Amosando publicacións coa etiqueta Encontro con. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Encontro con. Amosar todas as publicacións

21 maio, 2024

Encontro con Eva Mejuto

 

E seguimos coas actividades do MES DAS LETRAS. Desta volta foi Eva Mejuto a que se achegou ao noso centro para irnos debullando a creación dunha obra literaria. 

O alumnado do 2º ciclo da ESO xa lera Memoria do silencio e A ladroa da biblioteca de Meirás, polo que xa coñecían o argumento, pero, como se escollen os personaxes principais dunha historia? Por que a autora lle dedica máis tempo, máis páxinas, ou crea con máis profundidade un personaxe e non outro? Como lle chegan a ela as historias que logo recrea? A todo isto foi respondendo no seu coloquio co alumnado.


Pablo Pérez na súa presentación da escritora






13 marzo, 2024

Encontro con Belén Montesa Lou

BELÉN MONTESA LOU, psicóloga do grupo Coidados-a-mente, estivo na Biblioteca do IES Ramón Mª Aller Ulloa, compartindo co profesorado unha charla sobre "educación sexual, e a promoción do respecto pola diversidade no entorno dixital no que se moven hoxe os mozos e as súas familias".

Como docentes, xórdennos, a diario, dúbidas e situacións que non sabemos solventar. A sexualidade é un dos temas que máis preocupa ao noso alumnado; segundo Belén Montesa, mesmo está entre os cinco primeiros. E nós, como profesorado, atopámonos cunhas etiquetas que non son máis ca iso, un nome sobre un papel. E que podemos ou debemos facer cando un adolescente require a nosa axuda? Aínda sen sermos especialistas, podemos ser a primeira persoa coa que queira falar, e para iso necesitamos unhas ferramentas mínimas.

A seguir, unhas fotos do grupo de traballo do PFPP, asistindo á ponencia de Belén Montesa, e algunhas das imaxes coas que traballou.












29 febreiro, 2024

Microtoponimia de Lalín

 

Este mércores 28 o profesor Xoán Carlos García Porral trasladouse ata o noso centro para explicarnos algunhas cuestións básicas sobre a  toponimia do concello de Lalín.

Deste xeito, o alumnado de 2º de ESO,  achegouse á orixe dos microtopónimos, a súa clasificación e o seu valor como patrimonio inmaterial e elemento identitario. Zootopónimos, antrotopónimos, orotopónimos, hidrotópónimos... que se van perdendo cos cambios socioeconómicos que estamos a vivir: dos estragos da Concentración Parcelaria ás desfeitas dos eólicos. Nomes de leiras e camiños que nos axudaba a comprender a historia recente da nosa contorna e que, inexorablemente, se van esquecendo.

A actividade enmárcase dentro do Proxecto da biblioteca "Lalín, a vila das mil vacas", coordinado pola profesora Carmen Frade e co que este alumnado estivo a traballar a relación da toponimia lalinense coa actividade agropecuaria.







23 maio, 2023

Encontro con... Fernando Fernández

Francisco Fernández del Riego, autor homenaxeado este 17 de maio, foi un dos máximos responsables da fundación e posterior desenvolvemento da Editorial Galaxia, alá polo ano 1950. Ese 25 de xullo marcaría un antes e un despois na nosa literatura. Un longo e duro camiño para os nosos escritores, especialmente ata os anos 80; a partir de aquí as cousas cambian, a democracia e a oficialidade da nosa lingua propician un fervedoiro de escrita, publicacións, editoriais... E tamén un cambio na relación de "Don Paco" (como o coñecían os traballadores de Galaxia) coa xente da Editorial, máis centrado na Fundación Penzol. Pero nos últimos anos da súa vida volveu retomar ese contacto directo, esas visitas á xa nova sede da Editorial.

De todo isto, e do trato directo co Fernández del Riego home, foi do que nos falou onte Fernando Fernández González, traballador da Editorial Galaxia ata que a pandemia o animou a prexubilarse, para seguir sendo o que sempre foi, un autentico dinamizador cultural.

Mentres o alumnado non nos achega as súas recensións do encontro, deixámosvos unhas imaxes do mesmo.







