09 marzo, 2021

8M. A historia en feminino : 13 mulleres con coraxe

Hoxe foi un día moi especial. O instituto recibiu co gallo do Día Internacional da Muller un grupo de 13 mulleres con coraxe coa idea de fomentar a educación en igualdade de cara á eliminación das diferenzas de xénero.  

Unha instantánea das 13 mulleres

 A actividade
, 13 mulleres que escribiron a historia en feminino, resultou todo un éxito. Moita foi a expectación e moitas as ganas do alumnado por coñecer a historia destas trece mulleres. As profesoras caracterizadas de Rosie, a Remachadora, Elisa e Marcela, Simone de Beauvoir, Rosalind Franklin, María Blasco, Chimamanda N. Adichie, Cigarreira da Coruña, Teodora I, As dúas Marías, Maruxa Mallo e Marjane Satrapi foron de aula en aula transmitíndolle ao alumnado que o feito de ser muller require de moita coraxe.

Moitas grazas a todas e moitos parabéns pola iniciativa, e que siga.

En breve achegaremos unha completa reportaxe da actividade.

Encontro con María Sánchez : o acto

Hoxe tivo lugar o programado Encontro en liña con María Sánchez ao fío das actividades organizadas para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, con alumnado de 1º do Bacharelato e 4º da ESO integrante do Club de Lectura.

Un momento do relatorio de María Sánchez
 

María Sánchez faloulles do seu libro "Tierra de mujeres", que o Club de Lectura leu, asociado ao tema "O rural das mulleres ".

A seguir unhas instantáneas do encontro, nas fotos vemos as profesoras Lara Rodríguez e Carme Frade caracterizadas de Elisa e Marcela:




 

O Encontro complementouse cun mural sobre o libro "Tierra de mujeres", elaborado polo Club de Lectura.



 O acto foi organizado polo Club de Lectura e coordinado por Adriana Iglesias e Lara Rodríguez.

08 marzo, 2021

8 de marzo

Día Internacional da Muller

No marco das actividades conmemorativas do 8 de marzo, recuperamos material que sobre "Mulleres na historia" elaborou no seu momento alumnado da ESO coordinados polo profesor Santiago Cerviño.

 Así mesmo, expoñemos as viñetas da novela gráfica “Elisa e Marcela” de Xulia Vicente que o Consello da Cultura Galega ofrece en aberto.

Para máis información visita a MarelaBD


 





05 marzo, 2021

Encontro con María Sánchez

Encontro en liña con María Sánchez ao fío das actividades organizadas para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.


 
Acto organizado polo Club de Lectura e coordinado por Adriana Iglesias e Lara Rodríguez.

04 marzo, 2021

8M : Coa nosa xente

Sempre nos congratula o éxito persoal da xente de noso, como neste caso Verónica Ledo Lançao, Natalia González Coego e Rocío Fernández González que ao fío das actividades conmemorativas do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, veñen de ser galardoadas, Verónica e Natalia no apartado de Empresaria Innovadora e Rocío no de Mulleres en Movemento.

Foi en xullo do pasado ano cando Natalia e Verónica decidiron montar Educalecrín S. C., empresa dedicada a impartir formación sobre o medio ambiente e cuestións sociais, destinada a todas as idades.

Podedes ler a entrevista que concederon a La Voz de Galicia.

Natalia e Verónica en plena natureza (Foto : Martín Granja. Faro de Vigo)
 

Canto a Rocío, leva xa 20 anos traballando para a empresa GSI, fomentando a igualdade nun sector moi masculinizado como o é o de subministracións industriais.

Rocío nas instalacións de GSI. Foto: Bernabé/Javier Lalín. Faro de Vigo

Recibirán as distincións no Salón Teatro de Lalín, que acollerá ás 20:00 horas do 8 de marzo a entrega dos XV Premios Maruja Gutiérrez 2021.

Moitos parabéns ás tres.