08 setembro, 2025

Profesor Cañoto


Fixo o ingreso en 1954. En 1971, incorporouse como profesor de educación física.

Comezou no oficio alá nos tempos en que os alcumes dos profes obedecían aos afiados criterios de elaboración e selección que a cultura agraria esixía (o instituto era o centro da comarca de Deza, ampla e rural).

Irreverente, librepensador e nadador contra corrente, Cañoto deixaba asexar -ocasionalmente- a Brandido (Ese canta ben, ten unha voz rouca como a miña -eloxiaba Leonard Cohen) ou a Javier: Mario, se me recordan por algo neste instituto, é por esas árbores que plantei -confioulle a fozabibliotecas, ao pouco de plantar con Benito, o seu compatriota galadhrim, as árbores que hoxe flanquean, orgullo de noso, os campos de deporte do instituto.

Non hai adeallo con solidez abondo como para protexernos todo o tempo e a Javier Brandido Taboada non lle quedou outra que descubrirse como home de firme formación académica e de extraordinaria sensibilidade persoal e social.

Ao abeiro da norma que permitía ao profesorado con titulación adecuada exercer como Orientador, el, durante décadas profesor de educación física e licenciado en psicoloxía, converteuse no primeiro orientador do instituto.

Ás vinchas coas máscaras protectoras! Desde a súa nova función, atendeu os problemas individuais que o requerían, organizou actividades de formación para o profesorado e entendeu, coma ninguén, que os problemas aos que se enfrontaba tiñan unha raíz psicosocial e que só se podían atender desde a creación dunha ampla rede que se estendese moito máis alá das protectoras, pero limitantes paredes do centro. Nacía ASPADEZA.

ASPADEZA, exemplar e emblemática, está a piques de cumprir vinte e cinco anos. ASPADEZA garda, mellor ca nós, a memoria do seu impulsor e primeiro presidente. As árbores que plantei, Mario, as árbores que plantei -escribo e non seco as bágoas.

Grazas, ASPADEZA, vós sabédelo facer mellor.

FOTO: Ramón Leiro. La voz de Galicia.

Amigo, compañeiro Brandido, noso de nós!

09 xuño, 2025

Mulleres na diáspora. Todas e todos somos migrantes



Estes dous vídeos conforman o Proxecto Interdisciplinar "Mulleres na diáspora" no que traballou este curso 24/25 o alumnado de 3º e 4ª da ESO, e do 2º curso de FP Básica, coordinado polos seus profesores de Debuxo, Lingua Castelá, Lingua Galega, Matemáticas e Música. 

O seu obxectivo é amosar o actual fenómeno inmigrante como unha realidade compartida por toda a comunidade educativa lembrando, con orgullo, o noso pasado recente como emigrantes galeg@s.

Entender a migración coma un feito universal. Facelo desde a empatía, o respecto e a solidariedade e valoralo tamén coma unha oportunidade enriquecedora.

Hai  nada nós, os galeg@s, eramos tamén migrantes.

Debemos lembrar para non esquecer pero tamén para comprender.  

29 maio, 2025

XI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : o libro

 



Un ano máis comprácenos anunciar a edición do libro cos textos premiados e os finalistas no XI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada, con ilustracións achegadas por alumnado de 1º do Bacharelato de Artes.

Agardamos que vos preste a lectura así como as ilustracións complementares.

A seguir o libro dixital:


28 maio, 2025

Avaliación da Biblioteca Mario Pereira

 

A biblioteca non é un espazo para gardar libros, a biblioteca é o conxunto de lectores e o uso que dela fan. Como usuario da nosa biblioteca escolar, a Biblioteca Mario Pereira, do IES Ramón María Aller Ulloa, pedímosche que nos axudes a mellorala.

Pica na ligazón e responde con sinceridade.

https://docs.google.com/forms/d/1yGCcXyOtHzLCILzS8hUrL00qLjtLXJRDnhD_0K69CPM/edit?pli=1