01 maio, 2023

Encontro con Orgullo Galego

En maio do 2022 esperabamos a Borxa González, membro de Orgullo Galego, para un encontro co alumnado do segundo ciclo da ESO, arredor da temática "O galego e as redes sociais", mais a Covid-19 aínda nos quixo xogar outra mala pasada e Iago non puido reunirse co noso alumnado.

Neste 2023 convidámolo de novo, e mañá, 2 de maio, estará con nós, entre as 11:00 h e as 14:00 h, para que o noso alumnado poida aprender algo máis e resolver dúbidas e curiosidades. Con esta actividade inauguramos o "Mes das Letras" no Aller Ulloa.



23 marzo, 2023

Encontro con... Mónica González Otero

O mércores 22, tivo lugar, no IES Aller Ulloa, un encontro do alumnado da materia de Formación e Orientación Laboral dos ciclos formativos con Mónica González Otero. Esta inspectora de Traballo e Seguridade Social comezou por explicar como está organizada a Inspección, cal é o cometido da mesma e como levan a cabo as súas actuacións, resaltando o papel de servizo público da ITSS.

Logo da presentación inicial, continuou comentando que é un corpo moi minguado no que non se acada, nin de lonxe, a media da ratio europea de persoas inspectoras e subinspectoras, o que fai que algunhas das súas funcións, como a de asistencia técnica, e as actuacións por iniciativa propia apenas se poidan desenvolver.

Na última parte do acto, relatou algunhas das actuacións persoais que quedaron máis fixadas na súa memoria, ben por térense desenvolvido en ambientes empresariais conflitivos, ben pola aprendizaxe que supuxeron ou por presentar algún reto para ela.

Para rematar, fixo unha reflexión sobre a importancia da protección da saúde psicosocial no traballo incidindo na problemática do acoso sexual e por razón de sexo, ilustrándoo co acontecido no penoso "Caso Iveco".




Crónica, cartel publicitario e imaxes a cargo de Luísa Areán Taboada, profesora de FOL.

18 xaneiro, 2023

Ao fío de... Encontro con Ángela Fernández Da Silva

A través do programa "A ponte" da USC puidemos coñecer un pouco máis sobre a nosa historia recente, concretamento acerca do nacemento da extrema dereita en España e os porqués dalgúns aspectos que descoñeciamos, como a súa tardía aparición no noso territorio ou a relación cos partidos de dereita do resto de Europa. Pero, que mellor que a opinión do alumnado que asistiu á conferencia?

"No día de hoxe impartiuse no IES Ramón Mª Aller Ulloa unha charla sobre a ultradereita en España aos rapaces e rapazas de Bacharaleto. Nós estamos a piques de poder votar, e por iso é necesario que teñamos uns coñecementos básicos sobre a política e as opcións que temos. Por iso penso que son necesarias este tipo de charlas obxectivas"

"Pareceume unha charla moi interesante xa que, ademais de informarnos dun tema tan importante e actual na nosa vida, foi moi obxectiva. Penso que debería haber máis actividades deste tipo para que á hora de votar sexamos conscientes do tipo de vida que estamos escollendo"

"Esta actividade pareceume interesante e útil, xa que axuda a concienciar os futuros votantes do que realmente escollen. Permite que non queden só coa parte boa do partido, senón que tamén sexan conscientes do que de verdade defende o colectivo escollido".

"Penso que deberiamos recibir charlas de diferentes ideoloxías, non só dunha. A maneira de expoñer as ideas do partido estivo ben, pero non debería falar só dun. Un partido retrógrado, que non avanza ao longo do tempo e ten a súa base no fascismo non debería ser base para charlas no instituto, porque nos mostra todo o que nos din que está mal e supuxo problemas para a literatura da nosa rexión"

"Independentemente da ideoloxía, non creo que deban existir charlas políticas nun centro educativo, sexan estas obxectivas ou non, porque a obxectividade absoluta non existe"

"A charla estivo ben, xa que comentaba feitos de partidos de ultradereita baseándose nos documentos oficais dos propios partidos, dunha forma neutral. Tamén quero destacar que a información foi moi precisa e ben explicada".

