27 abril, 2010

Literatura de cordel: Lalín éche o demo

Non é raro que, ao encerellármonos nun tema, atopemos algún documento de moito interese. A satisfacción, neses casos, é grande porque pensamos que, desde a Biblioteca Escolar, sempre podemos colaborar na recuperación de documentos relacionados coa nosa contorna inmediata.

Esta vez tocoulle a un “cantar de cego” de sete estalos. Aínda que xa fora interpretado antes por Paío e Willy, editouse en 1988, dun xeito moi limitado.

Os “títulos de crédito” de Lalín éche o demo  son de luxo:
Texto: Luz Méndez
Debuxos:  Damián Payo, Paío
Prólogo: Xosé Payo
Capa: Laxeiro
Contracapa: Aymerich

Iso por non mencionar os “figurantes” que aparecen en varias escenas. Uns son recoñecibles en clave lalinense, outros en clave algo máis ampla: parádevos na páxina 8, por exemplo, e teredes a aparición de Cuíña e Rajoy cando “camiñaban xuntos”.

Podes descargar Lalín éche o demo en PDF 

15 abril, 2010

III OLIMPÍADA DO SABER: CLASIFICACIÓN FINAL E MATERIAL

-->
Tras o sabor agridoce que nos quedou o curso pasado, este ano estamos moi contentos da participación na Olimpíada do Saber. Tanto en cantidade, como en calidade, o comportamento dos grupos foi o mellor das tres edicións que levamos.

Por iso, os nosos parabéns para participantes e gañadores, este ano, son dobres.
Velaquí a clasificación final dos dez primeiros.

Por outra parte, quen teña interese pode consultar as probas que se foron sucedendo desde o 25 de xaneiro ata o 19 de marzo, aquí están:

12 abril, 2010

Encontros con... Pablo García Martínez

O xoves 22, ás 9 da tarde, na Biblioteca, Pablo García Martínez (Arzúa, 1985) presenta a súa primeira novela Relato dun estalido xordo.

Con el,  Pablo García obtivo o “V Premio Biblos Pazos de Galicia”. Este interesante proxecto está destinado a narradoras e narradores menores de 25 anos.
Conforme ás bases do premio, na redacción definitiva, o premiado conta co apadriñamento dun nome consolidado da nosa narrativa... Neste caso, Pablo García contou coas suxestións de  Manuel Rivas.

A historia desenvólvese nunha vila da Galiza interior, arredor dun grupos de mozos e mozas que, durante a troula dunhas festas patronais, debullan os seus condicionamentos xeracionais.

“Con cada conto deixamos ir un petisco de vida, mais isto non é drama ningún cando os sementamos para que vaian prendendo noutras conciencias”