16 novembro, 2023
11 novembro, 2023
Coa nosa xente : Aitana Iglesias Rodríguez
Ao fío da inauguración da exposición Mans frías no Espazo Xove da Casa da Cultura de Lalín traemos hoxe á sección Coa nosa xente a Aitana Iglesias.
![]() |
| Aitana entre Carlos Santos e Paío na presentación da exposición |
Nesta súa primeira exposición individual, Aitana contou como mestres de cerimonia cos artistas Paío e Carlos Santos. Paío, nun breve discurso laxeiriano, animou a Aitana a escalar “a fermosa montaña da arte...”. Mentres que Carlos Santos fixo unha breve análise pictórica dalgunhas das obras expostas como síntese caracterizadora do labor artístico de Aitana.
Por parte, Aitana cualificou a súa obra de investigación para atopar algo, non tanto un estilo, palabra esta que non me gusta, porque creo que resulta aburrido facer sempre o mesmo.
A exposición amósanos a través de case unha trintena de obras o proceso evolutivo da artista que abrangue o período comprendido entre a súa estadía formativa en Bilbao e a actualidade. Son creacións figurativas sobre diferentes soportes, que se poderán ver ata o 16 de decembro.
Máis información sobre o evento en La Voz de Galicia
Moitos parabéns Aitana.
A seguir a nosa Aitana cando o 2º do Bacharelato:
![]() |
| Aitana no curso 2016-17. Copyright IES Aller Ulloa |
09 novembro, 2023
Conte avec moi
08 novembro, 2023
Tarabelos I, masculino singular
Como seica unha imaxe vale máis ca mil palabras, aquí vola deixamos:
![]() |
| De esquerda a dereita, nos micros, Pablo, David V., Íker, Mateo e Samuel. Ao ordenador e mesa de misturas, David F. Fabio e Martín. |
Desde Bibliotecas escolares de Galicia levan uns aniños incidindo en que debemos publicitar a lectura entre os homes, porque parece que ler é cousa de mulleres. E tamén nos animan a experimentar coa Radio na Biblio, e como na Mario Pereira somos guiadiños fixémoslle caso. E o resultado é este club de lectura de 3º ESO, os nosos Tarabelos I, 9 rapaces (na imaxe falta José Antonio) que neste curso non só lerán e comentarán, senón que xa están investigando, posto que forman parte do Proxecto Interdisciplinar do grupo de traballo da Biblioteca.
As portas dos nosos clubs están abertas todo o ano, así que se vos animades, achegádevos á Biblioteca e apuntádevos, hai sitio para todos: alumnado, familias, persoal docente e non docente... Os mércores reunímonos ABCD, Tarabelos I e II. As familias e os traballadores do centro farémolo cada dous meses.
E as lecturas? ABCD comezou cunha selección de relatos curtos; Tarabelos I anda a voltas coas vacas; Tarabelos II escolleu teatro; Liches este? optou por Verde en el tejado, de Silvia Santiago; e LeA Casa, levou A culpa, de María Solar, para o verán e agora xa está con Ceniza en la boca, de Brenda Navarro.
31 outubro, 2023
A química do Samaín
Xa no ano 2013, desde o CEIP Antonio Insua Bermúdez (Vilalba) nos explicaban que os nosos devanceiros celtas (ou castrexos) honraban a deidade SAMAÍN o día 1 de novembro. E unha das crenzas que parece que tiña este pobo era o poder máxico das cabezas dos seus inimigos: eran defensivas, podían emitir cánticos celestiais e mesmo berros arrepiantes.
Se misturamos estas crenzas coa festa america do Halloween, na que os mortos volven ao mundo dos vivos o Día de todos os santos, xa temos as cabazas convertidas en aterradoras cabezas humanas.
Pero non imos falar só de cabazas, que hai das castañas dos nosos soutos? Este ano a climatoloxía non lles prestou e os bechos estragáronas bastante. Aínda así, na Mario Pereira quixemos deixar unha pequena mostra da boa colleita dezá, e explicarvos por que hai que amosegalas para que non estoupen ao asalas.
Grazas á Sociedade Xuvenil Galega de Química por prestarnos os seus carteis e permitirnos entender "A química do outono". Se queredes saber máis, pasade pola nosa Biblioteca e levade en préstamo algún dos nosos libros sobre Química.