"Paréceme importante que os estudantes coñezan os conceptos básicos da política para poder formar a súa opinión. Porén, nunha única charla non se pode afondar verdadeiramente, o que pode orixinar que resulte algo superficial e acelerada por falta de tempo".

Alumnado de 2º de Bacharelato


"Na miña opinión, este tipo de charlas son moi útiles para o alumnado, como esta en concreto, que trataba sobre a política de dereitas en España, fan un gran labor, lidiando contra o borreguismo político, que está moi extendido e fai moita falta informar, polo menos, ás novas xeracións de como sería o goberno, por exemplo, liderado polo partido Vox, e así saber os seus pros e os seus contras.

Persoalmente sitúome ideoloxicamente no bando da esquerda e aínda que non me identifico ao 100% con ningún partido político, si que sinto un claro rexeitamento cos partidos que defenden as dereitas, porque apoian a monarquía, presentan un discurso clasista, racista, etc, apoian a perda de dereitos e liberdades como o dereito ao aborto, a centralización político-administravo, defenden a relixión (cristiá), ou tradicións que se opoñen aos dereitos animais como as touradas.

En xeral, a charla, aínda que foi curta e breve en contidos, si que foi moi intuitiva e necesaria para o alumnado, ademais tivemos a sorte de escoitar unha licenciada en Ciencias Políticas que sabía presentar este tema de xeito formal, directo e claro".

Román Meijomín Procino, 2º Bacharelato

"Na miña opinión, como defensor da cultura xeral, penso que son charlas coma esta as que de verdade precisa a mocidade da nosa idade. Cada vez máis a xente prefire evitar as noticias e caer na desinformación que provoca o crecemento de partidos de ultradereita, como é o caso de Vox, ou, nalgúns casos o PP. Teño a sensación de que, cada vez máis, os que defendemos e apoiamos a igualdade e diversidade somos máis criticados pola xente que, moitas veces debido ao pasotismo ou desinterese, non é consciente do dano que poden causar ideas tan conservadoras como as que defenden os partidos coma Vox. 

Ao saír da conferencia escoitei críticas cara a esta, e a favor de extremismos que reafirmaron na miña idea de que son, precisamente estas charlas, as que necesitamos. Máis aínda tendo as eleccións á volta da esquina".

Xoán Lois Fernández








15 xaneiro, 2023

Encontro con Ángela Fernández Da Silva

O próximo mércores 18 teremos a primeira das conferencias que neste 2023 nos ofrece a USC grazas ao seu programa A Ponte. Nesta ocasión, Ángela Fernández Da Silva, profesora de Ciencia Política e Avaliación de Políticas Públicas e Administracións Públicas falaranos sobre a extrema dereita en España.


 

22 decembro, 2022

Ao fío de... Encontro con Emma

 

Emma Álvarez Conde, exalumna do IES Ramón María Aller Ulloa, enxeñeira informática pola UVIGO, cun Mestrado en "Deseño de Interfaces e experiencias de usuario", e que na actualidade traballa como consultora tecnolóxica na empresa ACCENTURE vén de dar unha charla ao alumnado de Tecnoloxía Industrial e Debuxo Técnico do Bacharelato e ao dos Ciclos de Informática SMR2 e DAW1.

Emma explicou a dinámica de traballo e estudo das distintas materias do Grao de Informática, as dificultades coas que se atopan os estudantes do primeiro ano que chegan desde o Bacharelato e tamén as dos que acceden desde os Ciclos de Informática, así como as saídas laborais deste grao, facendo fincapé en que nestes momentos existe unha grande demanda de traballadores con este perfil e con posibilidades laborais moi diversas.

Tamén comentou a súa experiencia ao participar no programa Erasmus e como representante do estudantado na súa etapa universitaria.

Francisco Otero, profesor de Debuxo Técnico.


A seguir, algúns comentarios dos asistentes á charla:

"Resultome moi interesante posto que na maioría das ocasións a xente non sabe que esperar da Universidade, nin do mundo laboral. Axudoume a ter unha imaxe máis clara do que podo esperar ao saír do Instituto, a pesar de que non estou interesada nesa rama da Tecnoloxía"
Sandra González, alumna do 1º curso de Bacharelato

"Serviume para coñecer novas carreiras e a saber da experiencia dunha exalumna do centro dáme máis tranquilidade"
Pablo Silva, alumno do 1º curso de Bacharelato


"No meu caso particular, querendo, ou tendo pensado en estudar enxeñería informática, pareceume realmente interesante coñecer tanto o modus operandi como as saídas laborais da carreira, para así poder tomar unha boa decisión sobre o meu futuro profesional".
Rodrigo Fernández, alumno do 2º curso de Bacharelato









16 decembro, 2022

Encontro con Emma Álvarez Conde

O vindeiro 19 de decembro estará de volta nas aulas do IES Aller Ulloa Emma Álvarez Conde, mais desta vez xa como muller traballadora. Da man desta ex-alumna, os rapaces e as rapazas de Tecnoloxía e Enxeñería I, Tecnoloxía Industrial II, Debuxo Técnico I e II e Desenvolvemento de Aplicacións Webs  resolverán as posibles dúbidas sobre o estudo no Grao de Enxeñería Informática. 

O luns darémosvos conta do encontro.


 

A seguir e ao abeiro da sección Coa nosa xente, recordamos a Emma de cando o seu paso polo 2º do Bacharelato.

Emma. Curso 2016-2017. Copyright IES Aller Ulloa

05 abril, 2022

Encontro con Juan Gestal Otero : "Historia das pandemias"

Organizado e coordinado polas profesoras Alba Payo de Xeografía e Historia e Ana Penas de Bioloxía, o mércores 6 terá lugar un Encontro con Juan Gestal Otero arredor da Historia das pandemias e que terá como destinatario o alumnado de 4º da ESO de Cultura científica.

Que mellor maneira que o coñecemento da historia das pandemias para comprendermos a magnitude da pandemia actual da COVID-19.

E ao fío do Encontro con Juan Gestal non está de máis botarlle unha tranquila ollada ao libro Pandemias, froito da Exposición Pandemias, proxecto desenvolvido o curso anterior. 

 

08 marzo, 2022

Encontro con Avelino Cerdeiras

 Avelino Cerdeiras, autónomo cunha longa traxectoria en consultoría de empresas, achegarase ata o noso centro para conversar co alumnado do segundo curso dos Ciclos Formativos de Grao Superior. Estes estudantes que están a piques de incorporarse ao mundo laboral terán, así,  a oportunidade de ver unha imaxe máis real e directa do mundo do traballo.







06 marzo, 2022

Encontro con Horacio García e Marcos Valcárcel

O luns 7 de marzo visitaranos, de novo, Horacio García, e desta volta virá acompañado do tamén xeógrafo e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Marcos Valcárcel. Os dous amosarán ao alumnado de 1º do Bacharelato unha visión máis que atractiva desta disciplina.

Horacio García, ademais de facer un breve percorrido pola súa traxectoria académica, dende o instituto en Palas de Reis a universidades de Chile, Lión ou Nova Celandia, explicaralles en que consiste na actualidade a formación dos xeógrafos e xeógrafas e cales son as súas aplicacións e saídas profesionais. Unha presentación que, de seguro, lles fará entender que a Xeografía é moito máis que capitais.




03 marzo, 2022

Encontro con Antón Iglesias

Mañá venres, o alumnado do Bacharelato de Artes terá a oportunidade de dar un "Paseo arredor da arte" co artista e veciño, Antón Iglesias, que lles ofrecerá unha visión próxima e realista da vida do artista actual.

Aquí vos deixamos o cartel publicitario da actividade:



21 febreiro, 2022

Encontro con Mónica González Otero

Este martes 22 teremos outra sesión coa Xente de noso, neste caso será Mónica González Otero, ex-alumna e actualmente inspectora de traballo e seguridade social, que se achegará ata o noso centro para "Desmontando bulos" mostrar ao alumnado o labor dos inspectores de traballo.



