biblioteca para que os nosos mociños e as nosas mociñas que leran Ninguén morreu de ler poesía as puidesen ver e escoitar en directo. O aforo derivado do protocolo Covid fixo que o salón de actos do instituto quedase pequeno e pedimos prestado o Salón Teatro por unhas horas.
O alumnado de 3º de ESO, FP Básica e 1º do Bacharelato puido gozar do espectáculo poético musical que estas dúas poetas ofrecen, facendo un repaso tamén da dialectoloxía do noso país e algunhas cuestións gramaticias como a colocación do pronome átono, sempre con humor e ironía.

Á espera da crónica que está a preparar o alumnado, e das imaxes que nos acheguen, deixámosvos o cartel anunciador da actividade.