12 maio, 2024

Marela para o Proxecto "Lalín, o concello das mil vacas"


Como ramo ao
Proxecto competencial Lalín, o concello das mil vacas, desenvolvido polo alumnado de 2º da ESO da materia de Libre disposición, polo do Club de lectura ABCD do 1º ciclo da ESO e polo do Club de lectura Tarabelos I de 3º da ESO, so a coordinación de Carmen Frade (ideóloga do Proxecto), Iria Ares, Sylvia Cea e Uxía Nogueira, editamos un novo boletín d’ A Marela Tarabela, o nº 33, monográfico que escolma os tres apartados básicos nos que foi estruturado: entrevistas, memorias dunhas nenas labregas e antoloxía literaria de temática gandeira e agraria, suxestións de lectura
Ao respecto, a coordinación do mesmo cualifica o Proxecto de necesario co obxectivo de reivindicar o papel social, cultural e económico que o campo xogou e xoga na dinamización da economía e das tradicións. Todo un reto para pór en valor o noso pasado etnográfico entroncado co devir presente da actividade gandeira e xaora agraria.

Lembrade que podedes descargala en PDF

09 maio, 2024

Gandaría: muíños e pensos

O alumnado de 2º e 3º de ESO  que está a traballar no proxecto interdisciplinar "Lalín, o concello das mil vacas" gozou onte dunha actividade lúdico-didáctica que cambiou as aulas do Aller Ulloa pola natureza de ribeira e a nova planta de NUDESA.

O percorrido á beira do Río Santa Lucía permitiu ao alumnado seguir ampliando os seus coñecementos sobre a gandaría e agricultura da época dos seus avós: muíños de río para moer os cereais, como o Muíño de Cuíña, en funcionamento desde 1917; lameiros ou herbeiras, desde onde se carrexa a herba verde e que hoxe teñen outros usos; ameneiros para solar os zocos. Xa nas marxe do Deza aprécianse os restos dunha antiga central hidroeléctrica que desde os anos 50 levaba electricidade ás explotacións. 

O percorrido gandeiro rematou no Pazo de Trasfontao, para coñecer as condicións de vida dos propietarios da terra ata a rendición dos foros: casa grande, capela, pombal, carballeiras.

E xa no polígono industrial de Silleda, deu un chouto no tempo para trasladarse ata este 2024 no que NUDESA inaugurou a súa nova planta: pensos elaborados á carta, segundo as necesidades de cada explotación gandeira; tecnoloxía punteira e deseños de premio; postos de traballo para as xentes da zona e emisións 0.

O noso agradecemento á empresa en xeral por permitirnos a visita, e máis especificamente a todos os traballadores e as traballadoras que nos atenderon, explicaron e resolveron dúbidas.

A seguir, unhas imaxes do alumnado cos seus profesores Carmen Frade (ideóloga do proxecto), Borja Costoya e Uxía Nogueira.















 




























07 maio, 2024

XI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada : Veredicto e textos premiados

O xurado do XI Concurso Literario Mª Vitoria Taboada acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:

1º premio na categoría de relato curto a NOA GIL ROZADOS polo relato "Euxea", pola imaxinativa posta en escena dos atractivos da paixón lectora nun tempo que conspira constantemente contra ela.

Accésit na categoría de relato curto para NOA GIL ROZADOS  polo relato titulado "A tronada", por expresar e denunciar con valentía mediante a literatura a traxedia e drama do alcoholismo no ámbito familiar.

1º premio na categoría de poesía para AROA AMORÍN NEGRO polo conxunto de poemas titulados, respectivamente “As paces coa casa”, “Catarse” e “Obsesiva”; por expresar de forma directísima, pero perspicaz e sensible, as complexidades das experiencias familiares e amorosas, e o seu impacto mantido ao longo do tempo.

Accésit na categoría de poesía para LEDICIA SILVA FERNÁNDEZ polo conxunto de poemas titulados, respectivamente, Comecei con medo”, “Un nubeiro” e “E agora por fin; por reflectir con sinceridade e delicadeza as trampas das amizades tóxicas.

O xurado considerou deixar deserto o premio de sketch teatral.

A entrega de premios terá lugar na Biblioteca do instituto o luns 20 de maio.

A edición do libro cos textos premiados estará acompañada de ilustracións que realizará o alumnado do Bacharelato de Artes e que presentaremos no seu momento.

A seguir os textos premiados (o cartel da portada é obra de Pedro Alonso Cascallana.