17 novembro, 2021

Encontro con Xosé Paio

O traballo desde as bibliotecas escolares non ten sentido sen o alumnado, destinatario das actividades. Pero o mellor é cando eles mesmos son os creadores dos contidos, por iso quixemos que Payo, xa xubilado, estivese connosco e lles ensinase aos rapaces e rapazas de Debuxo artístico o que levan facendo os seus compañeiros e as súas compañeiras desde hai anos, e como a biblioteca pode ser unha boa lanzadeira para o seu futuro profesional como deseñadores, creativos ou artistas.

Payo retirouse, e agora desfrutamos da súa presenza e sabedoría.




04 xuño, 2021

Ao fío do encontro con Marcos Calveiro

Xa podemos ler as reflexións feitas por alumnado de 1º do Bacharelato, ao fío do encontro co escritor Marcos Calveiro.

A charla con Marcos Calveiro foi de grande interese. Neste curso lemos dous libros del, Fontán e O xardineiro dos ingleses. En ambas as dúas obras houbo detalles que me foron difíciles de entender ao lelas, pero estas dúbidas foron aclaradas polo propio autor. A nivel máis persoal, Calveiro falou de problemas que había na súa comarca cando era mozo (e que seguen existindo, aínda que en menor medida) coma o tráfico de drogas. Isto é algo do que che pode falar moita xente, pero unicamente alguén que o viviu pode relatar fielmente o que era iso e a dor que lle causou a tantas familias.

Tomás Varela Rodríguez

O luns recibimos a Marcos Calveiro na nosa clase para desfrutar dunha charla que me resultou moi entretida, xa que foi ensinándonos imaxes dos lugares nos que ocorreran as historias que leramos, tanto en Fontán como n’ O xardineiro dos ingleses, e coas que tamén me dei conta de detalles que na lectura non apreciara. Ademais, contounos abertamente un pouco da súa infancia en Vilagarcía, e os problemas que alí había, sobre todo coas drogas.

Marta Simón Reboredo

Persoalmente pareceume moi entretida a visita do escritor Marcos Calveiro ao centro. Achegoume unha perspectiva diferente a súa charla, logo de ler as súas novelas Fontán e O xardineiro dos ingleses, xa que nos aclarou varios conceptos de ambos libros. Ademais, gustoume que nos ensinase fotos e falase sobre Vilagarcía e a conexión que ten co segundo libro, e mesmo coa súa vida persoal. Por outra banda, pareceume moi interesante a forma na que escribe os seus libros porque, como nos contou, empeza por elaborar un final e logo vai escribindo por partes sen un sentido concreto, para finalmente xuntalas todas nunha orde cronolóxica correcta.

Aroa Soto Areán

Hai uns días os alumnos e as alumnas de 1º A do BAC recibimos a visita de Marcos Calveiro, un  escritor de Vilagarcía que veu falarnos un pouco sobre dous dos seus libros,  “Fontán” e “O Xardineiro dos Ingleses”. Despois do que el nos contou sobre estas obras, eu destaco tres puntos que foron os que me chamaron máis a atención. Marcos Calveiro comentounos que el, cando comeza a escribir unha novela, non escribe a historia toda deseguido, senón que a escribe por escenas e logo xúntaas para así realizar a novela completa. Por outra parte, tamén me resultou estraño que as dúas novelas das que veu falar traten sobre temas reais que aconteceron aquí en Galicia. Xa por último o autor comentounos que el, á parte de ser escritor, tamén ten outros negocios que son os que lle permiten vivir, xa que dixo que  a escritura en galego non dá para vivir, e iso foi algo que me impactou moito, xa que ao publicar tantas boas novelas cría que se dedicaba soamente a iso.

Adrián Jorge Muíños

Cando ves por primeira vez a Marcos Calveiro e a súa mochila de peregrino, esta imaxe xa anticipa o percorrido histórico que nos vai realizar a través da súa vila natal, como xa fixera nos seus libros, demostrando de novo a habilidade de mesturar realidade, ficción e experiencias propias. Tamén nos ensinou a importancia de valorar o propio e descubrimos moitas figuras descoñecidas, animándonos a converternos nunha delas.

Brais Iglesias Montes