Desde o PFPP do IES Aller Ulloa seguimos a compartir experiencias bibliotecarias. Se o mes pasado nos visitaron as compañeiras do CEIP Plurilingüe Nosa Señora da Piedade, esta vez fomos nós os que nos desprazamos ata o IES de Celanova para, da man de Isidora Gil, ver as últimas reformas da Biblioteca e mellorar os nosos PDIs. A seguir, unha breve crónica, da man de María Armada, e fotografías de Mari Ruzo e Jose Rey.
"É curioso cando alguén che di que a formación está vinculada a un espazo concreto, acostumados como estamos a que unha creación audiovisual substitúa a presencialidade. Non é máis lóxico que o docente se desprace ata o noso centro e nos explique o que se fai alí? pensaba erroneamente. Dende o primeiro momento, a coordinadora do noso equipo, coñecedora do centro e do seu traballo invalidou dita opción.
Ao entrar ao IES de Celanova enténdese todo: non parece un centro educativo, do que moitos, para que negalo, ás veces queremos escapar. Sentes como un privilexio a oportunidade de ter habitado por unhas horas nese lugar. Como se o talento de todos os que contribuíron á creación de espazo estivese presente. Para a nosa sorte, e especialmente para a poboación de Celanova, o talento segue vivo e cheo de entusiasmo. Os traballos dos alumnos engalanando o corredor eran mostra recente do mesmo."
Ningún comentario:
Publicar un comentario