24 xaneiro, 2024

Marela BD: 1500 entradas


Esta semana a Marela BD completou 1500 entradas (con máis de 5000 ligazóns e referencias críticas) que se corresponden cos 2040 rexistros de banda deseñada do noso catálogo. O blog naceu no curso do 2012/2013 para responder a unha reconsideración da BD na biblioteca e no proxecto lector.

Ata entón, dispoñíamos dunha pequena colección formada por aluvión, sen ningún tipo de directriz. Procedía de doazóns institucionais e, mesmo, persoais, de promocións de xornais ou ofertas editoriais, de adquisicións do Equipo de Normalización ou dalgunha petición concreta do profesorado, ben atendendo a gustos persoais, ben a usos concretos e esporádicos na aula.

O resultado era unha colección descompensada, con moi boa presenza de BD en galego, dalgúns clásicos da liña clara (Astérix, Lucky Luke e Tintin) e de personaxes de Bruguera (especialmente, Mortadelo e Filemón), pero pouco máis.

Naquela altura o PL permitinunos condensar unha serie de propostas para o uso da BD, para iso cumpría ampliar e equilibrar a colección, na procura de, por unha parte, termos ben representados os grandes xéneros e autores do medio e, por outra, cubrirmos un amplo abano de necesidades que van desde a lectura lúdica ou material de apoio para diversos contidos curriculares, ata material fundamental para as competencias plásticas e audiovisuais.

Para iso, partimos de dúas seleccións (unha elaborada polo Equipo de Apoio, outra polo autor Fran Bueno) que fomos completando pouco e pouco. Cuantitativamente, significou que arredor do 2012/2013 adquirimos 220 volumes (había 328).

A necesidade de manter información directa e constante (con alumnado e profesorado) sobre o medio, convidounos a deseñar o blog Marela BD.

Hoxe, a Marela BD é case un catálogo en liña que nos axudou sistematizar o fondo e as necesidades e nos permite aproximacións críticas ás obras.

Ningún comentario: