03 outubro, 2013

Á busca do tempo perdido. 100 anos.

Páxina manuscrita, dixitalizada pola BNF

Estamos a piques de celebrar o centésimo aniversario da publicación de Du côté de chez Swann, o primeiro dos sete tomos de À la recherche du temps perdu. Aínda que Marcel Proust comezou publicando diversos fragmentos en Le Figaro, en 1912, non será até novembro de 1913 cando saia do prelo o volume inaugural.

Para celebralo, a BNF dixitalizou os manuscritos de toda a obra e ponos á nosa disposición

A nós parécenos unha boa ocasión para ler (ou volver ler) a grande obra de Proust e, dado que Xesús Riveiro Costa nos agasalla coa súa tradución de Pola banda de Swann desde Bivir, a biblioteca virtual (descarga en PDF) da Asociación de tradutores galegos, case quedamos sen escusas.
-

04 setembro, 2013

Gustaríame crer..., por Carl Sagan e Gavin Aung Than






Volven resoar con maior intensidade os tambores de guerra. Cómpre non demaiarmos e sumar palabras (con debuxo, neste caso) por se, algunha vez, son ouvidas.

Noutra ocasión xa vos comentamos a nosa relación con Zen pencils. Gavin Aung Than, o seu autor, refírese a Carl Sagan como "o profesor que nunca tivo" e el mesmo nos explica que a cita que inspira esta historieta inclúese nun artigo da revista Parade, de 1996. Carl Sagan finou o 20 de decembro dese ano e redactou o artigo no hospital, ás portas da morte.

Sumemos palabras.


Uploaded with ImageShack.us
 
 [A tradución é de Manuel Conde]

24 xuño, 2013

Arte e ciencia


Se boa idea é O día da ciencia en galego, boa o é tamén a de dedicárllelo a varios temas e persoas.

Este ano tócalle á Arte e á Ciencia e á Estatística.

As persoas lembradas serán Isaac Díaz Pardo, Richard Buckminster "Bucky" Fuller e Florence Nightingale.

A pesar de que aínda falte un chisco para o 4 de novembro, imos mirando algo para rillarmos polo verán. Con esa idea recollemos este vídeo co que demos no magnífico Principia Marsupia:



13 xuño, 2013

Permanentemente, Pico


Deixounos o home. Escolleu este ano que quería ser o ano do teatro.

Podes lembrar a súa ampla obra.

Tamén a través de 18 vídeos, ofrecidos polo CCG.

De entre todos os seus traballos, nós temos que esmelgar esta caracterización:

Pico como Don Ramón en Ramón María Aller, astrónomo de J. A. Docobo
  
Xosé Manuel Olveira, graciñas por todo.


15 maio, 2013

O zoom infindo de Mad Meg



Ollade con atención cada detalle, e buscádevos entre os trazos de tinta chinesa deste cadro, seguro que vós estades nel, dentro del, amando ou odiando, copulando ou cantando, loitando ou corrompéndovos, vivindo ou morrendo, resucitando ou atravesando o espazo coma un cometa aloucado.


Preme aquí, para velo en detalle e interactuar con el
Pechado representa a creación do mundo, aberto vemos o mundo: Paraíso, sexo-luxuria e inferno. É outra volta ao Xardín das Delicias, aquela obra de Hieronymus Bosch, El Bosco (1504), e que como aquela agocha tanto misterio como simbolismo, tanta imaxinación como visión clara da realidade.

E agora (RE)mirade con atención a obra de Mad Meg, (o de 12 carnets de digestions) unha versión na que “ese famoso cadro toma un novo aspecto, o da sociedade do século XXI esmagada polo peso do capitalismo e o impacto das multinacionais que dirixen o mundo.

Ollade aparecer unha multitude de imaxes dispostas arredor do tríptico central, como se fora o xogo da oca. Abaixo, á dereita, a historia comeza: vemos unha serie de fotos do artista pintando, nunha delas suxeita un ramiño cos segredos dos experimentos farmacéuticos.

Decatámonos de que as zonas grises do cadro son en realidade frases escritas en minúscula sobre temas comprometidos: historias de retrovirus, do tratado ACTA, de cabaleiros, de liberalismo económico...


Zoomerxirse, zoomgullarse, pechar prexuízos, abrir perspectiva, lanzarse cos ollos transparentes, os contadores a cero, saltar ao mundo...

Ollade, ollade ben e buscádevos: todos estamos dentro!!!


-