Amosando publicacións coa etiqueta 25-N. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 25-N. Amosar todas as publicacións

23 novembro, 2023

25 N : Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Conmemoramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, sempre coa esperanza de que sexa o derradeiro, coa exposición no vestíbulo do IES de Un ano de violencia de xénero. Unha escolma de novas sobre a violencia de xénero publicadas na prensa durante o ano, de cara a nos concienciar sobre esta terríbel lacra social. Exposición idea da profesora Alba Payo en colaboración coa Biblioteca.


Así mesmo, desde a Biblioteca facemos un chamamento a que vos unades á campaña 2023 para a prevención da violencia contra as mulleres e as nenas #Non hai escusa, promovida pola ONU.

A seguir unhas fotos da exposición que semella un bosque temático sobre a violencia de xénero:

 












 

Outrosí, recomendamos o visionado de No es un sí, vídeo realizado polo Instituto Navarro para a Igualdade:
 


Se queredes escoitar estes titulares picade na ligazón (alumnado de 1º e 4º de ESO) da nosa Radio na Biblio.

26 novembro, 2022

Ao fío de... 25 N

Pasou o día... e esperamos que as actividades levadas a cabo polo alumnado de 4º da ESO A e C e 1º do Bacharelato servisen para concienciar da necesidade de acabar coa lacra do maltrato contra as mulleres.

O primeiro en mostrar o seu traballo foi o grupo de 1ºC, coordinado pola profesora de Lingua e Literatura galegas, Uxía Nogueira. Unhas cartolinas recollían o nome das mulleres asasinadas neste 2023 e un dato sobre a súa morte que, a cada un deles e cada unha delas, lles pareceu estarrecedor. Lían en voz alta o nome da muller e colocaban a cartolina sobre unha cadeira baleira, simbolizando deste xeito esas 40 vidas arrebatadas no que levamos de ano.

A continuación, o grupo de 4º da ESO C, coordinado pola profesora de Xeografía e Historia, Alba Payo, leu unha selección de textos narrativos e poéticos nos que se denuncia a violencia machista exercida contra as mulleres. Podedes ver a escolma neste enlace.

Finalmente, as rapazas de 4º da ESO A, guiadas pola profesora de Inglés, Saleta Fragueiro, leron as cartas que elas mesmas escribiran, dirixidas a persoas, ficticias ou non, do seu contorno: nais, irmás, amigas... posibles vítimas desta lacra social. Algunha das misivas fixo que os ollos do público se embazasen de emoción, dor e rabia.

Aos que nos ledes, aínda que non puiderades estar alí, só vos queremos dicir o mesmo que Saleta lle pediu ao noso alumnado: "Rapazas: querédevos moito, respectádevos e facédevos querer e respectar. Rapaces: confiamos en vós"

Deixámosvos aquí algunhas das fotografías que a profesora do Dpto. de Artes, Mari Ruzo, nos fixo chegar. Os lazos son traballo do voluntariado da Biblioteca e da profesora de Bioloxía Ana Penas, e do son encargouse o profesor de Inglés Manuel Conde.
















25 novembro, 2022

25 N : Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

Un ano máis, como cada 25 de novembro, celebramos o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, sempre coa esperanza de que sexa o derradeiro. E facémolo lembrando as vítimas da violencia de xénero, mulleres anónimas, que polo feito de seren mulleres sufriron a terríbel lacra da violencia machista. 

A Biblioteca faise eco das diferentes actividades a desenvolver para conmemorar o 25N:

Cadeiras baleiras, por 1º Bach C
Cartas contra a violencia, por 4º C 
Voces poéticas e narrativas contra o maltrato, por 4º A

A maiores, desde A Marela, propoñémosvos contra a violencia de xénero dúas suxestións:  A breve escolma poética e narrativa, Voces contra a violencia de xénero

A curta de animación Teatro de la injusticia realizada polo Instituto Navarro para a Igualdade e o Concello de Ansoáin.