12 abril, 2025

Boa vía, profesor Hermida

Foto cedida pola familia

Hoxe deixounos, aos seus 96 anos, o profesor José Luis Hermida.

Profesor do Instituto Ramón M. Aller Ulloa desde 1954  ata a súa xubilación, foi un excelente compañeiro que dilatou o seu maxisterio moito máis alá das súas clases de electricidade.

Con el aprendemos a entrega colaborativa e a achega a toda actividade para a que o requerían os diversos departamentos. El era o fotógrafo que, en actividades extraescolares, ofrecía os seus coñecementos ao alumnado interesado no encadramento ou no revelado; el era o sempre disposto operador que botaba as películas (case sempre de francés) naquel histórico proxector de 16 mm; el era a xenerosa pericia que nos arranxaba calquera trebello que a nosa torpeza derramaba a cada pouco; el era o paciente profesor que sumou miles de horas de afabilidade na biblioteca; el era o xesto cordial que en momentos tensos nos devolvía á tranquilidade e á reflexión.


Ese sorriso, ese da foto, acompañounos moito tempo e ben describe a súa condición de home bo e profesional íntegro.

Boa vía, profesor Hermida.

Ningún comentario: